18.4.06

Antonio Piñeiro, colección Bourel e o amor puro aos libros


Na chamada era cibernética ou tecnotrónica, cando os presaxios máis alarmantes anuncian a definitiva morte do libro impreso, un visionario de Ribeira inicia a fermosa aventura de facer libros de poesía tan humanos que os debuxos se fan directamente sobre o papel en cada un dos exemplares.
Agora presenta o libro
37 poemas por man propia, pequenos poemas de trinta e sete poetas de todas as xeracións, co texto total ou parcialmente escrito polo propio autor sobre o papel. Un pode percibir e case sentir a firmeza, a fraxilidade ou mesmo o estremecemento do pulso de cada autor.
Se hoxe houber milagres diriamos que estamos ante un feito sobrenatural, pero o único milagre é a capacidade creativa, a paixón e o esquisito gusto de Antonio Piñeiro, profesor de Historia do Instituto da miña cidade de Ribeira.


Son palabras, fermosas, que eu subscribo da punta ao pé, do presidente da Real Academia Galega, e bo amigo, Xosé Ramón Barreiro Fernández no limiar ao libro –mellor será dicir aos libros, xa que non hai ningún igual a outro– 37 poemas por man propia editados (aquí “editados” quere dicir literalmente manufacturados, ademais de impresos e encadernados) mercé ao entusiasmo dun home tan irrepetible como cada un dos libros dos que falo.
Cando Antonio Piñeiro, mercé á nosa común amizade con Xabier López Marqués –poeta e amigo de hai moitos anos e profesor, igual ca Antonio, no Instituto de Santa Uxía–, me propuxo participar cun poema nun libro no que ademais de reproducirse o poema impreso debía manuscribilo, en todo ou parte, para que na edición final saísen a carón impreso e manuscrito, pensei: non pode ser.
Era unha idea tan absolutamente engaiolante; era unha honra tan desmedida aos meus pobres méritos como poeta; era un proxecto tan complicado do punto de vista técnico (como editor intuín axiña os problemas de coordinación para a compaxinación) fronte aos seus escasísimos rendementos económicos (trataríase dunha tiraxe de só 100 exemplares); era algo tan anacrónico nestes tempos de plutocracia editorial… que tentei imaxinar qué caste de marciano andaba detrás de tal designio.
Cando coñecín, hai agora arredor dun ano, nun serán de primavera, a Antonio Piñeiro descubrín un home que, simplemente, non é deste mundo: pedíame, case con desculpas polas molestias, participar no máis fermoso proxecto editorial no que teño participado coma autor. A xentileza, a cortesía, a bibliofilia militante, o desinterese (signo natural de todo intelectual honesto), o entusiasmo de Antonio transmítense de seguido e traslocen á súa expresión franca, de permanente sorriso.
O proceso iniciouse e puntualmente iamos recibindo novas de Antonio, sempre gratas e tinguidas de ilusión, a través do e-mail. No outono chegáronme as cen follas nas que debía estampar o meu manuscrito, o poema "O espírito do alpinista", no anverso, por certo, do poema impreso de María Xosé Canitrot, "Ainé". E púxenme ao labor. Lembrei aquel absurdo castigo escolar das copias: para mañana me traes escrito cien veces "no me levantaré del pupitre sin pedir permiso”…
O resultado é o libro 37 poemas por man propia editado na colección Bourel, creada e dirixida por Antonio Piñeiro e con sé en Ribeira. Unha rara avis nestes tempos de mercantilismo cultural.
Grazas, Xabier polo agarimo e amizade. E parabéns sinceros, Antonio, dende o fondo da miña alma máis auténtica, a do poeta.
Nota: 37 poemas por man propia preséntase o venres 28 de abril ás 20:30 h. na Casa de Cultura de Porto do Són, nun acto organizado pola Asociación Cultural Barbantia.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

É unha idea fermosísima, para os que temos amor aos libros, àpalabra escrita, que nos gusta sentir nelas a alma de quen as escribiu, sentir que é un ser, non unha máquina, tentar descifrar na caligrafía sensos escondidos.
Espléndido.

juan l. blanco valdés dijo...

Estimado Oliveira:

"Descifrar na caligrafía sensos escondidos". Parece un verso.
Que nunca nos falte o amor á palabra. Obrigado pola visita e o fermoso comentario.

Unknown dijo...

A historia continúa...
http://www.culturagalega.org/temadia.php?id=11838

juan l. blanco valdés dijo...

Obrigado, amigos, pola información e polo enlace ao meu blog na nova de culturagalega.org.
En breve enlazarei tamén a esta nova cun post específico en Fragmentos da Galaxiaz.
Apertas e parabéns.