10.12.07

Bases para unha estética moderna da fealdade

Téñenselle dedicado grandes pensamentos, teorías e tratados, pero non hai nada de coñecemento máis intuitivo ca a estética, nada que «entre máis polos ollos». Eu creo que á percepción da beleza pásalle algo así como aos olores. Sabemos que algo cheira a polo ou a bacallao, pero si tiveramos que definir a qué cheira o polo ou o bacallao veriámonos en serios problemas para dicir algo máis ca… a polo e bacallao (excepción feita, tal vez, de don Jean Baptiste Grenouille e epónimos). De igual xeito, por qué nos parecen fermosos o Partenón ou a fonte de Platerías e feos os "palafitos" do país ou a facultade de Filoloxía compostelá son preguntas a resposta das cales esixiría tratamentos e fórmulas teóricas que están alén do vulgar coñecemento (proportio aurea, symmetria, completitudo…), conceptos sistematizados pola antigüidade clásica e que veñen estando, están e seguirán estando no alicerce da percepción da beleza en todo tempo.
Por arrimar el ascua a mi sardina, eu recomendaría a todo editor que antes de aplicar ningún criterio teórico á percepción da estética tipográfica dunha maqueta ou do grafismo dunha cuberta, se deixe influír de xeito instintivo e prima facie polo que ve e detecte se hai ou non «amor a primeira vista». Se precibe que non o hai, simplemente non hai nada que facer e xa se pode mudar o que se queira que a cousa non vai funcionar. Se o hai, e pode que non sexa un amor completo e apaixonado, logo virán análises máis detidas e cambios e axustes necesarios de cara a converter esa páxina ou esa cuberta que de entrada nos gustaron máis ou menos nunha páxina ou cuberta que nos gustan moito.
Ora, na procura dos opostos nesta liña de pensamento, opino que existen estéticas imposibles. Entre os animais, creo que a fealdade ou mesmo a repugnancia —pense vostede nunha iguana ou nunha rata— pasan por baremos máis ou menos convencionais. Pregúntome se pasa o mesmo cos obxectos, algúns moi frecuentes na nosa vida cotiá. Eu propoño elaborar un catálogo de obxectos intrinsecamente feos. Suxiro a Vde. que adique un minuto para decidir algunha cousa que lle pareza fea e engrose este corpus, que pode servir para chegarmos ao que poderiamos definir como bases para unha estética contemporánea da fealdade, algo, por suposto, absolutamente inútil pero sen dúbida altamente divertido. De por parte, comezo esta lista con varios obxectos que sosteño é imposible seren sequera bonitos:
a) as zapatillas de casa.
b) os gorros de ducha.
c) a roupa interior (masc./fem.) de algodón.
d) os zapatos ortopédicos.

11 comentarios:

Anónimo dijo...

Eu penso en cousas así, feas persé, e non dou. Que lle imos facer.
Tamén lle digo que así como concordo plenamente no do gorro de baño (alguén dá máis?) non o fago coa roupa interior (feminina) de algodón (branco, a poder ser), non señor. Iso a min ponme en órbita defecating hostias, que diría o amigo r. r.

Anónimo dijo...

a)as batas de guatiné
b)as bragas maxi que soen regalar as avoas
c)eses cans que van movendo a cabeza na bandexa traseira dos coches.
d)Aznar

Anónimo dijo...

Eu penso en Scarlett JOhansson con todos eses adobos e a fealdade vai ao carallo.

juan l. blanco valdés dijo...

En efecto, amigo DH61, en cuestión de sexo e política hai que estar aberto a todos os fanatismos. Se un sostén de branco algodón o pon en órbita defecating ostias, pois que lle vou dicir eu... De gustibus non disputandum.
Sobre as catro eleccións de Carraboujo (as batas de guatiné as tiña eu xa en mente) non hai nada que dicir: absolutamente de acordo (especialmente os putos cans que moven a cabeza, hoxe xa fósiles). A Aznar eu lle engadiría Astarloa e, por equilibrar, José Blanco., outros dous adonis de cojones.
Arume: sobre Scarlett Johansson, lembro algo que me contaron dunha señora devota de Raphael alá polos sesenta, que se preguntaba cada vez que o vía, arrobada, na TV: e cajará?. Pois supoño que si, que ata a divina Scarlett fará caca e pis (aínda que pareza incrible!).
Un par de addendas ao catálogo:
-os chándals fosforitos.
-un señor dentro dun chándal fosforito a mañá do domingo co xornal nunha man e a barriña de pan noutra .
Saúdos.

R.R. dijo...

¿Cando se cruzou comigo vostede un domingo pola mañá?

Interesante post: pensarei respostas, porque estou como o mestre dlH61, ofsái de todo.

Manuel Ángel Candelas Colodrón dijo...

Con chandal fosforito ía o Brad Pitt que nin diola. Claro que se vostede pensa en José Bódalo ou en Pepe Sacristán, pois vai ser que sí.
En todo caso, eses cadros de cans xogando á baralla poden chegar a ser nauseabundos, pero se están no Victoria and Albert Museum pois todo cambia, todo tiene su fin, como cantaban Os Módulos.

Anónimo dijo...

Déume o Arumes unha idea de cousa fea:
os tapíces eses de caza cos cans, os cabalos, corzos e tipos disfrazados de Cayetano Martínez de Irujo Fitzstweearth e Parma Undergoing. Ou algo así.
E en canto ao do Victoria and Albert Museum, só hai que ver aos comisarios/as das exposicións, posuidores todos eles do famoso MBA en Venta de Burras de Harvard. Iso é como deixarse aconsellar por Karl Lagerfield ou Galiano á hora de comprar unha camisa. Xa hai que ser confiao de cojones.

juan l. blanco valdés dijo...

Apunto todos os comentarios para ir facendo un catálogo provisional, que publicarei en breve. Alguén apuntoume, por outra vías, novas suxestións:
-os tapetes de ganchillo para televisores, brazos de sofá, mesas de camilla...
-as follas de pedimento (ás que todo o mundo se refire en galego malia estar falando en castelán), paradigma da burrocracia universitaria.

Anónimo dijo...

As famosas "follas de pedimento" están programadas para que o incauto profesor mande todo á m. e para que merque as cousas do seu propio peto. Gaña en saúde mental e perde na conta bancaria. A burocracia administrativa sempre sae beneficiada.

Anónimo dijo...

Os ganchillos para vestir botellas de fundador a modo de canciño.
O do mantemento de "follas de pedimento" e por se hai algún malentendido e completas a tarde. Teño eu escoitado pausas tras a primeira palabra.

juan l. blanco valdés dijo...

De acordo con Api: aburren por consunción e, ao cabo, un opta por pagar do seu peto por non aturar tanta burrocracia. Eu sei dun que afirmou: aquí sen pedimento non folla nin dios.
Obrigado polas suxestións.