5.7.12

Mata, mata!


Nun verán especialmente caloroso que abrasaba as colleitas, a cidade de Roma morría coa fame. O comandante da frota imperial, aportada en Alexandría, preguntou ao césar, por medio dos correos, qué xénero cargaba nas galeras, se gran de pantrigo ou area para o circo. O emperador non o dubidou e a frota transportou toneladas da area da máis fina de Nubia, unha area que disque enchoupaba especialmente ben o sangue, que, de homes e bestas, manaba en abundante efusión durante os xogos. O ser humano leva decenas de miles de anos reiterando comportamentos e actitudes, que, consonte as modas e usos de cada época, remiten sempre á nosa cerna irracional, imperfecta, contraditoria. Xa aprete a fame ou a prima de risco; xa preocupe a invasión dos xermanos ou a petulancia de frau Merkel; xa escandalicen os fastos de Nerón ou as viaxes de Dívar, todo pode zarrapecharse nun saudable stand-by mentres damos renda solta ao instinto primixenio: Mata! mata! bramaba aos gladiadores o populacho do Coloseo. Hoxe, é a caixa tonta a vítima inocente de toda sorte de execracións: «Gilipollas!»,  bérralle enardecido un honrado dentista a Ronaldo; «puto inútil!», un avogado de éxito a Arbeloa canda perde un balón; «fillo dunha cadela!», unha funcionaria do catastro a Buffon cando atrapa o esférico. Imaxino que Séneca, capaz das máis excelsas reflexións sobre a vida, babeaba co gusto vendo como unha leona papaba un cristián igual que, dous mil anos máis tarde, «es don Pancracio Sabino, un señor la mar de fino, pero el domingo en la grada es un tigre de bengala». Berrei emocionado cos meus fillos e amigos cando lle empaquetamos catro goles como catro soles a Italia,  e compartín a ledicia do país, pois, entre outras razóns, os frikis incapaces de facer o que fai a maioría só polo gusto de tocar a paletilla sempre me produciron hipercloridria. Pero nin a irracionalidade basal nin o medo a parecer un vello lobo, solitario e cascarrabias, son quen de reprimir certos escrúpulos: que sexan once tíos arreándolle a unha pelota os directos responsables de ter sublimado (entendo que puntualmente) a vergonza colectiva da nosa propia bandeira é algo que, no fondo, debera ser motivo de reflexión para unha sociedade civil. Por outra banda, sempre estimei como trazo fundamental dos heroes a súa xenerosidade e sublime desprendemento. A heroicidade da roja ten tarifa: 300000 napos por heroe. Esa exemplar nobreza do deporte, que tanto aplaudimos estes días.

No hay comentarios: