Horizontalidade da oferta, imparable avellentamento da poboación, estilización da clase media e progresivo ensanchamento da banda de mileuristas, incremento da poboación inmigrante… Velaí algúns dos importantes factores socio-económicos que, en opinión de editores e consultores editoriais (Manuel Gil, Francisco J. Jiménez: «El nuevo paradigma del sector del libro», Trama y Texturas, vol. 3, 2007, pp. 53-65), están determinando xa, e vano seguir facendo no futuro con máis intensidade se cabe, o panorama da edición mundial. Mileuristas e inmigrantes coa satisfacción de necesidades máis ou menos básicas como horizonte inmediato e a quen pouca dispoñibilidade financeira vai ficar para mercaren libros; unha poboación moi entrada en anos, para a que haberá que deseñar dende novas ergonomías de cara ao almacenamento, manipulación, ubicación e transporte dos libros a estándares tipográficos relativos ao corpo da letra que aseguren a lexibilidade…
Permítanme unha reflexión, máis emotiva ca outra cousa, sobre un destes factores devanditos: a existencia dunha oferta e unha demanda absolutamente horizontais que ten o seu prístino reflexo nas megalibrerías das grandes áreas comerciais e malls. Parece indubidable que este modelo vai liquidar en prazo brevísimo —estao facendo xa— o pequeno comercio e o esquema vertical e xerarquizado conforme o cal un establecía as súas preferencias: tiña o seu quiosco de prensa, a súa librería de vello, a súa papelería para o material escolar, a súa librería de fondo, nos andeis da cal, a través dunha grata relación, por veces de anos, co libreiro podían botarse ata horas de demorado e delicioso olleo e exploración…
Cada vez teño menos enerxías, e tal vez menos argumentos, para manter que cualquiera tiempo pasado fue mejor. Como cantaba a vella zarzuela: Hoy los tiempos adelantan que es una barbaridad. Pero, fronte á ciclópea impersonalidade da oferta de El Corte Inglés, Alcampo ou Hipercor, síntome como unha especie de "último de Filipinas" cando disfruto do ambiente dunha vella e pequena librería. En Compostela aínda fican algunhas, cheas de maxia e engado. O outro día, mercando papel charol para as manualidades dun dos meus cativos nun pequeno establecemento do Preguntoiro, fun testemuña dunha escena doutro tempo. Debe salientarse que a librería ostenta un fermoso nome: El Sol, sonora denominación polo que eu sei debida a ser o fundador albanel do Grande Oriente. O dependente, e propietario —fillo do fundador— localizou o bloc de papel charol, coa delicadeza e morosidade dun orfebre fixo con el un cilindro e, tomando un fino prego de papel de estraza dun montonciño apilado no venerable mostrador de madeira, envolveu con el o caderno, rematando a faena cun anaquiño de tesa film (ou fiso, ou celo que varias denominacións populares ten o invento) e volvendo con todo coidado o sobrante do papel de estraza cara a adentro dos dous extremos do cilindro. Ao remate da operación, ofreceulle ao neno o fino resultado do seu labor co xesto e expresión de quen, non por ter repetido ata a saciedade unha rutina, deixa de atribuírlle a solemnidade que o respecto ao cliente impón.
A noticia do peche da Librería González, na rúa do Villar, non me deixou indiferente. Gardo con afecto a imaxe do vello libreiro, pequeno e anacrónico, calada a boina e nas mans os seus mitóns, e aquel refranero casero, carcundia e ripioso, co que agasallaba á clientela: Con alcohol droga y tabaco acorta su vida el insensato.
Uha persoa próxima contoume que lle solicitou a González, hai disto ben anos, unha edición das obras completas (de Aguilar?) de Karl Marx: con toda dignidade, o libreiro espalmou os dedos da súa man dereita sobre o peito, e elevándose un algo no bico dos pés, espetoulle ao solicitante:
-Aquí no vendemos libros de ese señor.
6 comentarios:
Hai uns días sentei -xa non lembraba a última vez- na terraza do Suso. Mentres levaba a caña aos beizos pousei a vista na fachada da outrora librería Gali, hoxe convertida nunha especie de todo a cen ou, peor aínda, nunha desas tendas para turistas nas que se venden horrendos souvenirs. Coido que en toda a miña vida de universitario non gastei unha perra na librería Gali, pero sóubome mal a cervexa.
Supoño que serían as Obras Escollidas de Marx e Engels (en Fundamentos ou Akal, non en Aguilar). As Obras Completas, como tales, non están editadas completas en castelán. Hai que conseguilas espalladas por aquí e por alí en diversas editoriais. Grijalbo sacara varios tomos das Werke, pero non concluira a edición. Falo de memoria e podo cometer algunha imprecisión.
Hoxe publícanse demasiados libros e, entre tanta cantidade, moitos interesantes pasan desapercibidos.
Este ano comprobei nun centro comercial italiano que a Feltrinelli copaba un espazo ben grande. Foi a primeira grande cadea de libreiros que aparece neses lugares, antes seica vedados para iso. E teño que decir que me gustou. E moito. E vou dicir unha cousa que quizáis soe a herexía: mellor ca Gali e González, dos que gardo sempre un recordo penoso.
Concordo plenamente coa opinión de Arume sobre as librerías Gali e González. Semellaban, máis ca outra cousa, librerías de atrezzo, pero dábanlle categoría aos soportais. De González lembro unha reprimenda do señor dos mitóns por correr unha vitrina e botarlle un ollo a un libro. De Gali, nin iso.
Eu xa deixei por aí nun par de ocasións a miña opinión sobre todo iso das vellas librerías, os percorridos polos anaqueis, os amables e cultos libreiros e todo ese rollo, máis preto da recreación literaria do pasado que do pasado mesmo.
En canto ao de que calquera tempo pasado foi mellor, pertencemos a unha xeración para a que ese principio foi vetado por carca e inda cousas peores, pero xurde cando menos o esperamos, e moita xente, canto máis vella se fai, e por máis que loite contra ese sentemento, máis presente o ten.
DH61: que é o pasado mesmo fronte á recreación literaria do pasado? Non é o meu -xa vexo que non o seu- pasado? De feito non existe o tempo, de seu, senón a percepción -quer máis árida, quer máis estética- que temos del. Non; non quero que se interprete o meu post coma un panexírico das vellas librerías fronte aos novos tempos (por iso sinalo que vexo de xeito cada vez máis crítico -con menos azos, con menos ganas de defendelo-o argimento de que cualquiera tiempo pasado fue mejor. Ora, o poeta especifica como a nuestro parecer). E é que un é dado á melancolía fácil. Grazas, amigos, polos puntos de vista, precisións e comentarios.
Publicar un comentario