17.1.10

Sen titulo. Sen imaxe.

Unha afectuosa comentarista bótame en cara que teño "castigados" aos seareiros deste remoto recanto de reflexión a un so post semanal. Alén da xentileza, que estimo no que ten de sempre necesario alento, debo recoñecer que, en efecto, ando un chisco preguiceiro ultimamente. E é que hai acontecementos que pesan coma lousas. Sei que a vida segue, que el muerto al hoyo y el vivo al bollo, que amence todos os días... pero por veces síntome extraordinariamente incómodo na miña pel humana. Non debera estar en Haití, botando unha man no que puidera, no canto de andar escribindo parvadas para vinte monas? (e perdón no que lle toque, prezado/a lector/a, pero vostede saberá disimular a miña carraxe). Quero dicir que hai cousas dunha natureza tan absoluta que desbotan a transcendencia de todo o demais. Unha cousa de natureza absoluta, que socava a nosa identidade racional, é que en trinta segundos morran cen mil persoas. Outra cousa absoluta é que nai natura bata con agresividade tan desmedida nun dos países máis pobres do mundo. Estarán Deus e o seu responsable do departamento celestial de actividades sísmicas satisfeitos? En que me diferencio eu de Benedito XVI ou do bispo de San Sebastián?
Preguntas. Preguntas que firen. Preguntas para as que non teño resposta. Non entanto, non sei de que escribir. Non atopo nada que sublime a idea de tanta dor allea, tanta que estraño se me fai non sexa miña..

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Gracias por facerme pensar. Pásanme dúas cousas: unha é que que a miña cabeza non é quen de asimilar certas cousas, e a outra é que estou xa afeita a noticias que nos contan como normais, como cotiás, cando nunca deberían chegar a selo.
Pero pregúntome, coma ti, que pinto aquí cando hai tanto que facer alá. O que daría eu por ir buscar algún meniño que hoxe non terá a quen abrazar, nin onde durmir, nin que comer.

juan l. blanco valdés dijo...

Fermosa e consoladora reflexión. Fondamente obrigado. Saúdos.