15.3.12

A couza


Hai pouco alguén afeoume a corrección á que sometín un escrito alleo, tildando de petulancia e pedantería o que era para min unha meditada mellora da redacción en termos de galantería consciente, altura léxica e fluidez sintáctica. A isto chegamos. Hoxe, cando campan ao seu antollo a zafiedade e o bulldózer de que todo vale, a pretensión estética é afectación, a xentileza clasismo, a educacion aburguesamento. Hoxe nin os sinvergonzas teñen estilo. Porque, é certo, galopíns e tipos que non se avermellaron na vida hóuboos sempre, pero, cando menos, facían gala de certas ínfulas que os afastaban do común dos mortais. Eu lembro un banqueiro da jet-set, galego de Tui se non erro, unha preciosidade el, que daba xenio miralo, almidonado, moreno de lamparilla, o pelo adherido ao cráneo como se o lambera unha vaca, de traxe armani impecable e manicura de esteticién, que, tras levar un honoris causa por non sei qué universdidade que tamén vaia papelón deu cos seus ósos no talego por unha porción de trapacerías e manganchas que non puido negar. Aquel gordán de tetelas trémulas e bandullo hipertrofiado, presidente dun clube de primeira división, mergullando as lorzas nunha piscina na envexable compaña de tres garotas de impresión e ríndose de todo bicho vivente, compoñía unha imaxe que exercía un inexplicable morbo en juanito español, quen, para o seu chaleque, sempre admirou o espabilao capaz de facer diñeiro fácil, aínda a custa dunha promoción inmobiliaria que veu abaixo causando unha serie de mortes. Ficará para sempre nos anais da máis depurada sinvergonzonería patria a estampa daquel director do benemérito corpo bailando en cirolas e colocado ata as trancas de cocaína. Todas elas mostras dunha ousadía, unha desfachatez e un estilo propios que candidataba a estes pájaros a ingresaren na historia universal da infamia de don Jorge arxentino. Hoxe, en troques, os sinvergonzas son uns tipos vulgares, anónimos, cobardes, de caracolillos no pelo, que actúan con testaferro e pululan de Camerún a Andorra, como os ácaros na tela dun sofá caro ou as toupas nun coidado xardín, minando o subsolo dun sistema que, na epiderme, semella o mundo feliz de Huxley. Non gastan fama nin falta que lles fai, pero cando toca caer sacuden ben a manta para que todas as pulgas se desprendan. E as pulgas son, ou foron, ministros, conselleiros, alcaldes, directores xerais, xefes de gabinete, empresarios, concelleiros, ata futbolistas retirados. E os cidadáns, que afrontan todas as mañáns a torva perspectiva dunha durísima crise, asisten atónitos a un mercadillo onde un falabarato lles quere endosar un moble de madeira nobre, en apariencia puído e brillante, pero, no fondo, roído pola couza e a piques de facerse pó.

2 comentarios:

M. DIÉGUEZ dijo...

Pois si. Vaia tres deuses do Olimpo. Pero a parroquia foi medrando e o que gañamos en cantidade perdémolo en calidade. A ver que universidade se atreve hoxe con Dorribo. O dos bancos, dos clubs de fútbol e dos concellos, iso xa é outra cousa. Apertas e gracias polo artigo, magnífico, coma sempre.

juan l. blanco valdés dijo...

En efecto, Manolo, o que gañamos en cantidade perdémolo en calidade, porque a dos tres "fichas" de referencia era pata negra, tío. Apertas fortes, amigo.