25.4.19

De libros, librarías e nativas dixitais


Na última entrega da magnífica revista sobre edición e libros Trama&Texturas, o meu amigo e colega editor, profesor de edición e teórico da comunicación escrita Joaquín Rodríguez inclúe un artigo de título espeluznante: «Las librerías desaparecerán en 2030». Confeso que, perante tan terrible e contundente declaración, aínda non me atrevín a fincarlle o dente ao, de certo que interesante, artigo de Joaquín. Intúo, con todo, que os tiros irán polo que seguramente vostede tamén imaxina: o embate imparable do comercio dixital (léase, fundamentalmente, Amazon) está acabando con moitas cousas e mudando irremediablemente xeitos tradicionais de facelas. 
Lembro hoxe con infinita nostalxia a don Manuel González, propietario da libraría do seu apelido na rúa do Villar (autor dun refraneiro caseiro tan ripioso como entrañable), vendéndome catro ou cinco títulos da colección Austral, aos que un dependente lles poñía, tras envolvelos en fino papel canela, unha (ad pedem litterae) jomita, mentres o propietario, triunfante tras a transacción, obsequiábame, amosando os seu mitóns de lá, cun rotulador. Hoxe a adquisición dun libro é adoito unha operación dixital, fría e aséptica como a bombona do butano; lonxe quedan os tempos en que unha libraría era o templo no que os iniciados na liturxia practicaban o cerimonial previo a un acto de suprema nobreza: a lectura. Que libreiro ten hoxe tempo e ocasión para intercambiar opinións ou recomendacións cos seus clientes? Iso xa o fai Amazon, Google Books ou a web do Corte Inglés: se vostede mercou isto, seguro que lle vai gustar aquilo, ou, marque vostede na caixa de verificación se quere recibir os boletíns de novidades.
E é que, inevitablemente, mudan as formas e, ao mellor, non hai que ser pesimistas. Se, como quere Joaquín, pechan as librarías, outras (dixitais, na nube ou vaia vostede saber onde para 2030) abrirán, pois quen pode imaxinar un mundo sen libros? É como pensar nun unicornio sen corno.
Nas últimas semanas, a incorporación á rutina diaria do traballo na editorial universitaria de alumnas en prácticas de distintos másters universitarios reconcilioume coa perennidade do libro. O amor, o mimo, a habelencia e o coñecemento intitutivos, a sensibilidade, respecto, capacidade e ansia por aprender o nobre oficio do editor que este feixe de nativas dixitais (devotas, claro, de instagram, facebook e os smartphones) manifestou durante as súas prácticas é un testemuño claro da inmanencia do que naceu perfecto.

9.4.19

Abascal y cierra España

O vate Máximo Estrella, sublime e pobretón, doíase con carraxe de que para os españois la vida es un magro puchero; la muerte, una carantoña ensabanada que enseña los dientes; el infierno, un calderón de aceite albando donde los pecadores se achicharran como boquerones; el cielo, una kermés sin obscenidades, a donde, con permiso del párroco, pueden asistir las Hijas de María. Este pueblo miserable transforma todos los grandes conceptos en un cuento de beatas costureras. É imposible penetrar a cerna dun pobo con tal estética literaria se non se posúe o xenio de Valle-Inclán. Imposible? Tal vez non. Outro colega xeneracional de don Ramón de las barbas de chivo volvía a esa médula, secular e rica de facetas, en catro extraordinariamente lúcidos versos: La España de charanga y pandereta, cerrado y sacristía, devota de Frascuelo y de María, de espíritu burlón y de alma quieta. 
Hoxe ya semos europeos e España é un país orgulloso de semellarse aos outros países da súa contorna. As touradas, a tortilla de patacas, a sesta, falar moi alto e as dezasete modalidades baixo as que se pode solicitar café nun bar son apenas unha anécdota, o recordatorio amable dunha teimuda tendencia a manter, vivos e puxantes, trazos que aos de fóra lles fan moita graza. Pero o camiño para termos chegado a ser un país coma outro calquera foi, en verdade, unha congostra virada e ben fodida. Da expulsión dos xudeus á Contrarreforma, da Inquisición aos Caprichos de Goya e da capa de Luís Candelas ás folclóricas con faralaes transita un mar de tempo,  escuridade,  sangue e medo. Transita a media España que de 1936 a 1975 rompeulle o corazón á outra media; unha España que non se parece a nada.
Interrogado nuna entrevista pola súa idea sobre política exterior, Santiago Abascal confesou: «Ahí me has pillao». Eu creo, e creo que milleiros de españois tamén o cren, que a Santiago Abascal a política impórtalle un pito. A violencia de xénero, a inmigración, o aborto, o estado das autonomías… son problemas demasiado comúns aos problemas de calquera país e, por iso, cuestións grises e aburridas. Abascal (que xa tardaba), como Franco, prefire non meterse en política. O seu é a España eterna, simple e doadamente comprensible, esa España que vai e vén no complexo devir dos séculos, de charanga y pandereta, da nostalxia de grandezas alcanforadas, de copa e puro despois de xantar e da amizade dos diestros, unha receita que tampouco se parece a nada e coa que, temo, don Santiago pode colleitar notable éxito.

28.3.19

Unha peniña

Só con evocar nomes como Lascaux ou Altamira, percíbese claramente que a manía de pintar nas paredes, xeralmente co designio do público coñecemento, é tan antiga como o home. Os habitantes de Pompeia, desaparecidos todos de morte matada no 79 d. n. e. nunha violentísima arrautada do Vesubio, eran, polo visto, especialmente proclives a declarar nos muros da cidade toda sorte de mensaxes, anuncios, retrincos ou francas mamarrachadas. A tal punto era isto así que alguén, compadecido dunha pequena tapia na que xa non había espazo para grafar máis parvadas, aínda atopou sitio para, en letra fina, estampar un enxeñoso mensaxe para a posteridade: Admiror, paries, te non cecidisse ruinis, qui tot scriptorum taedia sustineas, a saber, «pasmo, parede, de que non caias en ruínas, ti que sostés o aburrimento de tanto escritor». 
Esta teima dos pobres pompeianos callou co andar dos tempos nunha palabra, graffiti, que é un verdadeiro mot-témoin dos nosos tempos. Artistas urbanos fanáticos do rap, gorra de béisbol ao revés e jeans de tres talles máis, provistos de poderosos aerosois definen nas paredes das cidades, no interior de pontes, nos sinalizadores das estradas, nas estacións de metro… unha nova forma de cultura plástica e conceptual que, na súa imaxinación e poder estético, nada teñen que ver coas pintadas dos vellos tempos. Seguro que a vostede o asalta de cando en vez a palabra BOSTA, grafada en grandes caracteres e con artística maiúscula perfilada, en innúmeros sitios de Compostela, ao punto de semellar case unha icona gráfica da cidade. 
A remates dos 70 e nos 80, os ácratas facían alarde de ironía en portas e tapias do Franco: No es Vota no, es butano; Parad el mundo que me apeo; Non queremos o medio ambiente, querémolo enteiro. É verdade que o criterio estético era de menor calado e non se chegaba ás auténticas obras de arte que hoxe poden contemplarse como expresión, que dúbida cabe,  dunha nova forma de cultura, directamente destilada da experiencia da vida urbana. Daquela, abondaba cun esprai vermello, unha reivindicación política (e había, naqueles días, onde elixir…) ou un chisco de retranca. Hoxe, signo, talvez, dos tempos, catro antropomorfos (ou xinecomorfas, dá igual), incultos, nostálxicos de revolucións que, por boa fortuna, non tiveron que vivir, consentidos e pouco dados aos límites, luxan paredes centenarias e obras mestras da escultura de hai novecentos anos para alardear, igualmente, de imaxinación, graza e fina retranca, da mellor do país: Machirulos pim pam pum; No salí de tu costilla, tú saliste de mi coño; Feminismo ou revolución, e por aí. Se leran un libro…

10.3.19

Shinrin-ioku


Karaoke, tatami, kimono, bonsai, surimi, samurai, tempura, iudo, ikebana, manga, mikado, kamikaze… Mire vostede que nos cae lonxe o imperio do Sol Nacente e, así é todo, poucos estranxeirismos gozan na nosa lingua da popularidade e prestixo das voces importadas do arquipélago nipón. Ten moito que ver no asunto, creo eu, a fascinación que sobre Occidente exerceu sempre a orixinalidade, heroica épica, delicadeza e espiritualidade (ou unha combinación de todo) da cultura xaponesa. Non é só que bonsai, tatami ou ikebana sexan verbas fermosas, dotadas dunha sonoridade étnica e remota; é que, de seu, cultivar árbores a microescala, axoenllar para tomar o té ou converter os ornamentos florais nunha arte sublime son manifestacións dunha altura moral directamente derivada da elegancia vital, o amor pola contemplación e o aproveitamento das leccions inesgotables da natureza.
E, falando de natureza, sabe vostede o que é shinrin-iouku? Home, así non se pode! Todo hai que explicalo! Hai que poñerse ao día! Menos mal que aquí estamos para o que faga falta…
Pois si, shinrin-ioku é a última tendencia chegada a Occidente do país do sushi. Literalmente significa ‘baño de bosque’ e se refire aos contrastados beneficios que, sobre a saúde, produce a inmersión na luz, nos sons, nas cores, nos aromas da silente quietude dos bosques (visite shinrin-yoku.org e xa me contará). Polo visto, practicar con frecuencia o shinrin-ioku, que está arransando en media Europa, reduce a presión arterial, tempera o estrés e os seus  moitos efectos nocivos, mellora a calidade do sono, axuda á recuperación tras unha enfermidade e, mesmo, estimula o funcionamento do sistema inmune. Xa ve, mellor (e máis barato para todos) ca ir ao ambulatorio e saír cunha ducia de receitas.
A verdade é que, como os urbanitas somos todos medio papahostias e apouchamos co que nos boten, abonda con que se bautice con nome exótico algo que levamos facendo séculos para acabarmos crendo que somos la mar de orixinais. Eu, qué quere que lle diga, levo bañándome en bosque ben de anos, en boa medida porque a Amaía, bendita terra na que habito, é un a xeito de inmenso balneario para tal fin: bosques infindos de carballos e meloxos, castiñeiros, freixos e bidueiros, nos que deixarse seducir pola maxia de nai Natura e esquecer o mundo son a cousa máis doada. Pero, claro, se ademais, a andar polo monte agora se lle chama shinrin-iouku a cousa gaña moitísimo, onde se vai comparar! Seguro que fai máis efecto.

19.2.19

Cousas que pasan nun sofá


Hai metamorfoses sorprendentes. Eu sei dun comunicador moi popular, barbado, de lentes escuras e nome raro para máis datos que, tras facerse popular en programas de telelixo facendo permanente gala dunha arrogancia, dunha insolente prepotencia e dunha impiedade non sei se máis impresentables que ridículas, agora, transmutada a mala baba co pelexo do año, senta con persoas, persoeiros e personaxes do famoseo nun sofá para, moi ao seu pracer e no que se supón é un programa serio (e non os brodios que antes protagonizaba), afondar no aspecto humano dos seus entrevistados desde o que semella unha visión intelixente das cousas e das persoas. Todo ben ata aquí. Non serei eu , desprovisto de categoría e coñecementos para tal cousa, quen critique o dereito que todos temos a dar matute aos demais sempre que os demais nos crean. Ben sabido é que para que haxa listos ten que haber parvos e a nosa, tamén é ben sabido, é unha sociedade que vai, como rabaño de ovellas, a onde a caixa tonta se propoña conducila. Ora, talvez ao noso comunicador, nesa curiosa transmutación de borde supremo e oficial a xornalista lúcido e ecuánime, quedoulle en stand-by algo da súa soberbia pasada, só pendente de que o seu convidado no sofá non se lle puxera ao rego, como se adoita dicir, e, contra o criterio onmipotente do noso comunicador, aquel ousase rebelarse e non dicir amén.
Nun contexto social de extrema polarización das ideas, de confronto permanente nun ruído mediático insoportable e de gurús da comunicación que, dende os seus púlpitos, pontifican diariamente para a súa parroquia, eu, humilde cidadán, creo que se erosionaron irremediablemente (ou francamente se perderon no camiño) moitas dos máis nobres trazos da nobilísima arte da información e a comunicación. Penso eu que o xornalista debe someterse inequivocamente á fluidez e plasticidade da realidade da que informa e non pretender moldeala ao seu criterio. Neste senso, sentar a unha persoa no sofá para, minutos despois, romper coa entrevista e botar ao entrevistado porque ao xornalista non lle gustan as opinións deste (por moito que sexan polémicas e incorrectísimas politicamente) é, ao meu modesto entender, unha felonía impropia dun verdadeiro xornalista e dá a medida dos tempos e ao que temos chegado. Persoalmente, deume a sensación de que o señor Mejide, por moito Chester no que agora sente, bota en falta a liberdade da que gozaba na silla de Got Talent.

13.2.19

Bu


Un tipo moito máis novo ca min, ao que quero con ese amor rabioso que prende en nós como unha segunda pel ou a hipoteca da casa, usa unha interxección de factura propia para expresar toda unha gama de reaccións negativas acerca dos acontecementos da vida: decepción, estrañeza, incomprensión, hostilidade, preocupación, crítica, negación… A interxección é máis ben minimalista e caracteristicamente desprovista de entoación: bu. É un bu neutro, nin alto nin baixo, pasivo, como apagado. Este tipo tan querido di bu se a comida non lle atrae; di bu se esquecín botar gasolina (ao seu coche, por suposto); di bu cando na neveira non hai zume de brick e bu perante a perspectiva de madrugar o día seguinte. Cando, por algunha razón, a percepción é especialmente negativa ou xera unha reacción de desgusto máis intensa, a interxección reitérase: bu bu, podendo chegar, en casos de decepción extrema, a un enfático bu bu bu. Nunca, ata o momento, lle rexistrei mais de tres bus. O tipo este leva a interxección tamén ao territorio da escrita e, ante un guasap no que lle comunico algo que non lle gusta (o cal non é inhabitual), a resposta no bocado de texto do meu celular é Bu / Bu, bu ou Bu, bu, bu, segundo o grao de contrariedade que a misiva lle provoque. 
O curioso do caso,  será polo contacto, e que se me contaxiou a interxección e tamén eu me descubro de cando en vez exclamando bu. É máis, ultimamente digo bu con sorprendente frecuencia. Déitome coa matraca insoportable do procès e esperto coa matraca insoportable do procès, e digo bu. Escoito a un gurú de idade provecta pontificar na caixa tonta afirmando que o país está máis cerca de 1939 que de 1978, e digo bu. Antes a xente vía o parte da tele á hora de xantar e esquecíase do conto ata a hora de cear. Agora, o balbordo dos medios, xornais impresos e dixitais, canles de tv, redes sociais, streamings, fake news e demais chatarra non pecha nunca e sobarda todo límite. Ruxe-ruxe, díxome-díxome. E digo bu. Oio (que non escoito) a Sánchez, logo a Rivera, despois a Iglesias, Casado e o de Vox, de cuxo nome nunca me lembro, e digo bu.  Xa quixera eu non dicilo e que as cousas marcharan mellor!
O bo (ou talvez non tan bo) do asunto é que, coincidindo co tío este que tanto quero, os meus bus son tamén inexpresivos, exánimes, non levan en si a semente da saudable indignación, nin da xusta carraxe, nin da enerxía do dinamiteiro que soña con cambiar o mundo. Levan só fastío, un aburrimento abismal, e a escura convicción de que ao mellor é certo que, como país, non temos remedio.


19.1.19

Tempus fugit


Cando, na altura de cuarto curso da vella licenciatura de Filoloxía Hispánica, con aproximadamente vinteún anos, tocoume don Jorge Manrique e as súas sobrecolledoras coplas de pé quebrado, inspiradas pola morte do pai, lembro que aquel verso do poeta,  cualquiera tiempo pasado fue mejor, pareceume unha chorrada de regulamento: o mellor con vinteún anos é o presente e, desde logo, o futuro, un mar incalculable de tempo que non vai rematar xamais. Só co paso dos anos, un comeza a entender que, nalgures, talvez na volta do bote, debe haber unha data de caducidade, e se empeza, en efecto, a sobrestimar o pasado e a reputar como máis florido, máis útil, máis suxestivo e nobre, o tempo mozo no que floreceu a primavera da nosa vida. Conste que, sobre todo no exercicio das duras responsabilidades paternais, nunca vendín a idea dos vellos tempos como a arcadia feliz e o presente como unha desastrosa apocalipse, pero iso tampouco me impide recoñecer algunhas cousas. Algunhas cousas como que a globalización, a hipertecnoloxía e o consumismo compulsivo, á parte de aguilloar moita tontería, acabaron con boa parte da espontaneidade humana.
Mire vostede, por exemplo, a nosa cidade. Deixando de lado peculiaridades únicas, de todos coñecidas, indo ao caso Compostela é hoxe unha cidade como outra calquera. En Compostela fanse botellóns multitudinarios; a xente vai sempre de présa e estresada; hai autoestradas e autovías que nos conectan co mundo; un fermoso aeroporto e ata unha Cidade da Cultura, como moderno monumento do que presumir. En Compostela hai  o que hai en todas as cidades: Leroy Merlin, Decathlon, El Corte Inglés, Media Markt, Bricomart… En fin, o esperable. Sabe que? Eu boto en falta, ás veces cunha saudade grande como unha vaca grande, aquela Compostela de 1977, cando cheguei para ir á Universidade e aínda se percibía que a cidade vella era a aldea máis grande de Galicia e polas súa rúas deambulaba un catálogo de tipos inclasificables. Bretón e o seu bastón musical, John Balan, Casal e o seu papagaio Juanito, o “Caudillo”, aquel clochard ao que chamabamos Franco del Carro e o seu apocalíptico rotulador… compoñían a estampa dunha cidade nocturna e espectral, de esperpento ou barrigaverde. Do meu camiño diario á facultade en Mazarelos, lembro, sentados na rúa das Orfas, un cego acordeonista, que se contorsionaba mentres tocaba, e a súa muller, de pelo amarelo, que agardaba as moedas dos transeúntes nunha vella boina. O tipo tocaba fatal e ninguén, creo, tirou un son máis lamentable do fol dun acordeón pero a min me gustaba velos, polo anacronismo. Nunca lles din un peso e agora, que me arrepinto, xa é demasiado tarde.



6.1.19

Primos hermanos


Saíndo ou entrando a Galicia por estrada, pregúntome moitas veces se, a ollos dun estranxeiro, ou mesmo un español non galego, se apreciarían diferenzas (de paisaxe, orografía, na habitación humana…) entre, Lugo, Ourense ou Pontevedra e León, Asturias, Zamora ou o norte de Portugal. En todas as zonas de fronteira perméanse as linguas e os costumes, de xeito que as lindes políticas ou administrativas son por veces mouteiras máis teóricas que reais. Polo demais, ben se sabe que nisto das identidades, e máis nun país no que, por tal motivo, levamos séculos a gorrazos, hai para todos os gustos e que se a un fulano de Castropol ou a outro de Vilafranca do Bierzo se lles encaixa nos miolos sentírense galegos pois con esta nación se identifican máis, alá eles e as súas razóns, que maiores dislates se perpetran todos os días e ninguén chía.
Neste particular matinaba eu nunha recente e moi agradable excursión polos impresionantes Picos de Europa, que precisamente en 2018 cumpriron cen anos como Parque Nacional (o primeiro fundado en España e, asómbrese vostede, o segundo do mundo, tras Yellowstone, en 1872). Dende Po de Cabrales, como centro de operacións, despregamos diversos desprazamentos a base de bota, suor e mochila, gozando dunha natureza brava e das vistas dunha unha montaña sobrecolledora, pétrea e vertical que (síntoo ben polos chauvinistas) deixa achaparrado o cumio máis alto de Galicia. Na senda que discorre pola garganta do río Cares (senda, por certo, pegada ao esfragadoiro e non recomendable para todos os públicos), tiven a sensación de recorrer un mundo de ensoño tallado por titáns a golpe de ciclópeo cicel. Pero, ao que ía, que eu axiña prendo nunha silva. Lembraba eu, nesta bendita terra, iso de que gallegos y asturianos, primos hermanos. Non negarei unha certa identidade en moitas cousas, tanto máis intensa canto máis ao oeste de Asturias. Pero existen dorosas diferenzas. O modelo urbanístico que ofrecen as zonas máis turísticas de Asturias é, en liñas xerais, exemplar e pon, ao meu modo de ver, branco sobre negro na cuestión do feísmo construtivo de Galicia. Paseando por Asiegu, Arenas de Cabrales, Tresviso, Bulnes, Sotres…, e gozando do respecto que nestas aldeas e vilas se manifesta á tradición, dóeme no corazón que o caótico destrozo urbanístico das vilas e aldeas do meu país sexa, xa, un camiño sen retorno.

20.12.18

Stupid woman


Desequilibrado, carroñeiro, gilipollas, ignorante, mentireiro, inmoral, facha… o insulto rampante, ordinario e vulgar é unha práctica cada vez máis asentada no clima político, e especialmente parlamentario, patrio, o cal non me estraña nada contemplando a ensaladilla que é hoxe a nosa vida nacional e o niveliño dalgúns patres (e matres, vale) patriae. Certo é que adoptar a descualificación como argumento é algo, en política, tan vello como o mundo. Ora, ata a descualificación e o insulto poden revestirse coas galas da intelixencia, a finura e a elegancia. Na quenda de réplica a un deputado laborista no parlamento británico (estes días, por certo, ben de moda), Churchill dixo del que era un home modesto con moitas razóns para ser modesto. Pódese ser máis exquisitamente irónico para chamar mediocre, ou francamente parvo, a alguén? Coñecida é tamén a liorta que, esta no Congreso dos Deputados en tempos da República, enredou, creo lembrar, un socialista cun monárquico. Cando un deles preguntou retoricamente ao pleno qué cabía agardar dun home que gasta calzóns estampados, este advertiulle na réplica que pasaría por alto a indiscreción da súa dona. É difícil ser máis enxeñoso para tildar alguén tan finamente e con tanta chispa cun dos apreciativos probablemente máis escarnecedores da lingua: cornudo. 
O insulto en política non coñece fronteiras e, cando se usa descarnadamente, pode mover moito balbordo. Tampouco é que ler nos beizos sexa a miña especialidade nin o meu inglés un C2, pero eu creo que, na zaragallada que se armou o outro día no parlamento británico a conta do brexit e a delicada situación da premier May, o lider whig Jeremy Corbyn dixo stupid woman e non stupid people, como agora quere coarnos de matute. Chámame a atención, con todo, que cando os tories cargaron contra o seu rival, tildárano de misóxino e machista. Chamar a unha muller estúpida e tan sexista como que unha muller chame estúpido a un home. Entendo que cando Corbyn di da inquilina do 10 de Downing Street que é estúpida refírese á súa intelixencia e non á súa condición de muller. Ao cabo, e volto ao rollo macabeo da linguaxe politicamente correcta ao que aludía hai unhas semanas, non estaremos convertendo a condición feminina, tan exactamente digna e nobre como a masculina, nunha sorte de delicadísimo vaso de cristal que non se debe tocar, non vaia ser que rompa?

7.12.18

Perdón, prezados animais


Na nosa lingua galega peta é xeralmente a terceira persoa singular do presente de indicativo do verbo petar, a saber, bater nunha cousa ou persoa (peta na porta). Tamén como pronominal, petar vale apetecer ou querer facer algo (non me peta). E ultimamente, en castelán coloquial, lo peta quere confusamente dicir que alguen fai algo extraordinariamente ben (ou, cando menos, iso é o que entendo eu, nun momento lingüístico onde todo semella valer e, por exemplo, cundir pasou como por arte de maxia a significar ‘gustar’: iso non me cunde). Pero cando se escribe con maiúsculas, PETA, ten pouco que ver cos valores léxicos sinalados e responde, máis ben, a unha carallada de ultramar, condensada no acrónimo de People for Ethical Treatment of Animals, a cuxa delegación nacional se lle acaba de ocorrer unha idea, digamos, pintoresca: a de substituír certos especimes fraseolóxicos por outros para non ofender os animais. No progresivo e por demais imparable proceso de agilipollamento colectivo, que neste furancho vimos reiteradamente denunciando dende hai tempo, resulta que agora, ao dicirmos coller o touro polos cornos ou matar dous paxaros dun tiro, corremos o risco de agraviar un boi ou molestar un víchelocrego, actuando, cando menos, de xeito irrespectuoso cos inalienables dereitos de tan nobres especies. Ignora PETA que, en troques, outras expresións como ser un lince, ter a forza dun cabalo ou unha vista de águia enfatizan grandes valores destes animais?
A linguaxe, que, por se vostede non o sabía, é un organismo vivo, plástico e dinámico coa curiosa propiedade de funcionar na marxe da corrección política, cristaliza expresións para alén do seu significado orixinal, e, así, o cabelo de anxo é un doce de pasteleiro e non o pelo dun ser celestial. Polo mesmo, vai ser extremadamente difícil impedir que a vostede lle escape algunha vez que traballa coma un negro ou que o enganaron coma a un chino, porque, cando así se expresa, tira dunha frase feita orixinada vaia vostede a saber cando e baleirada xa do seu recto contido léxico, e nada máis lonxe da súa intención que aldraxar etnia ningunha.
Ao cabo, en todo este movemento da linguaxe politicamente correcta, non hai máis ca postureo, tontería e gana de amolar. O afecto e respecto aos animais, as actitudes positivas cara á integración social dos inimigrantes ou os valores de igualdade entre mulleres e homes non precisan de requintamentos idiomáticos e inventos contra a gramática, senón de integridade ética, convicción e compromiso persoal, algo que, se non se ten, ningún artificio lingüístico pode substituír.

25.11.18

Dor de España 3.0


A don Miguel bilbaíno e reitor da minerva helmántica doíalle España. Como para todos os membros da súa quinta, que contemplaron atónitos o saldo do vello imperio e unha demolición de valores que os enfrontaba ao abismo dun futuro incerto, España era unha dor punzante, unha patoloxía sen cura, na que ao lamento dos pobres, secularmente pobres, mesturábase o alarido do préso, torturado nun escuro calabozo por querer que os pobres deixaran de selo e, dando ambiente, o fedor a bosta dos cabalos dun exército brutal, formado por generalotes, que eran como esperpentos de guiñol ou cine mudo.
España doíalle á xeración do 98 pero esa dor era unha levísima molestia para o que agardaba nos anos vindeiros á vella pel de touro. A dor de España, asimétrica como adoita acontece coa dor, pois é raro que a un lle doan os dous riles ou os dous xeonllos, cortouse polo san en 1936, decidíndose a sangue e lume que España só ía doerlle a unha das súas metades, pois da outra metade encargaríase un caudillo enviado pola graza de Deus, unha graza, por certo, que, curiosamente, tende a inspirar sempre os ditadores. Cando, en 1975, a bioloxía, que todo o pode, puxo fin una unha longa noite de pedra, na que tamén o corazón dos homes era de pedra, semella que España ía deixar de doer, pois as balas, os paseos e as checas eran cousa do pasado e chegados eran os tempos de, entre todos, facer borrón e conta nova. Pero, ai, o pasado é ese país estranxeiro onde as cousas se fan doutro xeito… Malia os intentos de algúns poñer fin, con remedio farmacolóxico ou cirurxía se era preciso, á secular doenza, outros moitos empeñáronse en manter aberta a ferida e alongar inedfinidamente a sombra, ominosa e torva, do pasado.
A dor de España, esa conciencia de non termos remedio e de levarmos séculos a garrotazos, é xa un clásico e, como os clásicos, infinitamente plástica: adáptase a todo xénero de nova circunstancia pois os seus patóxenos reitéranse ao longo da historia con dorosa monotonía.
As palabras afogadas pola emoción da señora Pastor, presidenta do Congreso dos Deputados, tras un bochornoso episodio parlamentario de ínfimo nivel, reflicten a dor de España 3.0, a sombra -tecnolóxica, moderna, dominada pola Internet e as redes sociais pero igual de torva e ominosa- dunha xenreira mutua e colectiva, agarrada dende séculos á pel do país como os carrachos se agarran á pel dos cans.

8.11.18

Os ósos de don Claudio


Denominamos en galego cos fermosísimos substantivos donicela, denosiña ou donceliña (e comadreja en castelán) un dos bichos máis feroces e agresivos, malia o seu pequeno tamaño, da familia dos mustélidos. Esa capacidade universal de sublimar a percepción da maldade coa ironía e a proximidade maniféstase entre nós cunha intensidade especial. Así é que un ferrolán de nación, de nome Francisco, que, como bo militar, ocupou, tras unha horrible efusión de sangue, unha posición da que non se moveu ata que a Parca quixo lembrarse del, foi orixe de infinidade de chascarrillos. Dos chistes sobre Franco, hai un do que gusto especialmente pois achégame á miña terra da Ulla. É o caso que, cando su Excelencia viña a pescar ao couto de Couso, puxéronlle de acompañante un do país, que coñecía como a palma da man os saltos e fervenzas do río onde andaban os salmóns. Este dicíalle ao ditador: Eche allí, don Claudio. E outra vez: Ahí es buen sitio, don Claudio. Franco, estrañado, atallouno e preguntoulle por que lle chamaba así. E o bo do paisano razooulle que, sabendo que todo o mundo lle chamaba Claudillo (e imaxinando como as gastaba), el prefería non tomarse confianzas…
Pois aí teñen a don Claudio de rabiosa actualidade, por mor do complexísimo problema nacional de onde poñer os seus maltreitos ósos a seguiren dando malvas. Cuestión peliaguda, abofé, que semella queimar como unha pataca quente, e da que, sen dúbida, depende o futuro da civilización occidental e o benestar inmediato de non sei cantos millóns de españolitos (cataláns incluídos). Quen lle ía dicir a don Claudio que, tras corenta anos tocándolle a paletilla ao país, e corenta e tres durmindo o sono eterno, ía saltar día si dia tamén á primeira dos principais xornais e partes da tele! E é que hai sombras alongadas de máis.
A min, este transportín mediático da momia lémbrame aquilo que Tonecho dicía, desolado e no seu inimitable castrapo, do seu fillo Tucho: No lo quieren, no lo quieren y no lo quieren. No Val dos Caídos non o queren. Na castiza basílica da Almudena tampouco. En Ferrol, moito menos, non vaia ser o demo que, ao conxuro da familia, resucite. Ai, don Claudio, que facer cos seus ósos? Aquí quixera ver eu o oráculo de Delfos! Se, mesmo, un descontento coa exhumación (que de todo hai) alimentaba o vingativo designio de cargarse o presidente e, polo visto, xa o tiña todo preparado para o magnicidio! Que aburrimento de país.
Un graffiti de porta de váter que vin un día dicía: No se os puede dejar solos. E asinaba: Franco.

29.10.18

Memorias

Contra 1977 eu militaba na Xuventú (sic) Comunista de Galicia, brazo adolescente e fortemente hormonado do partido, que o era por antonomasia, é dicir, o pecé, sufixado en Galicia: pecegá.  Daquela era eu usuario dunha considerable empanada mental, na que, sen orde nen concerto, se mesturaban unha chea de lecturas mal dixeridas (Lenin, Malinowski, Freud, Cortázar…), das que non tiraba maldita a jota, o visionado de pelis tan contraculturais como aburridas (Bergman era unha especialidade) e a audición de músicas andinas, un chisco cursilonas, todo remexido coa impostergable necesidade de expansión sexual propia dos dezasete anos. Fumaba Celtas, gastaba botas gorila, anorak e uns pelos longos, de cor das cenorias e enguedellados, compoñendo o atrezzo do que entón se coñecía como progre. Xuntábame con dous perdis da vila, un deles pintor bohemio, de apelido Muras, da parte de Montes, moi boa xente, que morreu novo (e ben que o sentín), de tendencia nacionalista; o outro atendía por Orlando (un nome que ía ao pelo a un suxeito tan bizarro), gai e anarquista.
Nunha sorte de entente frontepopulista, unida máis pola gana de carallada que polo rigor doctrinario, faciamos saídas nocturnas pola Estrada provistos de spray para plasmar nas tapias locais tweets de menos de cento vinte caracteres. Muras, que militaba na AN-PG, escribía Autodeterminación para Galiza; eu reclamaba Aministía xeral, e o noso amigo anarquista luxaba o branco inmaculado das paredes cuns disparates que nos facían temer, se eramos detectados polo Land-Rover do benemérito corpo: Armas para el pueblo; Obreros: a las armas!, e cousas así. Para que non o recoñeceran (ou iso era o que el cría), Orlando poñía a trenka do revés, e entre o spray, a melena loira e os cadros e costuras do forro da prenda ofrecía unha imaxe de orate surrealista e abigarrado, como correspondía ao dinamiteiro que levaba dentro. Souben, anos despois, que tamén Orlando se foi na flor da vida.
Entón eu non o sabía, pero aquela entente de tres rapaces unidos por unha sede de liberdade tan intensa como a sublevación hormonal que experimentaban ía ser corenta anos máis tarde un símbolo, cando menos para min, de entusiasmo e ilusión colectivas, un símbolo honrado, modesto e íntimo pero non por iso menos trascendente. Hai corenta anos, por aqueles días de pólvora e magnolias, o país votou unha constitución que, con cousas boas e outras malas, fixo sermos o que somos. É polo arrecendo irrepetible daqueles días polo que hoxe non soporto que catro revolucionarios de gardarroupa me perdoen a vida.

13.10.18

Chacha para todo


Un afamado escritor e polémico columnista remataba hai días o seu artigo semanal en certo dominical deste xeito: O primeiro que desactiva un bo xornalista, un bo novelista, a calquera, é vivir con medo ás súas propias verbas. Cómpre dicir que na columna, titulada Mariconadas, o autor, por afastarse da incorrección política, recoñecía ter substituído esta fea palabra por gilipolleces.
A contención expresiva móvese nas linguas, nunha dinámica xeralmente localizada entre os polos extremos do disfemismo e o eufemismo, a impulsos da evolución social (razón pola cal estes fenómenos que atinxen o léxico caen no eido dunha interesantísima, e moi reveladora, disciplina denominada sociolingüística). Os meus fillos chamaban cuidadora ao que os da miña quinta chamabamos muchacha (co truncamento popular chacha) e os da quinta de meu pai criada. De paralítico a discapacitado, de cego a invidente e de anano a persoa de talle pequeno hai toda unha evolución da sensibilidade tras a que pula a benéfica tendencia á integración na categoría do normal do que, en termos dunha inercia viejuna e apoltronada, resulta diferente ou mesmo marxinal. 
Se existe unha área na que o léxico houbo de acomodarse a novas realidades sociais é das opcións sexuais de cada quen. LGTB e unha sigla que aglutina actitudes que hai catrocentos anos eran pase seguro para a Inquisición e a fogueira, a tal punto era un tabú calquera desvío da heterosexualidade. Non tan lonxe no tempo, eu (e vostede ao mellor tamén) lembro especimes léxicos como tortillera, marimacho, mariquita ou invertido que eran directo destilado dunha España gris e miserable, que fedía a sotana e mexo seco. 
Dito todo o cal, e recoñecida a enorme valentía dunha sociedade dinámica que, como amosa a súa lingua, evolúe e muda sen complexos, lícito é tamén recoñecer que a linguaxe avanza, retrocede, salta e colle atallos con absoluta independencia da vontade dos seus usuarios. Por que en galego dicimos normlamente baloncesto e fútbol (e non basket e balompé) semlla non responder a ningún criterio selectivo estable, pero así é. Chacha para todo é unha expresión lexicalizada referida a algúen (machou ou femia é indiferente) que o mesmo vale para un rompido que para un descosido. Buscar tras o seu uso (tal vez, en efecto, non demasiado recomendable nas declaracións públicas dun político) unha intención de vexación sexista é buscarlle os cinco pés ao can. Ou é que cada vez que usa vostede o enxebrísimo venablo coño está pensando no sexo feminino?

29.9.18

Dereito ao esquecemento


Un crítico (con bastante mala leite, condición polo visto anexada á propia profesión) referiuse a certo poeta con retranca. Nunha crónica dicía: Fulano (o nome do poeta), hoxe felizmente esquecido… A retranca, tan do país, ten sempre un compoñente paradoxal, divinamente expresado nesta opinión do noso malévolo crítico, porque, como é posible que o esquecemento sexa feliz? 
Lembro o crítico inimigo do indefenso vate por unha expresión, de seu terrible, que, como tantas cousas, puxo de moda a Internet. Digo terrible, pois todo dereito se exerce para a consecución de algo bo, nobre, mellor, e así dicimos o dereito á vida, o dereito a unha vivenda digna, o dereito á liberdade ou á saúde. Non obstante, para protexer a nosa intimidade a lei ofrécenos un novo dereito, o dereito ao esquecemento, ou, de traducírmolo ad pedem litterae da secuencia orixinal (right to be forgotten), o dereito a ser esquecido. Tremendo. Como pode ser un dereito algo de consecuencias tan tristes? Nada hai máis seguro que a morte, certo é, pero precisamente por iso facemos en vida o posible por ser amados, por ser respectados, mesmo por ser coñecidos, é dicir, por sermos lembrados unha vez a parca inexorable pase coa gadaña fatal. 
Os heroes clásicos (Xasón, Eneas, Hércules, Aragorn fillo de Arathorn e por aí) e os reis e príncipes da antigüidade (dos de agora mellor non falar) orientaban toda a súa existencia, a través de aventuras e machadas nas que, por regra xeral, amosaban un valor extraordinario fronte a poderosos inimigos, mares embravecidos e horrendos monstros, a perpetuarse e ser lembrados por toda a eternidade, como símbolos áureos das máis nobres xestas.  
Hoxe, desventurados tempos de mediocridade, o que queremos é que as cousas máis prosaicas dunha existencia pobretona (fotos feas, o número do noso DNI, unha multa de tráfico, o expediente da egebé ou o malfadado vídeo dun baile no que facemos o ridi), pegadas, que vaia usté a saber por que, un bo día apareceron na nube, desaparezan, sexan borradas da faz da Internet, nunca existiran. Pero internet é como un labirinto enganoso no que, unha vez se entra, resulta imposible ou moi difícil saír. 
O dereito ao esquecemento soa como o dereito á soidade ou o dereito ao desespero. Día a día, a humanidade reinvéntase e escribe liñas novas sobre un vello papel. Ao mellor, os heroes dos nosos días son os anónimos pringaos que, como vostede e coma min, pululamos, sen térmolo solicitado, pola rede. Vai ser complicado que se nos esqueza. O signo dos heroes.