18.11.07

De musica germanica

Un día que me deleitaba cunha obertura de Wagner (Lohengrin?) a considerable volume (en realidade, o único que salvo da miña profunda aversión á opera son as oberturas de Wagner), meu pai espetoume:
-Ti estás moi xermanizado.
Hai que dicir que meu pai se deleitaba, a igual ou máis volume, con Verdi, e, horror!, co género chico, que me inspira unha alerxia aínda maior ca a ópera.
Debo recoñecer, de calquera xeito, que meu pai estaba no certo. Un de entre moitos herdos que aposou para sempre das miñas relacións de mocidade con Alemaña foi a admiración profunda da súa música. Autores e grupos contemporáneos, como Udo Lindenberg ou os Rodgau Monotones, moi pouco coñecidos por estes pagos, son para min obxectos de culto. As realizacións da música electrónico-atmosférica xermana (especialmente Kraftwerk e Tangerine Dream) resultan auténticos puntos de inflexión para o melómano que subscribe. En certa ocasión que escoitaba eu Timewind, do ex-Tangerine Klaus Schulze (sen dúbida, un vinilo de cabeceira), meu pai volveu opinar:
-Agora entendo perfectamente o que quere dicir o adxectivo monótono, porque isto que estás escoitando é un puro mono tono.
Sosteño que algunas páxinas de Bach e Beethoven están sen dúbida na altura do máis estremecedor e sublime que a pulsión melódica humana ten producido. Máis modernamente, é doado apreciar como o xenio aliado cunha posición estética teórica pode revolucionar o paradigma musical contemporáneo; refírome a Verklärte Nacht de Schönberg, a dodecafonía e os seus epónimos, de calidade par á do mestre.
Un xénero do que me confeso devoto é o Lied. De Mozart a Strauss e Wolf, dende pezas leviás e festivas a introspeccións musicais fondas e tinguidas de brétema xermánica, existe un repertorio de rexistros que ningún melómano pode ignorar. Dentro do xénero, Schubert salienta, claro está, dun xeito especial. No ciclo da bela muiñeira (ah! que resabios galegos), Die schöne Müllerin, descubrín outro pico de xenialidade irrepetible. Se se ten escrito algunha vez unha música capaz de transmitir a ledicia de vivir, de amar, de oír o fresco canto dun regato nunha mañá de primavera ou de sentir o ánimo de andar o camiño sen máis pretensión, esa música son as melodías de Schubert, en simbiose excelsa cos textos de Heine, Goethe ou Müller.
An dich hab ich gedacht. Hannes Wader singt Schubert é o título dunha reinterpretación moderna e que funde a súa raigame no propio cerne popular e folklórico do Lied de autoría do cantautor Hannes Wader, que toca a guitarra, e o impagable apoio do contrabaixista Eberhard Weber, polifacético e voluble, nome asociado ao selo de jazz ECM, de prístina impronta boreal, e recrutado para a súa banda polo saxofonista noruegués Jan Garbarek.
Un disco marabilloso, que recomendo vivamente, no que o idioma alemán, tan impopular e baqueteado por razones de historia recente e a inxusta lenda negra sobre a súa escasa eufonía, soa doce, musical e cómplice, convidando á ledicia, o amor ou o recollimento na voz barítona de Wader.
N.B. Sobre as dificultades de acceso a este CD no mercado hispano, e, tras o acendido panexírico do mesmo, é posible que algún lector pense de min que hai que ser un pouco cabrón. Non se preocupen. Estou disposto a alugalo a partir de módicas cantidades a determinar. Agardo solicitudes.

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Eu escoito esas músicas que vostede comenta (eu de música clásica nin idea) e se non é polo idioma nalgunhas (e se é en italiano escrito por un alemán, que facemos?) nin penso no país onde se fai. É máis, tendo en conta a enormidade do imperio austro-húngaro, saber de onde son os músicos é tarefa difícil.

Anónimo dijo...

Canto pide polo aluguer?

juan l. blanco valdés dijo...

O do aluguer era máis brincadeira ca outra cousa. Que tal o tostado ilegal do CD, e, con tal motivo, concertarmos un rendez vous?