13.6.12

Mundos paralelos


Dotado da sensatez propia de quen botou a sonda na tontería humana sen lle atopar fondo, o exalcalde da Coruña, Francisco Vázquez, referíase en certas declaracións ás preocupacións reais dos cidadáns fronte ás cuitas que políticos e medios de comunicación queren facernos sentir coma nosas. Naquelas declaracións afirmaba, con ironía, que a reforma do Senado era un asunto que de certo non deixaba durmir aos españois. Eu creo, en efecto, que vivimos en mundos paralelos. Ata a emerxencia da xeración Marconi, a aldea global e a máis recente eclosión da Internet, a xeneralidade das persoas apenas si tiñan outro horizonte que as luces e miserias da súa vida cotiá. De feito, deses mundos paralelos, un, o tanxible e próximo, segue sendo o mesmo que foi sempre: o constitúen as nosas angueiras, rutinas, suores, ledicias e tristuras cotiás e abondo temos de aturar con todo: traballamos (ou buscamos traballo) e representamos como podemos os papeis que a vida nos asigna: pais, nais, irmáns, fillos, xefes ou mandados, ricos ou pobres, sans ou enfermos, famosos ou descoñecidos, populares ou anónimos, sos ou acompañados…  O outro mundo é, en termos históricos, unha novidade, pois ata hai nada o peso dos mass media era socialmente inapreciable: complexos asuntos que se desenvolven nun entramado paralelo ás nosas venturas e desventuras íntimas e respecto dos cales, penso eu, se incrementa pouco e pouco o convencemento da nosa absoluta incapacidade, en canto meros cidadáns, para influílos. Non sei vostede, pero eu, cando a media mañán, decido tomar un café cun bocado e botarlle un ollo ao xornal que teña a man, comprobo as miñas insalvables dificultades para desenguedellar as claves do conflito sirio, da crise de Bankia ou do rescate financeiro do país, e, cun sentimento non exento de pudor, mesmo recoñezo que, no maremágnum dos compromisos diarios, me importan tres puñetas. Ben sei que na periferia informativa (sexa impresa, dixital ou audiovisual), unha lexión de hermeneutas, eséxetas e arbitristas de toda laia están ao meu servizo para a correcta interpretación, e aínda solución, de tan trascendentes cuestións, pero, ao cabo, tal balbordo mediático remata por frustrar máis a miña pretensión de ser un cidadán exemplar e impecablemente informado. O finado de meu pai, que era home tamén de probada sensatez, saltaba directamente todas as páxinas internacionais do xornal. Unha vez interrogueino sobre unha práctica tan peculiar e repuxo: «Pero ti cres que a min me importa o que pase en Tailandia?». Pensei: tampouco é mal sistema.

No hay comentarios: