10.3.10

Ao desván por ir "sobrado"

As présas e os automatismos das rutinas, por veces derivadas de axendas de tolos, xogan malas pasadas como a que deu por resultado dous novos topónimos na xeografía galega: Desván de los Monjes e Toro. Verbo da segunda vila, eu sempre crín que estaba en Zamora e era terra de espiritosos caldos. Canto á primeira, prefiro non imaxinar o que eses demos e picaróns dos frades poden gardar no desván... En fin, que, por andar todo o día a correr, fiar de que unha máquina faga en segundos o que un ser humano debeu facer máis reflexivamente, regala pérolas coma esta do noso conselleiro de cultura. Ora, quen estea libre de pecado que bote a primeira pedra. Eu mesmo teño referido neste caderno algúns desgustos orixinados na aséptica estulticia das máquinas, que non discernen, por poñer un caso, bacon con minúscula de Bacon con maiúscula, de xeito que, nas probas dun libro que estaba próximo a editar, líanse cousas como esta: A doutrina de Touciño; no sistema filosófico de Touciño; ...opinión que era, para Touciño, claramente rexeitable... Volvendo atrás no proceso correctivo, descubrín que o tradutor, non atopando Bacon, cambiouno, sen empacho algún, por Touciño (respectando, iso si, a maiúscula, que listiño). Ao fío da anécdota do conselleiro Varela, nunha conversa con amigos alguén apuntaba outra alhaja, aparecida, polo visto, nun medio de prensa en galego: o tradutor cambiou camilla por padiola, de xeito que a pertinaz amante do delfín británico trocouse no pé da imaxe por Padiola Parker-Bowles.
As grallas, erros, malas lecturas e interpretacións viciadas son, na edición textual, e calquera que sexa a súa forma, intención e público, o pan de cada día, orixinando por veces descubrimentos e constatacións verdadeiramente curiosos. Relendo, hai uns días, unha antiga edición en oitavo (moi probablemente a primeira edición española, en tradución de Manuel Azaña, colección Granada, Jiménez Fraud Editor, Madrid, s/a) de La Biblia en España, do meu adorado Borrow, de quen falaba no post de hai uns días, pillei ao bo e venerable caixista (que abofé estarán dando malvas hai ben anos) nun renuncio doadamente explicable e, por demais, xustificado por unha mala, aínda que totalmente comprensible, interpretación. O texto di : En toda Asturias -dijo el botero- no hay otro río como éste para las truchas. Mire usted esas piedras grandes del fondo; pues cuando llega su época, si el tiempo es bueno, no se vende tantísima pesca como hay. Eu, que son can vello, lembraba a edición de Alianza (teño a 2ª reimpr., de 1987), onde, con seguridade contrastando co orixinal inglés, o treito repúxose á súa correcta lección: En toda Asturias -dijo el botero- no hay otro río como éste para las truchas. Mire usted esas piedras grandes del fondo; pues cuando llega su época, si el tiempo es bueno, no se ven de tantísima pesca como hay.
Non é certo que existe un chisco de determinismo en todo e que hai cousas que saen, así como cantadas? Sería o destino quen pediu a metedura de gamba conselleril? Que arcano misterioso agocha ese desván, ese toro? Chi lo sà!
[-Efectos colaterais].

5 comentarios:

apicultor dijo...

Xa, todo o que queira, amigo Juan Luis, pero veñen ao caso varias preguntas:
a) Cantos asesores persoais ten o Conselleiro? Canto cobran por non facer o seu traballo?
b) O señor Conselleiro é quen de facer lectura comprensiva? Se ser afirmativa a resposta, por que non corrixiu o erro ipso facto? Ou é que ignora o básico da toponimia galega e por iso de noite todos os gatos son pardos?
c) Etcétera.

P.S.: Vostede decatouse do Touciño, nonsí?

erre dijo...

Eu sei duns dobradores que se atoparon con que nunha peli tiñan que falar da música do conde Basie... E tardaron, polo visto, en decatarse do erro. Ai, as presas! (é)

cãosemdono dijo...

Touciño? Pero ese home non acaba de deixar o seu escano?

apicultor dijo...

E aínda desculpándoo por mor de supostas présas, amigo Juan Luis, ten tamén desculpa que o Conselleiro mentise ao Parlamento de Galicia afirmando rotundamente -e, de paso, insultando á oposición- que el non dixera tal cousa?

juan l. blanco valdés dijo...

Non, se, en efecto, non ten moito pase que un mandatario do nivel que se lle supón ao boss da cultura patria, non se decate in vivo da xogada do tradutor e sexa quen de reconstruír algo tan doado como os topónimos correctos, pero, en fin! Nestas andamos.
Amigo cão: iso foi o que crín nun primeiro momento, deixándome levar polo miña inquebrantable adhesión ao bipartito: Touriño of course! Pero non, era demasiado improbable polo contexto. Saúdos.
(Nota lexicocibernética: a palabra de verificación de hoxe é fragom. Non ssei por que, pero vénme á cabeza iribarnom).