20.4.06

Clásicos do Pensamento e bos amigos




Hoxe presentamos na Reitoría da Universidade dous novos volumes da colección Clásicos do Pensamento Universal, que a USC coedita coa Fundación BBVA, ou, para ser exactos, a USC edita mercé ao xeneroso mecenado da Fundación BBVA. Todos os datos da presentación e dos libros aquí.
Deixando de lado o contributo cultural e científico da colección, que só o tempo será quen de graduar na súa xusta medida, a penas quero agora destacar que un dos elementos que converte o labor do editor –tan anónimo e ingrato en moitos aspectos– nunha tarefa apaixonante (e deixemos sentado que todo bo editor está enamorado da súa profesión) é a conciencia final do traballo en equipo, a gratificación do produto intachable, callado tras longos meses de adicación e entrega.
José María Gaírí, Manolo Pombo, Pepe Barro, Xosé Salgado, Javier Fernández Carvajal, Quique Harguindey, Mar Lorenzo, Marisa Melón, Herminio Barreiro, Senén Barro, Darío Villanueva, Rafael Pardo Avellaneda, Elisardo Antelo... Sería estúpido agochar o íntimo orgullo que me produce ser o elo dunha cadea de tan magníficos profesionais e mellores persoas. Ás veces o mundo é un sitio moi agradable.

No hay comentarios: