15.11.07

De imagine. De verba

Iso de que unha imaxe vale máis ca mil palabras semella estar facéndose palmaria realidade no mundo de hoxe. Afeitos coma estamos a unha civilización fundamentalmente visual (botamos media vida mirando monitores ou pantallas —sempre gustei do lusismo ecrán, que lin, creo, en Ferrín—, pois iso, ecráns de cine, de tv, de ordenador, de celulares, de iPods, de blakberrys, de gps’s…) e a unha existencia rexida polas présas, creo que o cultivo sosegado da palabra sofre dunha certa atrofia. Por unha banda, sentimos ter pouco tempo para conversas repousadas. O paradigma disto é ese abominable programa de debate televisivo no que, pasados creo que 59 segundos, ao ghicho en uso da palabra caelle o micro, negación de toda reflexión serena necesaria e previa á emisión dun parecer. Lembran a Balbín, repantigado no seu sillón, coa súa boa pipa, e o seu grupo de convidados ao lume doce dun debate con todo o tempo do mundo? O tempora, o mores! Por outra, o propio cultivo da palabra vén derivando cara a formas obviamente visuais: moitos dos artigos, por exemplo, dos innúmeros suplementos dominicais rubricados por coñecidas sinaturas rivalizan, na escalada dun tipo de prosa bastante sensacionalista, no uso permanente de imaxes cotiás e próximas ao lector. A literatura, en boa medida, é cinematográfica, e moitas novelas (algunhas de autores, en consecuencia, moi amados do gran publico —malo, malo), son puros guións dunha acción doadamente traducible a imaxes (aí teñen a Brown e o seu código: non sei que é peor, se o libro ou a película...).
A indixestión de palabra escrita (vivimos, de certo, no borde dun colapso informativo) ten como curiosa contrapartida un uso cada vez máis deficiente, penso, da palabra oral. Sosteño que unha boa expresión oral —fóra factores aleatorios: timidez, medo escénico…— corresponde a unha sólida arquitectura mental. Ninguén que fale ben pensa mal. E como na vida pública é cada vez máis raro atopar quen fale ben, iso que se di dá gusto oílo, non podo menos ca concluír que, de media, neste país noso pénsase bastante mal.
O tema ten tela, xa o sei. De por parte, non sería positivo incluír no ensino, dende a primaria, unha asignatura de expresión oral? Persoalmente, creo que si.

9 comentarios:

Anónimo dijo...

Asignatura de expresión oral, xa! Agora ben, como lle digo iso dígolle que A Clave foi o programa máis coñazo do mundo mundial, insoportable. E o do microfoniño ese que se esconde aos 59 segundos, se en vez de esconderse para abaixo fora para arriba e se metera na gorxa (por non mentar outro sitio) dalgún dos contertulios, iso que aforrabamos todos. E se poidese ser con efecto retroactivo até o programa do sr. Balbín, mellor que mellor: a miña infancia e mocedade tivera sido máis feliz. A única lembranza mala que gardo do meu pai é a de cando encendía a tele para ver a Clave. Joder, danme arrepíos só de pensalo.

juan l. blanco valdés dijo...

Xa ve, amigo DH61, a min sempre me caeu moi ben Balbín e disfrutaba moito do seu programa. E é que non hai nada máis certo: de gustibus non disputandum.
Nice weekend!

R.R. dijo...

Eu tamén apoio a proposta. Pero non estou de acordo co mestre dlH61. A min La Clave gustábame. 59 segundos, non.

Anónimo dijo...

La Clave estaba, polo xeral, ben, a pesar de que Balbín era un pouco cargante. Menudo mosqueo collera cando Guerra se cargara o programa.

juan l. blanco valdés dijo...

Con independencia, amigos, do orondo e plácido Balbín e a súa Clave -que xa vexo xera opinións diversas- interesábame enfatizar a radical mudanza dunha "media" televisiva (e, supoño, por ende social ata certo punto) caracterizada por ter todo o tempo do mundo e outra tinguida de présas, urxencias, e, xa que logo, da necesidade de utilizar unha linguaxe intensa, impactante, agresiva, que nun minuto desarme os argumentos do contrario. Observo que chega a ser moito máis importante como se di que que se di. Saúdos.

Anónimo dijo...

O último programa de La Clave foi no '85 e algún dos que contestou aquí (non quero sinalar) tiña daquela 15 anos. Un prodixio, deduzo, ver a un neno de entre 6 e 15 anos (La Clave estivo en antena entre 1976-1985) entretido un venres ás tantas con Balbín, acompañado dalgún ministro da UCD, dalgún filósofo alemán (desde aquela, cada vez que escoito unha tradución simultánea dame voltas a cabeza como á nena do exorcista) e algún progre "sencorbata" da época, discutindo sobre, que sei eu, a última renovación do politburó soviético, despois de ver nunha entretida película checoslovaca, un plano-secuencia de 20 m. dun tipo arando o permafrost. Hai xente para todo. (E os que tiñades 20 en vez de 15, xa vos vale estar na casa un venres as 12 da noite co mesmo rollo).
En resumidas contas: non te creo, Clodoveo.

juan l. blanco valdés dijo...

Home, amigo DH61, non é exactamente así: non todas as películas eran checoslovacas, nin poñían Koniec ao final, nin todos os contertulios eran progres sencobarta nin ministros da UCD (aínda que bastante diso había). O tempo é unha peneira fodida. Era o país que era. E eramos os mozos que eramos. Eu lin a Marta Harnecker (sen entender maldita a jota, todo hai que dicilo) aos 16 ou 17 anos. Malinowski, Freud, Lenin, Aguaviva, Quilapayún, as trenkas, Bergman, Truffaut... era o atrezzo daqueles anos. Déalle hoxe un exemplar de Sobre el revisionismo y el renegado Kautsky a un rapaz de 18 anos e verá o que fai con el.
En calquera caso, o seu punto de vista dáme materia para un post sobre a progresía daqueles anos, que eu lembro marabillosos. La clave, Balbín e os seus contertulios en branco e negro, e un buen peta (vostede sabe), era un broche de ouro para a semana. Un saúdo cordial.

Anónimo dijo...

Sr. Juan
Está claro que hai moitos mundos, que están todos neste e que nós viviamos en dous distintos. Non hai por que acudir a un mozo que teña 18 anos hoxe para saber que faría co ladrillo ese do que fala (eu non sei do que fala, pero polo contexto adivino que era un ladrillo fino fino), porque eu podería dicir qué tería feito eu (de saber que existía, claro).
Eu con 16 ou 17 anos estaba demasiado colgado (pareceralle moi primitivo, pero era e son así e nunca renegarei diso) de cousas como Tony Manero, as discotecas e de arrimar a bragueta, que se dicía, como para prestarlle atención a todas esas cousas das que fala (Quilapayún si, que tiña un irmán maior máis comprometido e entendido e algo sempre caía de rebote), que como ben di, non eran máis ca un atrezzo que se foi abaixo en canto acabou a función. De feito Manero sobreviviu á época mellor que Balbín, as súas pelis e os seus contertulios, a deus grazas.

juan l. blanco valdés dijo...

Amigo DH61: o post que publico hoxe (These wonderful years) está pensado sobre as súas reflexións e a referencia a termos vivido en mundos distintos. Un saúdo cordial e grazas pola, involuntaria, suxestión.