5.3.11

Tónico cerebral

Xa non sei cando, vaticinaba eu o ingreso das reflexións deste humilde tugurio no papel impreso dos xornais. Chegados que son os tempos, veño colaborando dende hai cousa de tres ou catro meses no Xornal de Galicia e máis en Galicia Hoxe, medios onde a desproporcionada xenerosidade dos seus responsables destinou os meus artigos, nos dous casos, á contraportada. Penso, modestamente, que estas colaboracións poñen o contrapunto dos máis variados temas á tanta política de baratillo e tanto experto opinador sobre o futuro do país.
Un amigo, coñecedor de que tamén manteño esta bitácora, pregúntame -advertíndome que o fai sen retranca e que a pregunta é case literal- se, de tanto escribir, non temo acabe secándome o seso. Ao fío, ocórrenseme un par de argumentos. O certo é que este para min prezado recuncho que hai seis anos bauticei Fragmentos da Galaxia segue sendo o meu olliño dereito. Con independencia de que, en virtude da extrema maleabilidade da palabra e o texto, saiba Deus onde van rematar (nun xornal, compartidos en facebook, copiados e pegados noutra latitude...), as reflexións e pensamentos deste local son un pracer polo simple feito de crealos. Agora mesmo, mentres os meus dedos percorren, tan torpemente como hai vinte anos, o teclado branquinegro do portátil; mentres o meu oído vaga extasiado pola obertura à la française para clave en si menor de JS Bach, observo a extremaunción do día na Amaía: fíos de brétema reptan e se mesturan coas pequenas columnas do fume dalguén que queima rastrollo; as valgadas enchóupanse de escuridade, confúndese os verdes co negro da noite; todo comeza a iluminarse con milleiros de puntiños de luz dourada; un can ladra ao lonxe... Como, nestas circunstancias, o acto de crear non vai ser de seu pracenteiro? Como pode non contaxiarse o escrito da serenidade do momento en que se crea? Como evitar que se torne nun costume que, lonxe de evitarse como o vicio malsán, se busca, se bota en falta? Secarme o cerebro? Isto, benquerido amigo deste furancho, é zume para o cerebro, é tal que o tónico capilar para un señor con bisoñé. Polo demais, xa rematen nun xornal ou no perfil de facebook de algún ignoto cibernauta, este blog é -e seguirá sendo mentres se poida- a matriz , casa paterna e trademark de todo o que este menda poida dar aos prelos.
Disque, mentres Maria Fiódorovna lle facia o té nun relucente samovar, o cidadán Fiódor Dostojevsky anotaba nun caderno o prantexamento, o nó e o desenlace dos Irmáns Karámazov. Eu, mentres morre o día no val, entra o neno no garaxe coa súa bici e Sonia reparte a froita nos froiteiros, último esta autognose sabatina para, o máis aseada posible, "subila" nun tris á procelosa inmensidade do ciberocéano. A partir daí, deixará de ser miña. Vaia vostede saber onde remata.

No hay comentarios: