17.9.11

Estorniños e pardais todos queren ser iguais

Nas miñas aulas do mestrado de edición, teimo moito nunha idea para que os alumnos se vaian afacendo a un mester que non todo o mundo é quen de asumir: a metade do tempo útil dun editor vaise en rajar. E non só hai que falar, e moito, Hai que convencer falando, o cal xa é máis complicado. Porque por falar, hai xente que fala a dios pero sen miolo. Na miña vila había unha señora de mal nome a Muda porque non calaba e mareaba a maría santísima. Non. Un editor debe falar, moito porque son moitas as horas que traballa, pero debe facelo con tino, asisadamente, con autoridade e transmitindo convicción. Casi ná. Pode parecer esaxerado, pero canto máis cumpra con tales preceptos, mellor lle irá, e falo pola miña experiencia. Aos autores nas editoriais pásalles cos seus orixinais como aos pais nos colexios ou aos xardíns dos acaroados (adosados para quen non estea ao tanto das innovacións léxicas máis enxebres): tendemos inevitablemente a pensar que o noso é o máis bonito, riquiño e por suposto o que merece unha atención máis inmediata. Esta permanente tensión entre a esixencia derivada dun rutineiro que hay de lo mío e a xestión coparticipada de cincuenta orixinais en fases diversas configura, sen remedio nin edulcorante algún, que un dispositivo oral diplomático, contundente pero moderado nas formas e que emane autoridade e coñecemento sexa a ferramenta laboral sobre a que alicerza o éxito dunha xestión tan complexa. Doutra parte, tamén me fai pensar que o uniforme de traballo dun editor debera ser un mono de amianto e unha mangueira pois, ao cabo, non fai senón apagar lumes todo o día. O autor ou autora vaidoso, repelente, pagado de si propio e convencido de saber facer libros é un xénero que abunda máis do que cómpre. Transaccionar ideas con xente tan impermeable é un exercicio de paciencia especialmente extenuante: cando queren facer valer, coa ousadía propia do ignorante, o seu criterio técnico fronte ao do propio editor, chega o tempo de botar man das imaxes ou símiles e preguntarlles se, cando teñen ao técnico da lavadora ou o fontaneiro na casa, tamén lle impoñen por onde meter a chave inglesa ou que tubo é o que deben cambiar. Os cagaprisas, vítimas permanentes da angueira que lles provoca a impaciencia, son tamén outra pandemia. Entregan o orixinal un luns coa ínfula de teren o libro publicado o venres, invocando non se sabe que premuras. Un vello impresor que eu coñecín, moi sabio, tiña para estes suxeitos dúas pílulas infalibles. Cando lle entraban pola porta botando tacos e ristras e, convocando as potencias infernais, eran informados de que o libro aínda non estaba editado, o meu impresor, con apousado ton, lles subministraba unha imaxe zoolóxica chea de tenrura e bo siso:
-Á gata por parir con présas saíronlle cegos os gaticos.
Se a primeira pílula non daba efecto, ficáballe aínda a segunda, un plan b tan demoledor na súa impecable lóxica, que o impaciente cagaprisas non podía senón encartar a gaita, como se adoita dicir:
-Non hai traballos urxentes: hai encargos tardíos.
Do mellor que levo oído nos últimos tempos acerca desta espiñenta cuestión das relacións humanas no eido laboral e da resolución de conflitos, é algo que me contou un magnífico amigo da capital, que se dedica á informática de empresas dende hai moitos anos. Cando ve que a dialéctica co seu interlocutor está nun punto morto e a interacción de argumentos xa non é posible, recorre a endosarlle un refrán, o primeiro que se lle vén á cachola, que, por suposto, no 95% dos casos non ten absolutamente nada que ver co contexto da conversa:
-Y ¿sabes lo que te digo, campeón? Que casa de dos puertas mala es de guardar. Ou:
-Y además, fíjate lo que te digo hoy y recuérdalo cuando te sientes delanre del ordenador: no por mucho madrugar amanece más temprano.
O meu amigo está encantado coa estratexia: o pensamento lateral a que obriga unha sentenza tan extemporánea sume, polo visto, aos seus interlocutores nunha lagoa ou segmento branco, no que é preciso voltar a conectar cabos soltos. Un espazo que é aproveitado polo meu home para tomar folgos e rirse un pouco de todo. Ata de si propio. Vou rematar este post asegurándolle, querido amigo, que neste asunto da complexidade das nosas relacións nun mundo presidido polo estrés, as présas e a supervivencia do máis forte, teña sempre presente que can e gato non comen ben no mesmo prato.

2 comentarios:

Augus P.R. dijo...

A mención aos teus alumnos do mestrado en edición ao comezo do post fíxome sacar un soriso de complicidade. Graciñas pola porcentaxe que me corresponde desa mención.

juan l. blanco valdés dijo...

Augusto: desa complicidade saíron extraordinarias relacións (humanas e profesionais). A vida pode ser un sitio moi agradable e só depende de nós facérmolo así, non cres? Apertas co afecto de sempre.