13.7.09

De tempestate

Vimos de publicar un excelente e amenísimo libro sobre o xeito en que nos ven os franceses aos galegos durante case dez séculos de convivencias. Estas visións poden adquir acenos sorprendentes. Unha amiga contábame que o que máis che chamaba a atención a un seu amigo francés, coñecido de moitos anos de trato, era que os españois sempre semellaba termos problemas e desencontros coas chaves: que se as chaves da casa as levo eu e despois ti quedas sen elas; que se chas deixei a ti, estou seguro e como demo é que agora me dis que non as tes... e por aí. Ora, teño para min que unha das cousas nas que os estranxeiros que nos tratan máis deben coincidir é na nosa obsesiva e nacional teima co tempo. Alertábame no particular un vello camarada de nación tedesca, de Heidelberg -fermosa e romántica cidade, por certo- hai ben anos. Non hai galego, por paciente e de bo conformar que sexa, que non se queixe do tempo. Botamos a vida mirando o ceo, tentando infrutuosamente penetrar nos caprichosos arcanos da meteoroloxía, aínda que, como en tantas cousas, o misterio e a ilusión do que virá pérdense ante a fría e aséptica exactitude da técnica. Agora, trocamos expresións cheas de engado e indefinición (non sei se non quererá chover) por outras, se máis contundentes, non por iso exentas de espírito enxebre (dá chuvia para mañán; dá bo ata o xoves: eu sempre me pregunto quen será o suxeito innominado dese : Meteogalicia? a G? o xornal? Deus? un remexido de todos eles?).
En van agardamos verán tras verán que o bendito anticiclón (o mellor que teñen os Azores, sen dúbida) estea quietiño entre xullo e agosto, cando menos. Pero éche como esperar a Godot. Botámoslle a culpa ao cambio climático e cremos lembrar que antes os veráns eran máis estables e as estacións eran como tiñan que ser. Pamemas e farrapos de gaita. Nun interesante artigo que o meu bo amigo Juan Andrés Fernández Castro, curioso e infatigable investigador, publica no volume 5 (2002) da miscelánea de cultura e historia da Estrada sobre a mortalidade de 1769 na freguesía estradense de Ouzande, veciña da vila, faise referencia, por documentos da época, ás condicións climáticas que condicionaron a extensión da variola, tifus, disenterías, enterites, difteria e tuberculose que atacaron sen misericordia aquela indefensa e infeliz poboación: ocho meses ha que en este país no se ha visto el sol, pudriéndose los frutos en la tierra (...) las continuas lluvias del verano de 1768 arruinaron la casi totalidad del sembradío de trigo y centeno (...) la continuada intemperie de las estaciones en el ano pasado de 1768 arruinaron la mitad de la cosecha y produjeron en la atmósfera densos y perniciosos vapores...
Hoxe, contra o destino dos infelices servos da gleba daqueles escuros tempos, os peores efectos que pode ter a adversa meteoroloxía estival é arruinarnos as ferias. Iso que levamos gañado.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Non sei se non quererá chover... Sería unha das 3 ou 4 frases que definirían sinxelamente un xeito de ser e de ver a vida.
Estou por encargar unha camiseta con isa lenda.

juan l. blanco valdés dijo...

Eu sempre tiven a ilusión de serigrafar unha camiseta co texto lisensia para jalpón, que non sei se non definirá o xeito ese de ser que di vostede. Debía ser o nome dun grupo de rock bravú. A xente, que non ten imajinasión.

Ana dijo...

Este çe boísimo