7.11.07

Dous puntos (filipinos)

Sobre o valor semántico da puntuación tense escrito abondo. Lembro eu un compañeiro do bacharelato que mal copiou do libro nun exame e escribiu:
Mahoma nació en la Meca a los siete años. Abandonó su hogar para marchar a…
José Antonio Millán chegou a titular un libro sobre ortografía creativa, moi divertido e rendible do punto de vista práctico, cunha coñecida anécdota: a do rei —creo lembrar que Felipe II— que mudando de lugar unha soa coma no billete que dirixiu ao xurado salvou da morte un condenado: de Perdón imposible, que cumpla la condena a Perdón, imposible que cumpla la condena.
Recentemente dous humildes puntiños salváronnos dunha boa. Iamos editar un inventario de distribución de certa especie de coleópteros galegos (aquí, por certo, pensando nos coleópteros, é onde resulta claro ata que punto o "feito diferencial" reside nunha mera coincidencia biolóxica, porque, que é un coleóptero galego? algo diferente dun coleóptero de Cacabelos?). Indo ao caso. Como os autores da obra tiñan lexítimas e moi loables pretensións de difusión internacional, ao lado da mención de Galicia no título do libro engadían (NO de España), establecendo, claro, a referencia ao punto cardinal concreto da vella pel de toro onde habitan os bichos en cuestión, e non facendo apoloxía —bastante extemporánea en libro de tal natureza— de separatismo político e coleoptérico. Como queira que, aínda máis no eventual ronsel das esixencias ibarrtéxticas, o sintagma ofrecía un aspecto inquietante: Coleópteros de Galicia (NO de España), máxime coas maiúsculas, decidimos incrustar dous piadosos puntos N.O. de España que alonxaban as nubes de interpretacións perigosas. E é que isto da edición é un traballo, por veces, de alto risco.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Moi boa a anécdota que conta.

juan l. blanco valdés dijo...

Celebro que lle guste. Saúdos.