7.9.09

Habelas hainas

Sendo todo o norte peninsular pródigo en meigas, sabias, güijas ou sorguiñas, son sen dúbida as bruxas de Zugarramurdi -concello navarro da bisbarra de Batzán- as que levan a palma da máis estensa sona. Débese esta, sen dúbida, a dous factores importantes, que demostran que non hai nada máis maleable ca a transmisión do escrito. O día seguinte aos Reis Magos de 1611, o impresor Juan de Mongastón, da mui nobre vila de Logroño, daba ás prensas a relación pormenorizada do Auto de Fe celebrado en la ciudad de Logroño en los días 6 y 7 de noviembre de 1610, "para que todos en general puedan tener noticia de las grandes maldades que se cometen en la demoníaca secta de los bruxos y les sirva de advertencia para el cuidado que todo cristiano ha de velar sobre su casa y familia". No auto foron procesados por bruxería e adoración a Satanás ata un centenar de mulleres e homes, maiormente procedentes do devandito termo navarro, nas sentenzas dos cales os inquisidores, contra a crueldade que o vulgo lles atribúe, gastaron bastante clemencia, pois só seis foron levados a queimar como relapsos (é dicir, relaxados -entregados- ao brazo secular). Tan curiosísima e estensa relación durmiu o sono dos xustos por douscentos anos, ata que, en xaneiro de 1811, sendo rei das Españas aquel irmán do corso a quen chamaban Pepe Botella e cumpríndose o segundo centenario da editio princeps do Auto, a inesgotable erudición de don Leandro Fernández de Moratín desempoou o mamotreto e o reimprimiu, dando lugar a un pequeno best-seller da época, reimpreso unha porción de veces tendo chegado fragmentos do cal mesmo a transmitirse oralmente incorporándose a romances de cego. O truculento do asunto está, claro, na base dese éxito: o irresistible atractivo cara áos recantos máis negros da nosa condición humana e unha prosa sonora, chea de afalagos antigos, característica da época clásica do idioma español, fixeron o resto.
Pero sigamos vendo como o texto se malea e avancemos setenta ou oitenta anos, ata os tempos de Baroja e a xeración do 98. Non me cabe dúbida de que o meu querido don Pío coñecía de sobras o Auto de Logroño. É máis, por un acúmulo de coincidencias e indicios, teño a sospeita -e tal vez alguén me lembre que quero arranxar zapatos sen ser zapateiro-, de que puido ser a base dun conto, ou noveliña curta, na que o aquelarre de Zugarramurdi é marco espazo-temporal e pulo a unha deliciosa fabulación romántica, de amor que triúnfa entre dous rapaces novos, La Dama de Urtubi, que leo en preciosa edición popular en oitavo de "La Novela Mundial", Rivadeneyra, 1927, magnificamente ornada con debuxos, de actualísimo estilo, de Máximo Ramos.
Falando don Pío da orixe desta bruxería vasco-navarra das sorguiñas, atopo na súa extraordinaria intelixencia e indisimulado anticlericalismo unha suxestiva interpretación antropocultural do machismo. Non me resisto a copiar un fragmento:

Como en todas las zonas selváticas de Europa no dominadas por la ideología del semitismo, en el país vasco existía un culto en donde la mujer era sacerdo­tisa: la Sorguiña. En las religiones africanas nacidas en el desierto, el hombre es el único oficiante, el pro­feta, el salvador, el mesías, el mahdi. La mujer está relegada al harén, la mujer es un vaso de impurezas, la mujer es un peligro; en cambio, on las regiones de las selvas europeas, la mujer triunfa, es médica, ago­rera, iluminada; se sienta sobre el sagrado trípode, habla en nombre de la divinidad y se exalta hasta la profecía. En los cultos semíticos, la mujer aparece siempre proscrita de los altares, siempre pasiva e inferior al hombre; en cambio, en las religiones primitivas de los europeos, aun en aquellas más pobres y menos pompo­sas, aparece la mujer grande y triunfadora. En la vida resplandeciente de los griegos, es sacerdotisa y sibila; en la vida obscura y humilde de los vascos, es sorguiña. La hostilidad del semita por la mujer se advierte en los primeros cristianos: para los evangelistas, María tiene una importancia secundaria; en el suplicio de Cristo no se indica su presencia en las relaciones de San Mateo, de San Lucas ni de San Marcos; ninguno de ellos habla de sus dolores de madre, ni cita la fecha de su muerte. Estos primeros cristianos de raza judía no tuvieron, no pudieron tener el culto a la Virgen: fue necesario que el cristianismo tomara carácter europeo, se injertara en una raza politeísta que había adorado a Venus, a Ceres y Minerva, para que glorificase a la madre de Dios.

Preciosa e elegantísima esexese! Non sei se mandar referencia deste interesante texto á Sra. Ministra do ramo, Dª. Bibiana Aído, para a súa mellor ilustración. Pero ao mellor pasa de tanta erudición e non lle interesa e levo un disgusto.

3 comentarios:

apicultor dijo...

Excelente e erudito post o seu, amigo Juan Luis. Dá gusto lelo cando escribe neste plan.

Supoño que coñecerá a fantástica cova de Zugarramurdi, onde disque celebraban os aquelarres. Cando un entra nela con esta odiosa mentalidade racionalista, ponse triste de que, efectivamente, non pululasen por ela íncubos e súcubos e toda laia de personaxes adoradores do diaño e dos seus praceres.

Un saúdo.

juan l. blanco valdés dijo...

Grazas, Api. Celebro que o post lle gustase. Pois non, non coñezo a cova de Zugarramurdi (sen dúbida, unha excursión imprescindible). Si coñezo a Cova das Güijas, en Villanúa, Huesca, preto de Astún e Candanchú, que as meigas locais consagraban aos mesmos praceres e transportes ca as súas colegas navarras.
Saúdos.

F. Míguez dijo...

A súa cita de Pío Baroja andivo a darme voltas na cabeza durante máis dun día. É unha apreciación que comparto completamente pero á que lle faltaba algo: O respeto pola natureza. Non me refiro ós xudeus senón, en xeral, a numerosas culturas do espacio mediterráneo afeitas a un territorio pouco xeroso en recursos (ata o aproveitamento do petróleo), as cales fixeron do comercio unha forma de vida que, tal vez esaxerando un pouco, é o verdadeiro monoteísmo contemporáneo. Pola contra, e segundo teño entendido, os pobos indoeuropeos e da áfrica non mediterránea, instalados nunha natureza bastante máis xenerosa, centraron os seus cultos na adoración á mesma, que lles deu sempre o que precisaban. (Dito todo isto simplificando bastante.)