22.11.07

These wonderful years (remake)

Un recente post no que facía referencia aos tempos de José Luis Balbín e o seu programa La clave, e os comentarios subseguintes, especialmente certas reflexións do bo amigo deste local De la Highway61, estimúlanme a unha peneira ou lembranza crítica daqueles anos.
Disque cando un un xa non ten a quen aburrir coas súas batallitas escribe as súas memorias. Non pretendo eu tanto nin creo que as miñas memorias teñan o maior interese para ninguén, agás para min, nin agora nin nunca. Hoxe movémonos nas estreitas marxes da estandarización e apenas hai lugar para a aventura nin posibilidade de atopar unha existencia que non se amose tinguida de vulgaridade. Ir aos Himalaias ou ao Polo Norte? Cousa da sección grandes viaxe de El Corte Inglés. Coñecer os grandes da política, a arte, as estrelas de Hollywood? Ídolos con pés de barro; figuras de quita e pon. Todo está descuberto, a televisión todo o banaliza e a maior parte dos relatos pretendidamente suxestivos (para quen os emite) sobre o que facemos, a quen coñecemos ou a onde fomos provocan unha irreprimible somnolencia en quen os recibe. Só a partir deste caldo de cultivo explícase a necesidade —patolóxica nalgúns individuos— a emerxer da media a custa do que se sexa.
En fin. Quero dicir que, sendo tan difícil desvencellarse da máis crasa vulgaridade pouco hei de ofrecer eu de suxestivo tirando do meu particular baúl de los recuerdos (uúu). En calquera caso, como estas páxinas (e o intercambio dialéctico que provocan) teñen algo de psicanálise, ou de catarse, aí vai a tranche de vie dun español da añada do 60 (gran reserva).
Entrei no PCE, vía Xuventú Comunista de Galicia, en 1975, con quince anos. Daquela -anorak, pelos longos- había que ler a Freud, Martha Harnecker, Marx, Malinowski, Lenin e Jung, malia non entendermos maldita a jota da metade, e, no fondo, maldicir de tales peñazos; Miguel Hernández e, especialmente, Neruda liberaban da aridez de tanto rollo malo. Escoitábase La Cantata de Santa María de Iquique de Quilapayún; Inti-Illimani e Mercedes Sosa; a Jaume Sisa, Itaca de Lluis Llach; a Aguaviva (Dos cuchillos: qué fermosa canción). Eu, que proviña nomeadamente dos Beatles, atopei certas dificultades de acomodo a este novo universo político-sonoro. Viamos as pelis de Bergmann, Truffaut, Fellini… e cousas do leste bastante inclasificables. A golpe de compañeros e compañeras do Partido e hijuelas (a LCR, o PT, o MC…) ía eu descubrindo os meles da liberdade próxima e os primeiros embates dunha necesidade sexual impostergable. Os anos que mediaron entre a morte do ditador e a aprobación da constitución foron de moito crer, de moito falar, de moito berrar, de moita euforia e moito medo. Logo, sen apenas transición, veu o ingreso, meu e de toda a miña quinta, na sicodelia dos paraísos artificiais que fixeran furor na Europa de dez anos atrás e chegaban a España con dez anos de atraso. Kul nos ollos, foulards no pescozo, pachulí, o atrezzo dun pasota. O fondo musical sufrira radical mudanza: a nova cançó por Pink Floyd, a música chilena por Camel, Aguaviva por King Crimson. Apliquei idénticos empeño e fruición ao disfrute de tales paraísos e os excesos aledaños ca, anos atrás, a alimentar o convencemento de que as esperanzas dunha España libre e democrática residían nun bote de pintura en spray e nun feixe de panfletos. Logo, coincidindo co remate da divina loucura dos primeiros anos de mocidade, veu o que Leopoldo Panero chamou, creo que moi atinadamente, o desencanto, un enorme, un profundo suspiro social tras a descuberta de que, ao cabo, tras o retrato dun futuro debuxado por tantas ilusións e conxuras á luz dos flexos e fume de tabaco non había nada, só unha nova situación na que os máis espabilados ían afastándose aos poucos dos melancólicos da revolución pois o pastel que se aveciñaba prometíase goloso e rico de aproveitar e non había sitio para resentidos nin xentes ancladas en el pasado. E daqueles ventos veñen estes lodos.
Non sei se alguén se verá reflectido nas liñas que seguen ou son unhas memorias bonsai de tinte moi persoal. Sinto, en calquera caso, que a falta dalgún pobre vítima a quen colocar estes rollos teño un blog. Que cando menos sexa depósito de tanta paparrucha.

6 comentarios:

Anónimo dijo...

Coincidimos na parte menos intelectual e menos política do asunto, o cal é moi importante, porque se ven fica claro que vostede participou no que podemos chamar transición, eu, por idade, non cheguei a tal. Digo por idade e non hai tanta diferencia, tal vez sexa máis un asunto de talante. Quilapayún, Pink Floyd, incluso Llach están no peto da memoria, pero seguro que non o ocupan o mesmo lugar que no seu.

Anónimo dijo...

Entre tantas lecturas previsibles, déixame sorprendido e patidifuso o dato de que nas XX.CC. lles fixeran ler a Bronislaw Malinowski.

Sería, digo eu, unha sorte de prolegómeno para tratar a continuación a "cuestión nacional" (por iso de que os galegos viñamos sendo como os indíxenas das illas Trobriand).

Un saúdo.

juan l. blanco valdés dijo...

Grazas polos comentarios. En realidade, non se trata tanto de que nos fixeran ler, respondendo a unha sorte de disciplina, que, por suposto, non existía, senón do kit bibliográfico anexado a unha certa condición, a do progre daqueles anos. Se mal non lembro, boa parte das interpretacións antropolóxicas de Malinowski e a súa teoría da cultura tiñan como bas o materialismo histórico e moita da súa obra coincidía no mesmo ronsel, rompedor co sistema establecido, de Freud. Saúdos.

Anónimo dijo...

Se non me trabuco, hai pouca relación entre o estrutural-funcionalismo de Malinowski e o materialismo histórico propiamente dito. É máis: dalgún xeito aquel (o estrutural-funcionalismo) quixo presentarse como unha alternativa a este (o materialismo histórico)no seo das ciencias sociais. Mesmo o nesgo "anti-marxista" é ben visible e explícito nalgúns estrutural-funcionalistas, con Parsons á cabeza.

Con todo, e a pesar de tal confrontación, pódese dicir que, sendo diferentes, o marxismo tamén ten moito de "estrutural-funcionalismo", pero doutro teor ao estrutural-funcionalismo propiamente dito.

De aí que me estrañe que no kit inducido dos progres das XX.CC. aparecese tal lectura.

Cousas de tempos revoltos (e confusos)!

juan l. blanco valdés dijo...

Tempos revoltos e confusos, en efecto, pero tinguidos, agora, dun aura de melancolía... Xa sabe, o tempo que é unha peneira asimétrica.
Fondamente recoñecido á súa erudición e oportunas aclaracións. Estareime engañando, por paronimia, con Maiakowski?Saúdos.

Anónimo dijo...

Malinovski, Maiakovski, Miljanic, que máis ten. Agora o importante e ter a cabeza fría e os pes quentes. Eso sí a cantata de santa maría de Iquitos vade retro.