17.12.07

Dez ideas alleas sobre a actitude dos políticos de hoxe

O amigo Apicultor, asiduo destas páxinas —duro crítico por veces, pero sempre cortés e construtivo— deixaba hai uns días un comentario sobre un post no que eu salientaba certas declaracións da señora Conselleira de Educación deste noso paisiño. O comentario do cultivador de abellas ao fío, que adoptaba a forma dun decálogo sobre o atrezzo actitudinal dos máximos responsables públicos en materia de educación pareceume tan atinado e completo, que pensei sería mágoa non relevalo a un post que o fixese máis público e notorio. Fícame a sospeita de ata que punto este breve ideario é extensible a todo político à la mode, sexa cal sexa o seu ramo. En fin.
Co permiso de Api, e o meu agradecemento, aí vai.
a) Non tomar o touro polos cornos, senón acariciarlle o rabo.
b) Buscar a aprobación do electorado con promesas ou anuncios demagóxicos e puerís (a última de IU é de nota!).
c) Botar balóns fóra e escaquearse ante os problemas graves.
d) Ir tirando até a próxima lexislatura e a ver se sigo no cargo.
e) Presentar unha realidade maquillada e marabillosa, aínda que se vaia pudrindo pouco a pouco.
f) Cargar todas as responsabilidades no profesorado e ningunha no alumnado nin nos pais.
g) Buscar a axuda cómplice dos equipos directivos oportunistas e de profesores aduladores.
h) Non tomarse en serio a preparación do profesorado ante os retos presentes e futuros.
i) Non reciclar nin mellorar os servizos de inspección educativa, adoito cheo de incompetentes e vagos.
etc., etc.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

A respecto de e), por certo, leo hoxe 17 de decembro en "Frases del día" de El Correo Gallego: España tiene el mejor sistema educativo de su historia, aunque es mejorable, Mercedes Cabrera, Ministra de Educación, dixit. Cousas da gramática, non se sabe se o mellorable é a historia de España, a historia do sistema educativo de España ou o sistema educativo de España. Tanto ten.

R.R. dijo...

Ún día díxenlle ó Señor Apicultor que abrise un bló, ou que rexistrase o seu nick para que non llo roubasen, aínda penso que calquera usurpador se delataría ben cedo. El confesoume que é unha especie de robot civil coa Enciclopedia Británica memorizada e agora nos demostra que o programa creativo que leva instalado ten unha capacidade crítica que xa quixeramos moitísimos outros.

Ó caso é que o decálogo é moi bo pero teño unha dúbida: ¿a de IU é polo do ensino obrigatorio ata os 18? Se é por iso sorpréndeme que o Señor Apicultor non estea de acordo: debera ser obrigatoria ata a morte ou, pola contra, á elección dos afectados: pais, fillos, ensinantes...

Anónimo dijo...

Totalmente de acordo con esas dez días.