5.7.09

Doktor Faust

A natural tendencia humana ao absoluto -tan cara, literariamente, a Borges- atopa unha manifestación insuperable nas placas metálicas que a NASA instala nas naves de exploración estelar por se acaso se dá a continxencia de que as atope algún ente de vida intelixente. A representación icónica dun ser humano masculino e outro feminino, unha man aberta, algúns caracteres alfanuméricos constitúen a mensaxe desa sofisticada e hipertecnolóxica botella galáctica, que resumen a nosa condición biolóxica.
Imaxinen que, no canto dunha placa de información sintética, os sabios da axencia espacial, persuadidos do enorme nivel intelectual dos extraterrestres receptores, decidisen que ían aloxar dentro da nave un libro, como mensaxe testemuñal e máis complexa da vida humana, das súas preguntas e buscas esenciais, das súas máis importantes dúbidas, grandezas e insuficiencias. Ocórrenseme algúns magníficos candidatos: Hamlet, Robinson Crusoe ou Ensaio sobre a cegueira poderían, desde logo, representarnos con todo merecemento. Pero, por riba de todos os que, cando menos a min, se me puideran ocorrer, estaría, sen dúbida, Fausto de Goethe.
Nunha conversa do poeta en 1830 co seu amigo e logo albacea literario, Johann Peter Eckermann, o autor afirma: Fausto é un tema inconmensurable e vans serán os esforzos do enxeño para o penetrar de todo. Fausto é un monumento á condición humana. Goethe dirixiu todo o seu estro -un sólido estro reforzado por unha cultura ilimitada- á contradición eterna e universal do home: a morte, como finalización da vida, dualidade que é a nai de todas: o ben e o mal, a busca obsesiva do coñecemento, os estragos do tempo. O poeta desenvolve unha saga definitiva na que implicou a filosofía, a teoloxía, a historia, a mitoloxía, a cultura clásica, e aínda, a maxia e a alquimia. Fausto non é lectura doada; é máis, é un texto difícil, árido e moitas veces incompleto se non se conta cunha edición convenientemente anotada, pero, en todo caso, apaixonante e sublime. Subxectivamente, Fausto representa un universo literario dunha riqueza que, simplemente, acomplexa. Nunca sucumbiu vostede á sedución de preguntarse en que época da historia lle gustaría ter vivido? Todas teñen o seu atractivo, supoño, pero a Ilustración ten moito de Arcadia do saber, unha época na que, como colosos, se erguían espíritos que portaban fachos sempre acesos e que aínda despois de tanto tempo nos alumean cunha luz que cega.

No hay comentarios: