10.1.10

O espírito do alpinista


Nun momento da extraordinaria peli de Lawrence Kasdan, O turista accidental - da que xa falei nalgunha ocasión-, o irman do prota -un tío raro, como toda a familia- preguntado sobre o seu traballo, resposta:
-Poño chapas ás botellas nunha fábrica de gasosas. Pero, non crea, non é un traballo tan apaixonante como pode parecer a primeira vista.
Cando me preguntan sobre o meu traballo e digo que son editor, que, no esencial, me dedico a facer libros, as reaccións son diversas:
-Ah, xa. Un ah, xa pronunciado coa expresión de alguén que teme contaxiarse de algo perigoso se me toca.
-Qué bonito... e que difícil, non? Aquí difícil debe traducirse por 'absolutamente inútil'.
-E véndese algún? Esta e típica reacción impertinente, dalguén que, na propia pregunta, anticipa a máis obvia resposta, e que, no fondo, cre que dedicarse aos libros é unha perda de tempo, propia de quen non vale para nada de máis proveito.
-Fascinante. A min paréceme un dos traballos máis interesantes que existe. Vale. Alguén sincero. Hai temita. Se iso mo dixera unha guapa moza hai vinte anos na barra dunha disco ás catro da mañán, non respondía de min.
Un tipo que coñezo, bastante primitivo, transportista fixo dunha editorial, recoñeceume unha vez:
-Cajondiós, eu que xurei non volver coller un libro cando deixei a escola, e non fago máis ca carrexar libros dun lado pa outro.
Un espello invertido do que me ocorre a min. Canto máis penetro os arcanos da bibliofilia, máis bibliófilo me volvo. Un amigo convidoume hai pouco a compartir con el os seus tesouros, entre eles, dous magníficos facsímiles leonardinos de Giunti e unha rara Holy Bible, de fins do XIX, unha auténtica ganga adquirida en Londres. Entre copa e copa dun excelente rioja co que o meu anfitrión quixo complementar o erudito encontro, confesoume que a miña visita e interese o reconciliaba co pastón que leva gastado nestas xoias bibliográficas. Ante os meus comentarios, nos que se mesturaban entusiasmo e cuestións técnicas, o meu colega, con expresión melancólica aseguroume:
-O teu traballo é tan incomprendido! Recibo montóns de amigos e nin sequera se me ocorre amosarlle estes libros porque, por baixo das súas palabras forzadamente corteses, non atopo máis ca indeferenza.
En efecto, independemente de vivirmos tempos de crise, creo que, dende a súa orixe, o oficio do editor ten moito do espírito do alpinista: frío, soidade, dor, anonimato... pero a visión dunha paisaxe impresionante, reservada a ben poucos.
Nota: "El espíritu del alpinista" é o título dun artigo xornalístico publicado por Roberto Blanco Torres na década dos trinta.



6 comentarios:

paideleo dijo...

Debe de ser unha marabilla de traballo. Dígocho eu que busco libros en casas abandoadas, en tendas de ocasión e ata en escombreiras.
Seméllame un lugar incompleto o centro comercial Gran Vía sen un miserable quisco polo menos.

paideleo dijo...

Quiosco no canto de quisco, claro.

juan l. blanco valdés dijo...

Quisco é un fermoso, malia involuntario, neoloxismo. Mesmo, botando man dos vellos chascarrillos, poderiamos traducir "Hoxe niguén le" ao ruso por Nikiskinokisco. Saúdos.

patricia dijo...

Despois de algo mais dun ano paseando casi a diario por esta bitácora por fin me decido a escribir .
A pereza intelectual na maioria dos casos, as consultas esporádicas as prisas etc...Tantas cousas leidas que sentín cercanas e fun quen de compartir...outras tantas que me fixeron pasar momentos moi divertidos e algunha outra que non me interesou tanto. O peor e que últimamente señor Don Juan Luis tennos vostede castigados cun texto á semana.
Por último quero facer un pequeno comentario con repecto a iso tan respetable do dereito/deber de traballar. As persoas que recibimos un salario a cambio dun traballo que realizamos, polo feito de que o salario sexa un cuantioso salario xa podemos sentirnos afortunados, si ademais nos gusta o traballo que facemos enton podemos considerarnos privilexiados.
Esta é a frialdade e o pragmatismo á que eu cheguei despois da miña curta pero intensa experiencia, de coñecemento de xentes, artistas e outras castas de "interesantes" "apaixonantes" e "fascinantes" profesións.Saúdos.

patricia dijo...

Yo queria ponerme en seguidores y sin querer he creado .... UN CLUB DE FANS !!!! JAJAJAJJ. Lasod a todos.

Juan L. Blanco Valdés dijo...

Fondamente obrigado, Patricia, aos seus afectuosos comentarios e á sua fidelidade a este modesto local de encontro e reflexión. Ultimamente, un algo de acumulación de traballo e compromisos e un bastante máis de preguiza estame levando, en efecto, a menudear menos os posts, pero non chega o desánimo, en calquera caso, a facerme pensar tirar a toalla. Aínda non.
Verbo do traballo, pois, que quere que lle diga? Que ten vostede máis razón ca unha santa. Se cobramos, vivindo medianamente, e facemos o traballo que nos gusta (no meu caso, que me apaixona), somos uns puñeteros privilexiados. E coa que está caíndo...
Saúdos e que se manteña esa fidelidade, eh? Eu farei o que poida.