23.6.20

60


Os clásicos, ai, os clásicos! Para todo atopamos nos clásicos razón, oportunidade, ditame, xuízo e sentenzas admirables. Este menda lerenda, que hai uns días puxo sesenta veliñas na tarta (que, para tanta vela, máis ca unha tarta fixo falta unha empanada de Bandeira), pondera canta razón e sabedoría agocha o primeiro cuarteto do inesquecible soneto de Garcilaso: Cuando me paro a contemplar mi estado / y a ver los pasos por do me ha traído / hallo según por do anduve perdido / que a mayor mal pudiera haber llegado. O poeta, en versos tan emocionantes, quixo dicir algo que en galego dicimos de xeito, tal vez máis charramangueiro, pero con idéntica sensatez: Aínda bo é. En efecto, tras seis décadas dando a chapa por estes pagos, un fai balance e pensa que aínda bo é e que ben podía ter sido peor.
Cumprín sesenta porque nacín no sesenta, boa anada, abofé, a medio camiño entre a fin da nosa Guerra (a nosa Guerra é un concepto que, por boa fortuna, morrerá coa xente da miña quinta, herdeiros dela) e a fin do franquismo. Eu, claro, fun un neno franquista, se por tal se entende que vivín ata os quince aniños baixo a férula do Réxime (e aquilo si que eran réximes): o meu periplo escolar iniciouse, tras os parvulitos con doña Agripina, unha mestra doce e  bondadosa de quen gardo gratísima lembranza, no grupo escolar José Antonio da Estrada. Presidía a fachada do edificio un gran caranguexo (denominación popular do xugo e as frechas) e, no inverno, o frío das aulas era algo sobrenatural, un chisco mitigado para o escolante pola benéfica proximidade dunha catalítica de butano. Sobre a mesa do mestre, o crucifixo flanqueado polos retratos do Caudillo e José Antonio, con expresión marcial e en mangas de camisa (azul, claro). De cando en vez, viña o fotógrafo e os alumnos inmortalizabamos a nosa infantil discencia sentados nunha mesa, diante do mapa de España, e, nos extremos da mesa, un globo terráqueo e un teléfono de baquelita. Logo, no  bacharelato, viñeron as aulas de Formación del Espíritu Nacional (F.E.N.), unha sorte de cursos concentrados dun fascismo pobretón, que trascendía a verbena con churros e misa de doce, impartidos polo xefe local da Fronte de Xuventudes, un tipo seco, alcólico e de permanente mal humor. No verán, continuaba o entrenamento nacional católico no campamento Paco Leis, da O.J.E., na praia das Sinas, onde, entre consignas (fascistas), promesas (católicas) e excursións banderas al viento, servían de almorzo un café inverosímil, de xantar unha sopa indescritible e de merenda un doce de marmelo de cor sospeitosamente verduzca.
Dixo alguén que o pasado é un país  estranxeiro onde as cousas se fan doutro xeito. Lembro, do instituto, unha profesora de historia que dividía a pintura de Giotto en tres etapas: a primera, a segunda e a terceira. Agora, con sesenta tacos, penso que, en efecto, non é pouco ter sobrevivido a tanto.

2 comentarios:

paideleo dijo...

Felicidades e a seguir cumprindo anos.
Aínda bo será !.

Manolo Diéguez dijo...

Moitos parabéns, meu amigo! E benvido á “década marabillosa”.