20.11.07

Jódete, Gutenberg!

Utiliza partículas reais de tinta, reflicte a luz como o papel e non brilla como as pantallas doutros aparatos. Ademais, pode almacenar ata 90 000 libros, límite tan só teórico pois a súa conexión sen fíos a Internet alimenta o dispositivo ad infinitum. Eis a carta de presentación do novo soporte para a lectura Kindle grazas ao cal Jeff Bezos, fundador de Amazon, está en condicións de asegurar a prontísima, -diriamos inminente, cuestión de días- morte do libro impreso. Vivimos unha escalada na competitividade tecnolóxica (Microsoft, Apple, Amazon, Google, Adobe…) que semella ter establecido un concurso público para ver quen se apunta finalmente o mérito de cargarse o libro en papel. Imaxinan a Bezos orgulloso de tal mérito, pegando saltos e exclamando, alborozado, conseguino, por fin, jódete Gutenberg!! E digo eu, que lles faría o pobre libro? Cotas de mercado, cifras de negocio, contas de resultados? Serán estas as razóns e non unha xenreira inexplicable a tan nobre obxecto?
Sábese, dende que André Schiffrin o sistematizou nun libro nunca ben ponderado, que as revolucionarias punto com (Amazon nomeadamente) tiveron o estraño mérito de arruinar un estilo editorial sen ter sido quen de crear outro: a edición sen editores se lle chama a iso.
Ora, sexamos cautos: levo sostendo hai tempo que todo é cuestión de soporte. Miren para o trebello: pesa pouco, é manexable, non agrede á vista, e aínda por riba podes levar á cama ou a unha hamaca debaixo dun pino 90 000 libros…
Non sei que pensa Vde. Eu tiña un gato que se lle enchía de máis o comedeiro, non probaba bocado. Tiña que darlle o xusto. Porque o exceso sempre acaba aburrindo.
Un post recente sobre o mesmo asunto. Outro, moi revelador, por se quere seguir lendo.
[Imaxe tomada da edición dixital de La Voz de Galicia]

8 comentarios:

Unknown dijo...

"A morte do libro"... isto xa é un tópico, cáseque ao mesmo nivel co beatus ille.

Semella que non entra na cabeciña que o libro é o invento TECNOLOXICAMENTE PERFECTO. Materialmente resistente, contido perdurable, ergonómico, boa relación calidade/prezo e... a posibilidade de ter un obxecto artístico nas mans e nun anaquel da casa. Alguén pide máis?

Saúdos.

Anónimo dijo...

Estou de acordo con Pol en que cada contido ten un formato ideal, é o libro é un deses formatos.
Estou inda máis de acordo con Juan niso de que "o exceso sempre acaba aburrindo" (inda que a capacidade de soportar os excesos dependa das persoas e dos asuntos a exceder, claro).

Anónimo dijo...

Eu non lle vexo as vantaxes, será porque o libro, así, no seu formato impreso, ulindo a novo ou á humidade dos fondos dunha biblioteca mal acondicionada, non ten substituto posible para min.
E eu para que quero un aparello que pesa e ocupa o mesmo ca un libro, con milleiros de volumes dentro, se só dou lido un dunha vez?
Jódete, Bezos!!!

Anónimo dijo...

Pois eu sinto disentir. O libro desaparece. E non fai falta ser o profeta Elías nin Nostradamus. Está ao caír. Non hai nada semellante a aloumiñar o ecrán dun aparato electrónico. Un pracer de deuses.

Anónimo dijo...

Lo que yo nunca llegué a entender es por qué se sobreentiende que es una cosa u otra.

Yo entiendo que se complementan.

Allá donde no llega el libro, llega internet (y los diversos soportes desde los que se puede acceder a su contenido); y allá donde no llegan esos soportes, llegan los libros (en su faceta artística, de trabajo editorial, con perdurabilidad material...)

Hay muchos libros a cuyo contenido se podrá acceder única y exclusivamente mediante herramientas tecnológicas porque no son rentables sus ediciones o reediciones para las editoriales.

Para aquellas personas que no tienen recursos suficientes con los que acceder a grandes bibliotecas, un soporte electrónico único desde el que aprehender la cultura escrita es una bendición que puede hacer avanzar el mundo.

Para todos los que escriben e investigan sobre temas que no son rentables para las editoriales, es una espacio excelente desde el que dar a conocer su trabajo.

Los bibliófilos no dejaremos de ser bibliófilos porque haya otros soportes... Cada cosa sirve para lo que sirve. Creo yo.

juan l. blanco valdés dijo...

Creo que este asunto, bastante estimulante do punto de vista dunha dinámica que parece tensarse cada vez máis, reflicte perfectamente a metáfora da botella medio chea (ou medio baldeira). Recollo as ideas de Pol de que o libro naceu perfecto e a do/a amigo/a anónimo/a de que para qué tanto mogollón tecnolóxico se, ao cabo, so podemos ler un libro de cada vez?
Persoalmente, trasacordo con Arume: de momento todos os intentos de suplantar ao libro impreso foron absolutos fracasos. Nunca se editou tanto (70 000 títulos no ano pasado), porque existe, do meu punto de vista, unha simbiose entre continente e contido no libro impreso de enorme tradición e peso específico en occidente. Outra cousa é, como apunta a amiga Independiente, que cada cousa sirva para o que serve: referencia, documentación, información, redución de espazo, repositorio de inmensos contidos dixitais impensables doutro xeito, etc, etc.
Nada como aloumiñar o ecrán dun trebello electrónico, en efecto, e logo aloumiñar as páxinas, de tacto marabilloso, dun libro.
Para rematar: coincido plenamente con DLH61, sobre o aburrido dos excesos: depende, fundamentalmente, do asunto a exceder. Sempre fun moi fan de INXS.

Anónimo dijo...

Nunca se editou tanto: en efecto, ese é o síntoma evidente do ocaso. Editemos, editemos ata a derrota final. A fuxida cara adiante.

juan l. blanco valdés dijo...

Non sei, Arume, non sei. Lembra Vde. cando a eclosión do VHS (logo engulido, sen transición, polo DVD), as voces apocalípticas que agoiraban a inmediata morte do cine? Un dos síntomas claros da desembocadura final da edición na industria do entertainment é o parangón claro que se lle pode buscar con outras manifestacións desta industria, por exemplo, o cine. Cre Vde. que a absoluta hipertrofia, indiscriminación e efemeridade do cine (pelis que van directamente ao circuíto video-clube sen se estrenaren, carteleiras de estrea que perduran tres semanas con sorte, unha oferta apabullante) é unha fuxida cara adiante e, como Vde. cre, síntoma do seu ocaso?
Saúdos.