Para o libro electrónico e a edición dixital, os tempos son chegados. Independentemente das opinións e escrúpulos de cada quen, xa non cabe inhibirse dun proceso imparable e no mundo editorial todos teremos que decidir. Esta é a impresión que trouxen da última edición de LIBER e dunha interesante entrevista con persoal de Google Books.
Luces e sombras. Iso é o que vexo nun futuro inmediato.
Luces. A técnica permite, e aínda estimula, o último asalto: a estandarización dun formato universal, epub, da man, como non, de Adobe, que, consciente da súa enorme responsabilidade, pon ao dispor de todos os interesados unha guía de boas prácticas do formato. Epub representa a evolución dos tempos: un estándar baseado en .pdf pero moito máis versátil e agradable que o seu antecesor, e moito mellor adaptado aos dispositivos finais aos que se dirixe: por que limitar a posibilidade de descarga e lectura a un dispositivo específico (iRex, Iliad, Kindle, Sony Reader...)? Ler nun iPoD ou nun iPhone xa é posible. Evadirse, polo tanto, dun proceso de convivencia entre formatos non parece o máis intelixente e, xa máis tarde, xa máis cedo, os editores terán, teremos, que optar.
Sombras. Como influirá na lectura, entendida como interactividade entre lector-soporte, a interacción cun cacharro que acubilla nas súas tripas miles de libros? Imaxinan que o e-book inflúa na lectura como os chats e messengers na escrita? A facilidade e ausencia de esforzo no cambio entre libros non facilitará, de seu, un permanente cambio, unha sorte de botoneo constante que acabe por converter o cachivache nun trebello dixital máis atractivo polas súas potencialidades técnicas ca polos seus contidos?
Non teño resposta. Alá veremos. Eu non son un "nativo dixital", madia a leva. Comecei o meu proceso escolar cunha pizarra e un pizarrín. Pero, de por parte, estimo que, a estas alturas da peli, o vello argumento de antepoñer as vantaxes e bondades da edición tradicional ás da e-ink e e-paper é algo así como poñerlle mouteiras ao vento.
5 comentarios:
O teléfono tamén era un invento diabólico a través do que os amantes febrís habían de citarse para os seus torpes encontros. O tocadiscos inflamaría os ánimos dos mozos imprudentes e lascivos mediante o son de melodías provocativas... así ad nauseam. Así que mellor deixarse de remilgos e agardar a que baixen os precios e sexa posible atopar títulos e/ou formatos en número e compatibilidade razonable.
A fín de contas, ¿quén carallo se comunica hoxe a través dun teléfono fixo ou escoita música de tocata, agás os rarechos?
Eu o que vexo é o seguinte: desde hai uns anos (quizais dixera mellor "ben anos") están tentando vender un cacharro que sustitúa ao libro. Non dan. Por qué? Non sei. Pero tanta insistencia faime sospeitar que non dan, e non dan.
Pode que sexa polo precio, por incomodidade, falla de costume no cliente, ou, simplemente, porque inda non é o momento (o teléfono móbil, en canto tivo o tamaño, forma e precio axeitado, espallouse como a gripe A). Pode que incluso sexa porque o cacharro é inútil e innecesario, como eses miles de robots de cociña (coitelos eléctricos, licuadoras eléctricas, peladores eléctricos, etc eléctricos) que se usan unha vez porque parecen marabillosos nos anuncios e logo fican apartados nunha esquina por sempre xamais. Porque, non me digades, cortar o pan tampouco é tan difícil nin require tanto esforzo.
O que está claro é que queren vender o aparato sexa como sexa e coste o que coste. Pero... qué ofrece ese cacharro que non ofreza un libro? A posibilidade de ter 1000 libros? Algo máis? Ser máis barato? Pesa o mesmo, ocupa o mesmo, hai que facer o mesmo esforzo para lelo e entendelo, hai que ter o mesmo tempo para facelo... Postos a gastar os cartos eu case prefería comprar o Vibropower, que ten máis propiedades que Botín e o aloe vera xuntos.
Eu nin quito nin poño rei. Teño escrito e reflectido abondo nesta bitácora sobre o particular (e aos meus post ao respecto me remito e remito ao lector curioso). Só digo unha cousa: os tempos son chegados. Nada vai ser, no terreo da edición, como ata agora. E teremos que optar. Ao mellor os tiros van por aquí. Veremos se erro. Apertas e grazas polos suxestivos comentarios.
Home, eu tampouco poño nin quito rei, nin estou en condicións de discutir cun auténtico experto na materia como vostede. Tampouco se trata de discutir, que quede claro.
Só digo que non por máis anunciar que "os tempos son chegados", estes van acabar por chegar. Chegarán (permítase a redundante redundancia) cando cheguen.
Hai nese artigo que vostede enlaza un dato que exemplifica o que digo: a literatura xurídica, a día de hoxe, é dixital nun 70%, e iso sen que ninguén o teña previsto, anunciado, profetizado nin nada de nada. Estou seguro de que ninguén terá teorizado sobre o asunto nin lle terán adicado centos e centos de páxinas como pasa co libro de literatura, digamos, "literaria". Sucede porque ten que suceder, porque é útil, necesario, lucrativo, eficaz.
Eu digo: o libro electrónico chegará masivamente ás mans dos lectores cando sexa útil, necesario, lucrativo e eficaz. Nin un día antes, nin un día despois. A miña opinión é que hoxe non é ese día. Por moito que se profetice. Inda máis: canto máis se profetiza, máis sensación teño de que ese día está máis lonxe.
Non, amigo, tampouco eu quero discutir nin polemizar nin, moito menos, querer levar o gato á auga. Trátase dun asunto cheo, como creo ter apuntado ao principio, de luces e sombras. Ora, déixeme facer un par de reflexións. Sobre a utilidade, tiña eu un alumno da UNED de Pontevedra que dicía que, desque descubriu Kindle, o mundo cambiou: tiña todos os libros da carreira (baixados de internet) e os seus apuntamentos asociados a estes libros, no cacharro. El non podía crer que aínda houbese xente que despilfarraba os cartos mercando libros impresos que só se utilizan para estudar, carísimos, e que, por riba, non tiñan todas a potencialidades (buscas directas, referencias cruzadas, sinalizacións, comentarios de lectura, anotacións..., todo nun mesmo trebello, sen posibilidade de perdas nin necesidade dun montón de carpetas...). Sobre a eficacia, o formato e-pub, combinado coa tecnoloxía e-ink e e-paper, podo garantirlle que fai do dispositivo algo realmente eficaz en termos de lexibilidade. Por certo, tivo algunha vez o cacharro nas mans? Acojona o real que resulta, dá arrepíos tocarlle ao monitor e non notar a textura do papel!
A batalla que o e-book ten que gañar é, en efecto, o de converterse en lucrativo. Non dispoño de datos que me orienten no contrario. Creo que é un mercado emerxente, que vai ir a máis, pois, en moitos respectos, soluciona problemas moi molestos na edición, como as das tiraxes avultadas que logo van ao lixo. Pense mo mercado galego en galego. É o e-book unha falacia ou unha solución? Hai quen, llo aseguro, está convencido da segunda alternativa.
Apertas (impresas ou electrónicas, comme vous voulez).
Publicar un comentario