27.7.09

A voz de Galicia

Unha boa amiga, de nación aragonesa pero galeguísima de adopción, opina que a voz dos galegos (por unha vez, non galegos e galegas, senón galegos,varóns e a moita honra) é a máis modulada e fermosa dos países hispánicos. Opinión certamente sorprendente, que mesmo pode soar a boutade, pero que ela defende con ardor e todo convencemento, achegando incluso o nome do galego coa voz máis sonora, baril e aínda sensual, nome que, por lóxicas razóns, non vou eu desvelar aquí. Con todo o discutible, eventualmente esaxerado e matizable que sexa o parecer da miña boa amiga, o seu fundamento faime reflexionar sobre o enorme poder que a nosa voz exerce, como un complemento fulcral da nosa personalidade. Hai quen se fixa nas mans, hai quen nos beizos, hai quen no... pero a ninguén lle pasa desapercibida a voz das persoas con quen nos relacionamos. Eu mesmo teño imaxinado a voz de moitos amigos deste local, de quen, fóra o nome (real ou de plume) e o teor das súas opinións, nada sei. Por iso, e como aditamento importante, cando tiven oportunidade incluín un enlace á miña propia voz, da que -descúlpeseme a inmodestia- teño recibido máis dun piropo. Tonterías a frivolidades á parte, nun oficio coma o meu, no que se raja sen pausa, e onde, de costume, de cada dez conversas telefónicas, en cinco casos non hai un coñecemento persoal do interlocutor, son plenamente consciente do valor da voz e a dialéctica oral e podo dicir, sen restricións, que a maior porcentaxe de éxito dunha xestión telefónica depende do convencemento e rigor que a nosa voz e a nosa dialéctica sexan quen de transmitir. Cantas veces non nos ten desilusionado coñecer a unha persoa de quen tiñamos unha idea preconcibida a través da súa voz! E cantas outras pensamos o pouco que acompaña a voz a unha persoa de físico agraciado! E cantas máis comprobamos o encantado que está de oírse un tipo ou tipa que o maior favor que podía facer ao mundo era calar!

2 comentarios:

apicultor dijo...

Ha de desculpar a miña timidez, amigo Juan Luis, mai que acertado estiven o outro día cando estiven perto de vostede e non me presentei, aínda que tamén é certo que apreciei que ía a toda pastilla e tampouco era cuestión de paralo en seco (seguramente ía pechar a panadería). O que si que xa non teño claro é en cal das tres categorías fónicas que establece estarei incluído.

Unha cordial aperta.

juan l. blanco valdés dijo...

Por Deus, amigo, non se corte! A respecto a súa voz, tería que oílo. Con tanto misterio, non sei se o terei escoitado algunha vez. Saúdos.