19.12.07

Isto rebenta!

Moitos fenómenos sociais non son fenómenos históricos ata que, anos ou séculos despois de teren acontecido, son examinados e reputados como tales. A shoah da raza hebrea, que mentres durou supuxo para millóns de individuos un sufrimento persoal inimaxinable, é hoxe obxecto de sesudas investigacións, case coma un obxecto de laboratorio, pois fai parte xa desa familia tan respectable e gustosa da asepsia que se chama Historia. E no matraz da Historia (en maiúscula e singular) como é natural, depúrase toda a carga de subxectividade das historias (en minúscula e plural) persoais, para ofrecer unha visión necesariamente panorámica e redutora formulada case sempre en termos de macroestruturas sociais (obviando, como consecuencia, aquilo que Unamuno chamou a intrahistoria). Non temos a máis mínima idea do que, aos efectos das historias persoais, puido supoñer, por exemplo, o inferno (ou paraíso, segundo se mire) de luxuria que o emperador Tiberio, decrépito e patoloxicamente vicioso, montou na illa de Capri na fin dos seus días. Hoxe é tomado o episodio como signo evidente dunha inmoralidade sen paliativos, que acenaba con claridade cara á decadencia dun certo réxime de dominación do mundo.
Pregúntome se pervivirán polos séculos dos séculos as declaracións de Victoria Beckham acerca do tamaño do pene do seu home. Teñen todas as papeletas para seren interpretadas, aló no territorio proceloso do futuro, coma un signo inequívoco do ocaso.

5 comentarios:

R.R. dijo...

As palabras non son nocivas. A dimensión mediática que adquiren (unida ós infinitos casos semellantes) é un síntoma evidente de que isto rebenta. ¡¡Vamos patrás!!

Anónimo dijo...

Disinto de RR.

En determinados contextos, as palabras poden ser tóxicas e mesmo letais. Con palabras exprésase un discurso que pode guíar a acción. As palabras poden ter un carácter performativo: as palabras deveñen cousas, Austin dixit.

Se non houbese unha previa deshumanización discursiva do "xudeo" non sería posible a Shoah, por exemplo.

E verbo do Holocausto, si que hai múltiples obras, tanto de índole memorialística como de investigación, que dan voz aos fundidos e aos salvados, por dicilo en termos do imprescindible Primo Levi.

Sen ir máis lonxe, un libro ao alcance de calquera, o de Debórah Dwork e Robert Jan van Pelt, Holocausto. Una historia, Madrid, Algaba, 2004, utiliza profusamente testemuños de supervivintes. Opción que se complementa co monumental clásico de Raul Hilberg, La destrucción de los judios europeos, Madrid, Akal, 2005, que non utiliza para nada as testemuñas, senón a documentación administrativa xerada pola maquinaria burocrática nazi.

E non digamos xa o impresionante e insustituible filme do documentalista Claude Lanzmann, Shoah (1985), onde durante nove horas e media falan todo o tempo as vítimas.

Si, hoxe en día esa historia individual e cotiá do sufrimento é abondo coñecida, e con ela nos aproximamos ao abismo.

E o mesmo está a ocurrir tamén co Gulag. Que tampouco debemos esquecer esta outra páxina tétrica da historia da humanidade.

(Por certo, e a propósito de todo isto, recoméndolle encarecidamente a extraordinaria obra do seu veciño, X.M. Núñez Seixas, Imperios de muerte. La guerra germano-soviética, 1941-1945, Madrid, Alianza, 2007).

Un cordial saúdo.

FrancisMR dijo...

Que teña vostede, Sr. Blanco, unhas felices festas e un bo ano novo.

Anónimo dijo...

¡Ay, amigo! Planteamientos demasiado enjundiosos para mí.

Personalmente no sé hacia dónde vamos... pero la fotito de marras que dió lugar a las gráficas palabras de la Spice Pija amaga una huida hacia adelante interesantísima...

;-D

Bon Nadal e Felices Festas a todos!

La Independiente

juan l. blanco valdés dijo...

Amiga Independente, amigos:

Moitas grazas e os meus mellores desexos para todos.
Mención especial ás recomendacións bibliográficas de Apicultor, sempre imprescindibles, e ao seu rico comentario. Verbo da deshumanización previa da palabra xudeu, non hai máis ca lembrar o que Julius Streicher afirmaba en Der Giftpilz: Jude é unha verba que non merecía existir na lingua alemá. O teño recordado hai algún tempo. En efecto, as palabras poden ser altamente nocivas (e o tratamento mediático das mesmas, xa non digamos).