20.7.09

O asunto

Un asunto. Velaí a cuestión. Un asunto. Todo escritor busca un asunto. O poeta, un asunto o suficientemente lírico e inspirador para que fermosear as palabras sexa algo máis ca un exercicio van de mera técnica, pois a técnica sen musa é como a laranxa sen zume. O novelista, un asunto sobre o que montar unha boa trama, pois, se a trama é a xeito de bastidor onde tecer a historia, o asunto é o alento que move todo. Que é un novelista sen asunto? Pois é un profesor sen alumnos, un conferenciante sen auditorio, un funcionario sen periódico, un futbolista sen seareiros, un pijo sen lacoste. Xa quixera eu atopar un bo asunto para unha novela, pois non crean que, malia os meus anos, desboto dar a campanada un ano destes, descolgándome cun novelón deses que arden tres nun candil! Técnica narrativa, penso que entre o moito que levo lido e o moito que levo escrito, non me ha faltar: trúfase un diálogo por aquí; métese algo de acción por alá; unha panorámica; un punto de vista axeitado, sen abusar da omnisciencia que é cousa que abafa; unha analepse ou flash-back que distraia da aridez eventual da narración; unha administración prudente, no seu caso, da polifonía, da anagnórese... pan comido. Pero o asunto... Ai, o asunto! De que escribir, esa é a cuestión. Se non teño nin asunto para un post desta indefensa bitácora (e converto a falta de asunto no asunto do post), que direi dunha novela! De ónde sacará tanto bendito novelista asuntos para as súas novelas! Porque deixen que a min me custa, demonio! Busco e rebusco; poño en valor -que é como hoxe se di- os meus recordos, relembrando ata os tipos máis atrabiliarios que teño atopado, os pasos máis pouco comúns e aínda bizarros da miña existencia, e nada, non atopo nada que mereza ser novelado. Será que son moi esixente e que outros, con moito menos, gañan un premio e aínda dous? Será que, ao presente, en van pretendemos saír do illó de mediocridade no que nos movemos e xa non hai, como antes se dicía, vidas de novela? Chi lo sà!
Por certo, acéptanse ideas e suxestións. Se a cousa pita e fago millóns en anticipos e royaltis internacionais, prometo irmos a paches.

10 comentarios:

apicultor dijo...

Sacoume as palabras da boca, amigo Juan Luis.

Saúdos.

juan l. blanco valdés dijo...

Ou sexa que xa somos dous! Quen me dera a min un asunto! Xibraltar español? Andanzas y visiones de Moratinos? A conquista da lúa? Bfff. Anque, ao mellor, como a lebre, salta cando menos se espera.

Anónimo dijo...

Eu penso que non hai que darlle moitas voltas. Aquí, entre homes, o asunto é o asunto. Ou non é?

apicultor dijo...

Recollendo a suxestión do Anónimo, quizais xa lle deron "tema", amigo Juan Luis. Decátese de que, cando menos no ámbito da literatura escrita en galego, é un campo infradesenvolvido que ten un mercado potencial non despreciable.

Así pois, non de desanime. Bote man das confesadas e pasadas experiencias bizarras, relea clásicos do xénero, adóbeo se cómpre cun pouco de imaxinación desbordante (con perdón) e, se cadra, pode dar no albo.

Que non están os tempos como para desperdiciar ningún talento. Eu, por se acaso, xa me poño agora mesmo ao labor. Nunca se sabe onde pode saltar a lebre.

Saúdos.

cãosemdono dijo...

Opción nihilista: tamén pode ocurrir que o asunto consista en que xa non hai asunto. Que por puro esgotamento ontolóxico estea xa todo dito ou escrito, que é o que penso eu, e que reescribir o que xa enunciaron os clásicos non é máis que unha impostura (por certo: moi lexítima se o obxectivo non é a trascendencia, senón algo máis doméstico e non necesariamente menor ou espurio, como por exemplo ligar ou sair na tele). Porén, hai dous factores que, de seu ou combinadamente, xogan en contra de recoñecer isto: por unha banda, a nosa memoria a curto prazo (tipo peixe) e por outra, un ego desmedido que nos impele a pensar que Eu podo aportar (dicir/escribir) algo Grande.

juan l. blanco valdés dijo...

Puntos de vista e opinións ben interesantes, rediós. Sobre o polivalente substantivo "asunto", a agudeza de Anónimo (ben sei quen es, pillín) e a proposta consecuente do amigo cultivador das abellas non me parecen mal e fica aceptada a suxestión. E ademais, en efecto, onde menos se pensa salta o coello. Esta mañán mesmo, en ocasión de revisar certo convenio, case meto a pata de maneira erótico-editorial: tras unha coma, debía seguir "a la jurisdicción civil o mercantil que sea de aplicación". Comín todo este treito, de xeito que o que ficaba escrito era: "Todo lo que editor y autor que firman convienen, sujetándose las partes". Fortuna quixo que me decatase antes de envialo. Suxeitando as partes. Non estaba mal como título dun roman co que iniciar a colección erotomasculina.
Ai, caosemdono, cantiña razón ten! Non será esa obsesión de crermos ter algo grande que achegar o que anda detrás de tanto blog? Non estará todo xa dito, xa pensado, xa contado, xa descrito, e o que facemos, patetica, deplorablemente, é un pobre intento de recapitulación de algo que alguén dixo, pensou, contou e describiu antes ca nós?

Anónimo dijo...

Alto aí! Non hai polivalencia algunha no meu asunto. Hai valencia, sen poli. E cuidadín: eu tamén sei quen es tí, pillín.
Ti es a hostia, por certo, que cando non tes anécdota, fabrícala e faste protagonista: sujetándose las partes. É como o chiste aquel no que o paciente, sujetándole las partes ao dentista que xa estaba co torno dentro da súa boca, lle di: "A que non nos imos facer dano?"

juan l. blanco valdés dijo...

Si, lémbrame aqueloutro dos velliños. Dille Manuel a María:
-María, e fodemos ou cenamos?
E dille María,
-O que ti queiras, José, e despois xa cenamos.
Fastuoso.

Unknown dijo...

Témome Sr. Juan Luis que chegados a este punto, procede unha relectura da obra do insigne escritor galego Ramón Allegue. En concreto o libro que leva por título "El Mar de la Muerte" que mesmo na portada reza "La obra que a más de un afamado escritor le gustaría escribir.
Con isto quero dicir que con seguridade a vostede non lle falta técnica, tampouco imaxinación, pense máis ben nese termo eufemístico que en castelán se define como "arrojo".
Creo que xa me entende: a botarse ao monte que é por alí por onde saltan as lebres -e mesmo os coellos-
Feliz agosto en calquera caso.
Toño

juan l. blanco valdés dijo...

Amigo, Toño, non sabe con que ledicia recibo as súas palabras de lembranza da obra do Sr. Allegue, que coñezo perfectamete e á que retorno cada tanto. Todo nela -o esmero da expresión, o coidado estilo, o mimo, mesmo no tratamento tipográfico, a tensión narrativa prudentemente dosificada, incluso a polivalencia dos personaxes (pense, por exemplo, que o capitán inglés, que se chama Dovell, a partir dun punto pasa a chamarse Dovelle, co cal se cohonesta mellor co perfil galego)- todo en EL MAR DE LA MUERTE é digno do maior encomio. Temo que me pon vostede o listón demasiado alto. Saúdos.