12.2.21

Comercio de proximidade

 

Élle ben triste, ho, pero se algo caracteriza o mundo de hoxe é a impersonalidade e a distancia. Impersonalidade porque somos como autómatas que fan o mesmo, visten o mesmo, comen o mesmo, mercan o mesmo… ao ditado das modas, da tele, do trending topic que toque, da época do ano. Había que salvar o Nadal; xa non se puido salvar o entroido e veremos de salvar a Semana Santa ou, cando menos, o verán. Que é salvar? Salvar é consumir: beber, comer, facer o burro e viaxar como años, é dicir, como turistas (porque viaxar é un concepto prostituído polo low cost e as axencias do ramo). Distancia porque, acomodados a xestionar o mundo dende o móbil ou o portátil, non fai falta nin abrir a boca para conseguir o que un queira. Só pulsar co matapiollos ou facer clic co rato. Nos últimos meses, na urbanización onde vivo menudean de xeito extraordinario furgallas de transporte repartindo polas casas paquetaría diversa, nomeadamente procedente do monstro que representa o máximo de impersonalidade e distancia. Si, acertou vostede: Amazon. Pida o que se lle ocorra, que Amazon llo sirve en menos de vintecatro horas. Voltemos ao poeta: cualquiera tiempo pasado fue mejor. Mellor? Hom, o que se di mellor é moito dicir, pero máis, digamos, auténtico, máis cargado de matices, máis rico de sensacións, máis humano, creo que si. Unha boa consecuencia do rollo este dos confinamentos e perimetraxes é o retorno ao que agora os medios chaman comercio de proximidade, que é como unha taxonomía científica para definir as tendas de toda a vida. No meu caso, as tendas da miña vila acubíllanse nos recantos máis entrañables da memoria dun neno de pelo roxo. As tendas adoitaban denominarse precedidas polo artigo la (daquela o galego urbano era aínda un espellismo) e un xenitivo co nome, alcume ou apelido do propietario: la de Durán, la de Prieto, la de Laureano, la de Rosarito, la de Diego, talvez por elipse de tienda: la (tienda) de Durán, etc. La de Durán, por exemplo, era un ultramarinos (que fermoso nome!) que, na miña visión infantil, transcendía a espazo máxico. O robusto mostrador de madeira co mesado de mármore, tras do cal dúas irmás de cabelo como a prata, unha máis alta ca a outra, atendían coa dozura e familiaridade do trato cotián aos clientes. Lembro que facían as contas anotando as cifras cun lápis no propio mármore do mostrador. Contra a parede apoiábanse os enormes cestos de arenques afumados e sacos abertos cos más diversos xéneros: fariña, fabas, lentellas, garavanzos… La de Durán era unha miscelánea inesquecible de arrecendos e aromas: ulía a canela e pementón, a xabrón de taco e caramelos, a bacallau e viño de alimento.Amazon soa a asepsia e anonimato, evoca algo inmenso e líquido, intocable, global, unha sorte de frío robot ou xenio hiperteconolóxico da lámpada. Pola contra Librería-Papelería La Artística, Curtidos Pérez, Bar Pepe ou la de Durán son nomes de estruturas humanas que ordenan, ordenaban, o mundo doutro xeito.  

24.10.20

Desatinos

 

 Eu hai un fenómeno derivado da eclosión e extraordinario desenvolvemento das redes sociais que non aturo e que, por certo, se incrementou de xeito exponencial durante a última corentena. Trátase do pelmazo especializado en enviar constantemente vídeos e outras chorradas por WhatsApp ou, o que é peor, en monopolizar en calquera circunstancia propicia unha pobre vítima para botar dez ou quince minutos amosándolle no seu celular vídeos de chistes de andaluces, memes de Donald Trump e paridas polo estilo. É un novo espécime do que, se segue vostede o meu consello, debe fuxir como da peste bubónica. Ora, de cando en vez, moi de cando en vez, unha pérola destas pode resultar interesante ou mesmo suxerente. Non sei se coñecerá vostede un vídeo que rula por aí no que unha meniña chinesa, que, a máis tirar, terá sete ou oito anos, amosa excepcionais dotes de baterista, aporreando tambores e platos coa mestría dun Ian Paice ou Bill Bruford. Vendo a simpática cativa drummer, evoquei uns versos cos que o finado de meu pai me agasallou de neno: En la China un mandarín / tenía en el sobaco un peluquín / y en Vigo un tal Angulo / tocaba el clarinete con el culo. / Moraleja: para los desatinos /no hay como los gallegos y los chinos. Lembrei tan chusco poema tamén estes días lendo o artigo dunha autora chinesa que imos publicar en breve nas actas de certo congreso. Di: Los chinos dicen «sí, sí» cuando quieren decir «no, no». Un día, un señor quería comprar un vaso especial. Describió a la dependienta la forma del vaso, su altura, etc. Mientras él decía todo esto, la chica le decía «sí, sí». Al final, él le preguntó a la chica: «¿Tienes el vaso?» Y esta le contestó: «No lo sé». Eu creo, en fin, que, para alén da evidente retranca da comparación, o, para min, entrañable cuarteto paterno fainos aos galegos fraco favor, porque o que é en materia de desatinos hai en España, en xeral, onde elixir a tutiplén. Digo máis: vivimos no santuario dos desatinos, materia na que nos superamos día a día. Hai unha semana, un partido ultranacionalista púxolle unha moción de censura ao presidente do goberno, un desatino orientado só a dar a chapa, tocar as narices e chupar titulares, pois a cousa era numericamente imposible. É un partido moi curioso cun líder que en twitter dá vivas á garda civil e a Virxe do Pilar. Resulta fascinante ou propio dunha peza de Ionesco que esta pandilla busque censurar un presidente que é presidente grazas a outra caste de fanáticos ultranacionalistas que, supoño, darán vivas á Virxe de Montserrat, mare de Deu, ou a san Sabino Arana, un intelixente intelectual que dividía a humanidade en esukaldunes e maketos. Non me estraña, con este panorama, que o señor Angulo, de Vigo, siga tocando o clarinete ao seu xeito.

18.8.20

Triquini

 

Cando, durante o confinamento, vin o modelo de triquini que nos memes da rede se agoiraba para este verán (parte de arriba, parte de abaixo e máscara), fiando no pensamento popular de que nunca choveu que non escampara, crin que era unha esaxeración e que a tanto non chegariamos pois, de certo, Illa e Simón, que semellan xente seria e sabedora do que fai, axiña poñerían couto ao que, na altura de abril abril, dera xa mostras de ser un bicho ben túzaro. 
Non sendo a tipos raros coma min, capaces de ponderar o engado dunha praia salvaxe ―digamos Soesto, na Costa da Morte― nun día de inverno rigoroso, a imaxe que a praia proporciona ao común dos españolitos está directamente asociada a luminosos días de folganza, crema solar, churrasco, area nos pés, as cañas no chiringuito, festa rachada e niño, deja ya de joder con la pelota. Un modelo de felicidade tradicional, por certo, nada despreciable e que é motivo de internacional envexa e orixe dun movemento turístico, este verán brutalmente xugulado pola impertinencia do microbio. Recoñezo, a este respecto, que os pais e nais da miña quinta reproducimos cos nosos fillos, cando nos tocou, ese modelo de veraneo herdado dos nosos proxenitores e lembro emocionado aqueles días felices da nenez coa friameira dos bistés empanados (logo viría o táper con milanesas, unha cursilada) nun piñeiral da praia das Sinas. 
En fin, ao que vou, que eu prendo nunha silva. Como encaixar, entre tanto hedonismo e xúbilo estival, a puñetería esta da máscara? A máscara, normaliña de pack, estampada, cirúrxica, branca, negra ou colorá, é o símbolo da nova orde social, a punta do iceberg dunha normalidade absolutamente anormal, na que a praia, emblema e paradigma do estío, proporciona unha nova e por demais siniestra, como agora se di, experiencia de usuario: chega un ao areal de Lapamán ou Aguieira ou ás recoletas calas do Carreirón e aquilo semella unha procesión de espectros, unha sorte de Santa Compaña diúrna e untada en factor 30 ou comparsa de Fantomas, na que a ocultación de media cara impulsa exponencialmente a intensidade das miradas. 
E que hai nas miradas? Cal é a paisaxe dende o borde dun tapabocas que acumula o suor no dondo do queixo e a bafarada do noso propio alento (algo así como un sorpresivo concentrado de nós mesmos)? Ollamos máis pantasmas. Intentamos identificar amigos e coñecidos e poñemos por obra unha sorte de caza de bruxas na que a vítima propiciatoria é o herexe sen máscara, que ousa desafiar o maligno poñendo en risco a nosa saúde (e a súa, que, ben mirado, é o de menos, que lle dean bertorella). 
Afágase vostede á nova tendencia: mirar dende o borde do tapabocas. Crimos que, coma sempre, don Estado podería con todo, pero aos poucos imos adquirindo a conciencia de que non, de que aire corrupto e bozal chegaron para quedar, madia a levan. 

 

23.6.20

60


Os clásicos, ai, os clásicos! Para todo atopamos nos clásicos razón, oportunidade, ditame, xuízo e sentenzas admirables. Este menda lerenda, que hai uns días puxo sesenta veliñas na tarta (que, para tanta vela, máis ca unha tarta fixo falta unha empanada de Bandeira), pondera canta razón e sabedoría agocha o primeiro cuarteto do inesquecible soneto de Garcilaso: Cuando me paro a contemplar mi estado / y a ver los pasos por do me ha traído / hallo según por do anduve perdido / que a mayor mal pudiera haber llegado. O poeta, en versos tan emocionantes, quixo dicir algo que en galego dicimos de xeito, tal vez máis charramangueiro, pero con idéntica sensatez: Aínda bo é. En efecto, tras seis décadas dando a chapa por estes pagos, un fai balance e pensa que aínda bo é e que ben podía ter sido peor.
Cumprín sesenta porque nacín no sesenta, boa anada, abofé, a medio camiño entre a fin da nosa Guerra (a nosa Guerra é un concepto que, por boa fortuna, morrerá coa xente da miña quinta, herdeiros dela) e a fin do franquismo. Eu, claro, fun un neno franquista, se por tal se entende que vivín ata os quince aniños baixo a férula do Réxime (e aquilo si que eran réximes): o meu periplo escolar iniciouse, tras os parvulitos con doña Agripina, unha mestra doce e  bondadosa de quen gardo gratísima lembranza, no grupo escolar José Antonio da Estrada. Presidía a fachada do edificio un gran caranguexo (denominación popular do xugo e as frechas) e, no inverno, o frío das aulas era algo sobrenatural, un chisco mitigado para o escolante pola benéfica proximidade dunha catalítica de butano. Sobre a mesa do mestre, o crucifixo flanqueado polos retratos do Caudillo e José Antonio, con expresión marcial e en mangas de camisa (azul, claro). De cando en vez, viña o fotógrafo e os alumnos inmortalizabamos a nosa infantil discencia sentados nunha mesa, diante do mapa de España, e, nos extremos da mesa, un globo terráqueo e un teléfono de baquelita. Logo, no  bacharelato, viñeron as aulas de Formación del Espíritu Nacional (F.E.N.), unha sorte de cursos concentrados dun fascismo pobretón, que trascendía a verbena con churros e misa de doce, impartidos polo xefe local da Fronte de Xuventudes, un tipo seco, alcólico e de permanente mal humor. No verán, continuaba o entrenamento nacional católico no campamento Paco Leis, da O.J.E., na praia das Sinas, onde, entre consignas (fascistas), promesas (católicas) e excursións banderas al viento, servían de almorzo un café inverosímil, de xantar unha sopa indescritible e de merenda un doce de marmelo de cor sospeitosamente verduzca.
Dixo alguén que o pasado é un país  estranxeiro onde as cousas se fan doutro xeito. Lembro, do instituto, unha profesora de historia que dividía a pintura de Giotto en tres etapas: a primera, a segunda e a terceira. Agora, con sesenta tacos, penso que, en efecto, non é pouco ter sobrevivido a tanto.