22.3.12
Os manguitos do turbo e a política
Iso de que as comparacións son odiosas non vale para a retórica, nobre arte do discurso, onde as comparacións se denominan símiles ou metáforas, co cal, ben en troques de resultaren odiosas, as comparacións poden ser belísimas e aínda sublimes. Logo desta captatio benevolentiae, voume permitir un símil: o actual sistema de partidos é como o coche. Cando este funciona mal, levámolo ao taller convencidos dunha única cousa: que funciona mal. Logo, o tipo do taller, enfundado nun buzo cheo de lamparóns, colócanos unha milonga sobre os manguitos do turbo ou a bomba do aceite e nos casca 600 euros máis contento ca un rato enriba dun queixo. Pagamos relixiosamente confiados na veracidade do seu informe e «a outra cousa volvoreta», como me dixeron un día. Pero, igual que me anoxaría que o gicho do taller me reportara unha detallada diagnose sobre os manguitos do turbo, eu me salto sistematicamente os profundos artigos sobre as crises dos partidos da lexión de analistas políticos que menudean nois xornais pola sinxela razón de que me aburren infinitamente. Ora ben, que eu, e moitos máis cidadáns coma min, pasemos olimpicamente dos pareceres de tanto sabio non quere dicir que nos chupemos o dedo e non identifiquemos, por baixo de tanta cantinela, o «extracto seco primitivo» do asunto. Sen a marxe de confianza que eu outorgo ao mecánico do taller, a cousa simplemente non funcionaría, ao igual que o sistema non se sostería sen o pacto tácito que os cidadáns establecemos cos representantes dos partidos, un pacto en boa medida baseado en mirar para outro lado cando cheira mal. Para alén, polo tanto, de argumentos, correntes ideolóxicas, tendencias, interpretacións, conxunturas e correlacións de forzas, eu, que son máis curto ca o rabo da pucha, comprobo que cando a fame entra pola porta, o amor escapa pola fiestra. O espectáculo que veñen ofrecendo nos últimos meses o pesoe e o benegá é a irrefutable demostración de que, en política, cando toca subirse ao machito, todo é harmonía, comprensión e amor fraterno (malia sexa só de cara á galería). Pero cando a vontade popular ―ai, tan veleta e caprichosa― ditamina que toca recoller os bártulos, comezan os gorrrazos. Saen candidatas á poltrona como coellos de chisteira, amigos inveterados traizoan a súa fidelidade con absoltua impudicia, e unha organización frontista, que no fondo era como unha festa moteira onde o único elemento de unión era teren todos os asistentes unha moto, esmiúzase no prazo de semanas, mentres o seu teórico lider anima aos descontentos a marcharen canto antes. É o que hai. Persoalmente, cústame moito menos confiar en que saio do taller cos manguitos do turbo arranxados. Será porque non entendo nada de mecánica.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario