5.11.07

Memento

A reedición do extraordinario elepé Senderos de Traición de Héroes del Silencio (1990, con produción do Roxy Music Phil Manzanera) por parte de El País, e o poder evocador da música, que é coma un alud, retrotráeme a días nos que este menda era o batería dun grupo e tiña un mapa do mundo moi diferente ao que ten hoxe. Días en que era doado venderse pois cualquier oferta era buena. Angueiras, fillos, hipoteca, centos de compromisos, enrugas, canas… rematan por vencer os espíritos máis fortes. Conste que non me queixo: de todo, ata dos pasos máis arriscados, quitei unha lección. Non nacín poeta, profesor, blogger, editor nin intelectual. Desconfío sistematicamente da xente que dá a impresión de ter sido sempre o que agora é. Fuxide, especialmente, de quen non permite adiviñar que un día foi neno. No meu caso, de feito, o camiño cara ás condicións que hoxe me definen foi ben revirado, cheo de ocos, riscos, sombras, … pero, como o tempo é un escultor que sempre traballa pro domo nostra, o pouso que fica na lembranza é o dun superviviente. O dun heroe do silencio. Perde tres minutos e acaso pilles o que quero dicir.

10 comentarios:

Anónimo dijo...

Insufribles, grandilocuentes e pretenciosos. Iso me pareceron sempre Los Héroes del Silencio. Un remedo provinciano de U2 e de Jim Morrison, pasados pola turmix da Pilarica.

Con dicir que nin escoitei o disco que agasallaron os de El País...

juan l. blanco valdés dijo...

O abuelo da miña muller, home moi túzaro e sabio, cando lle afeaban ser tan tanazas retrucaba cada un disfruta á súa maneira. De gustibus non disputandum. Grazas, en calquera caso, por unha opinión tan contundente.

Anónimo dijo...

Sr. Blanco Valdés:que é para Vd. un intelctual?
Pregunto sen malicia ningunha, créame. Pero como Vd. se define no seu post como tal, teño curiosidade por saber cando un chega a ser consciente de que acadou tal estatus.
Insisto, non hai ironía ningunha na miña pregunta, tan só curiosidade.

juan l. blanco valdés dijo...

Amiga/o anónima/a:

Faltaría máis. Non percibo a máis mínima ironía, nin tería por qué, e ademais creo que a pregunta pode abrir un interesante debate. Eu creo que intelectual é unha desas palabras malditas en certos contextos e épocas, e que, coma boneco de pinpanpún, cada un usa como lle sae da reverendísima (con perdón), pero que sempre parece tinguida dunha certa aureola de exclusividade, como se para intitularse tal houbera que acadar un estatus de recoñecemento social que eleva ao elixido (digamos Fernando Savater, Santos Juliá ou Salvador Pániker) sobre o común dos mortais. Pode ser que moita xente comparta ese punto de vista, e non serei eu quen llo discuta. Pero eu lle confiro un valor (e así no meu post) absolutamente pragmático e claramente definido: o da persoa que fundamentalmente traballa co intelecto, ou -admitido que, ao cabo, todo traballo precisa do intelecto- que releva, ou aínda estimula e incentiva constantemente a actividade intelectual (análise, reflexión, crítica, abstracción, comparación, definición, conclusión, expresión moi elaborada...) sobre outra calquera (coma ben saben as miñas lumbares). A partir de aquí, resulta complexo establecer lindes, e así: e un intelectual un profesor de universidade? Depedendo da materia, pero parece que si. E un de secundaria? E un de primaria? Pois eu entendo que tamén.
En fin, o tema é complexo, pero, consonte as súas disculpas previas acerca da inexistencia de ironía pola súa parte-excusatio non petita accusatio manifesta, lembra?- infiro que máis dun pode pensar do dono deste local que é un pedorro por autotitularse intelectual. Obviamente, cada un pode pensar o que queira, pero nada máis lonxe da miña intención ca arrogarme méritos e títulos que non teño. Uso intelectual nunha acepción puramente mecánica, a que en Lexicografía se chama denotativa, fronte á connotativa, que parece ser a orixe da súa pregunta. Véx., por exemplo, o Dicionario Xerais da Lingua: Persoa que realiza un traballo ou actividade máis mental ca manualz. Pois iso. Saúdos.

Mararía dijo...

Por riba de todo son fan de Héroes del Silencio. Eu teño o disco que viña co País.

Ben razoado o asunto do intelecto.

Un saúdo.

Anónimo dijo...

Caramba, amigo Juan Luis, vostede xoga "con vantaxe" sobre os demais: pode poñer letra cursiva cando guste.

Co vicioso que son da cursiva, que non daría eu por poder poñela cando lle dou a lata aquí!

Un saúdo.

Anónimo dijo...

Pois aclarado para a miña satisfacción. Grazas mil.
Verdade que podía inferirse da miña pregunta unha chamada á area. A miña desculpa viña máis por iso de que o escrito carece de entoación e podía interpretarse como acusación de petulancia, unha característica que eu nunca lle atribuiría a vostede, ca unha excusa en defensa previa á unha posible acusación.
Pero é certo que a súa definición é tan precisa como pouco común entre moita da xente que se arroga o tal mérito.
Non podo sacar da cabeza ao inefable Dragó, que me revolve as tripas até o colapso.
Pero tamén hai intelecuais-mecánicos, tal é o caso do abuelo da súa muller.
Grazas, sinceramente.
Saúdos.

juan l. blanco valdés dijo...

Amigo Apicultor,

É ben doado poñer cursivas:

1)teclee o ángulo de apertura < seguido da letra i e ángulo de peche.
2) escriba a palabra que queira poñer en cursiva.
3) teclee o ángulo de apertura < seguido da barra /, letra i e ángulo de peche.

Para poñer grosas é o mesmo procedemento substituíndo a letra i (de italic) pola letra b (de bold).
Probe e xa me contará.

Amiga/o anónima/o (non sei por qué, pero inclínome máis por amiga anónima, erro?:
Moi contento de ter satisfeito a súa curiosidade, e moi agradecido de terme inducido a unha autognose ben produtiva para min mesmo. Saúdos.

Anónimo dijo...

Amigo Juan Luis:
Non erra e afágame a súa perspicacia. Satisfeitos todos, pois.
Grazas mil.

Anónimo dijo...

Moitas grazas de verdade por ensinarme cómo facelo. Estou coma un neno con zapatos novos.