Chatear era hai uns anos un extraordinario exercicio de relación social, no que a conversa, distendida e sempre chispeante, xiraba e evoluía ao ritmo das diferentes tascas que se visitaban (que fermosísima palabra!) e a calidade das tapas e caldos que nestas se servían. Chateábase ao remate do labor -antes do xantar e antes da cea- e a tal punto era un costume respectable que en certa vila fixose famosa a Confraría da Unha, pois a esa hora do mediodía xuntábase durante anos un grupo fixo de amigotes que chegou a acadar o rango dunha verdadeira institución. Hoxe -capricho das linguas que fan concluir no mesmo vocábulo termos tan distintos como o inglés chat e o enxebre chato- chatear é, curiosamente tamén, unha forma de relación, pero acaso máis fría, aséptica e mesmo perigosa que a charla inocua arredor dunhas cuncas de viño malo. Se invoco a verba navegar de certo que en primeira instancia non pensa vostede en chalanas, jamelas nin nos mares do mundo, a que non? Xa ven, mensaxe é unha cousa e mail outra, porque todo mail é unha mensaxe pero non toda mensaxe é un mail. Pois ben, nun recente mail, unha xornalista amiga asegurábame o outro día, a respecto do pantasma terrible do desemprego, que ela, como autónoma que é, traballa sen rede. Parvo de min, botei aínda un bo rato para chegar a entender que a miña amiga non se refería á posibilidade de traballar sen acceso a internet -herexía inconcibible, pestífero anatema, blasfemia horrendísima!!- senón á imaxe metafórica da rede, física e tanxible, coa que traballan para non arrriscaren a vida nunha eventual caída, trapecistas e obreiros da construción, valendo a metáfora o risco permanente, cal espada damóclica, de ficar sen traballo cando menos un o espera.
As linguas cambian, seguirán cambiando, e a vida segue nos seus tráfagos e axetreos. De por parte, quixera compartir a rede, unha gran rede de forte adibal, que contivera a caída de tanta boa xente como no mundo é, magníficos profesionais como a miña amiga Rosa, e que, en troques, deixara caer polos buratos entre os nos a canto inútil e indocumentado nos perdoa a vida diariamente. Nunca choveu que non escampara.