20.6.12

Krísis (en grego 'elección')


O chiste, clásico, é do grandísimo Gila: «―Niño, ¿tú cuantos años tienes? Diez. Pues yo a tus años ya tenía once». Cantas máis velas, en efecto, engadimos á tarta, máis imos cedendo á perigosa sedución de «Eu, aos teus anos…», argumento que simboliza unha relación traumática co presente, en virtude da cal o pasado aparécesenos como unha sorte de Arcadia feliz na que reinaba a harmonía e os carballos secretaban docísimo mel. Eu creo, polo demais, que é consubstancial á nosa condición humana crermos que os tempos que nos toca vivir son sempre os da apocalipse final e que nunca o mundo coñeceu tanta falsidade, egoísmo, crueldade, depravación, envexa, frivolidade e  estupidez. No canto de ler tanta tontería envolta niso que chaman novidades, permítome recomendar ao benévolo lector unha novela clásica, Sinuhé o Exipcio, na que o finés Mika Waltari demostra, con mestría de espadista, que non hai nada novo baixo o sol e que ata os extremos máis rigorosos da vesania están xa inventados. Baixo este prisma, intento todos os días relativizar as consecuencias da profunda crise dos nosos días. Vale que cada momento ten as súas condicións peculiares e que de pouco serve alimentarse patoloxicamente do pasado, pero levar ao extremo este criterio sería tanto como negar as proveitosas leccións da nosa propia experiencia. Un exemplo. Cóntanme que un grupo de alumnos universitarios están pechados en certa facultade pois reclaman que a súa biblioteca abra toda a noite. Polo visto, se lles explicou que os custos de mantemento e persoal que esa ampliación de horario supoñería é inasumible na actual situación de carestía de recursos. Penso: a) se non pode ser, non pode ser. Que estuden na casa ou dentro dunha banda horaria razoable, pero b) estes mozos pertencen a unha xeración cunha nula tolerancia ás negativas. De xeito tal, infiro: a) na miña mocidade, reclamacións sociais, políticas e ideolóxicas de moito máis calado (e non a pataleta duns consentidos) se arranxaban en media hora cunha dotación dos  «grises», pero b) ¿non é certo que en todo tempo a mocidade é a idade da rebeldía, e que, mutatis mutandis, é o máis natural que os mozos manifesten a súa inadaptación? Sinto, ao cabo, que só teño dúbidas nesta época de incertezas e agoiros. Chego a intuír en cada rescate financeiro un moderno tratado de Versalles, que rematará por alentar algún mesías de gardarroupía a salvar a patria. Porque se algo sobra na historia son crises e caudillos.

No hay comentarios: