Supoño que ter arribado en patera ás costas do mundo dixital
provoca en min molestias que acaso os nativos non sintan. Un apuntamento ao
natural e unha pregunta ao respectable: a alguén serviulle nunca de algo o solucionador
de problemas de Windows? Non coñezo nada máis inútil nin máis odiosamente
frustrante. Ou talvez si: apouchar irremediablemente cun anuncio de strepsils, no
que un boneco, azul e cabezón, do máis repunante, se preocupa pola nosa saúde
esofáxica, que ti me dirás que lle importará, antes de ver e escoitar o que
queremos ver e escoitar en youtube. Acaso teña atopado vostede, de entre o
bizarro catálogo de aperitivos promocionais aos que nos somete youtube, cun anuncio contra a gandeiría intensiva. Sobre o debuxo dunha vaca frisona, moi naïf, con
pinta de feliz e tal, unha voz masculina di: Isto é o que imaxinas cando pensas nunha granxa. E logo, co efecto
da pobriña da vaca reproducida ducias de veces: Pero isto é o que pasa cando encerras 5000 vacas nunha macrogranxa.
A mensaxe subseguinte, como pode doadamente inferirse, é de índole netamente
ecolóxica e, creo, busca provocar no usuario unha reacción emocional evocadora
de imaxes asociadas a nomes tan fermosos como Dachau, Auschwitz ou
Bergen-Belsen. Aquí quixera ver eu un Freud analizando o escuro magma que leva
a asociar a idea de macrogranxas de animais con campos de exterminio humano.
Pois diso se trata. De concentrar para matar. Reini Heydrich, de certo, cría que entre un cuxo e un xudeu húngaro só había unha lixeira diferenza de matiz: o xudeu non tiña utilidade algunha, o cuxo
si. Pero, ollo, España acaba de aprobar unha lei para o benestar
animal, na que as nosas mascotas (gatos, cans, hámsters e por aí) son consideradas seres sentintes. Curiosamente, case ao mesmo tempo, armouse un
pollo considerable a conta das declaracións de certo ministro especializado, ao
que parece, en meter o zoco. Pensando talvez no video de youtube, o alto cargo
despachouse contra as macrogranxas, as nocivas emanacións de gases derivadas de
tales concentracións animais, o trato que se lles dispensa a milleiros de
indefensos porcos, galiñas ou xovencas cun destino seguro: fenecer para
satisfacer a gula dunha sociedade insaciable, enferma de opulencia, hipertensión arterial e flato suspenso. El non serán estes infelices porcos,
galiñas ou xovencas seres sentintes?
Ten graza considerarmos unha práctica deplorable atar un canciño a unha cadea
dende o nacemento (práctica, por certo, moi enxebre en Galicia) mentres, ao
tempo, vemos perfectamente lexítimo sacrificar cunha pistola de aire comprimido
un año, símbolo secular da pureza e da inocencia, que aínda leva dentro o leite
da nai, para papar unhas excelentes chuletillas. Leo nun xornal: O matadoiro moderno foi deseñado para acabar
coa vida do maior número de animais á maior velocidade posible. A matanza
industrial de animais é un xigantesco negocio e algunhas destas factorías, cada
vez máis tecnificadas e con equipamentos cada vez máis modernos e
especializados, levan á morte a miles deles cada día. Sóalle de algo? En fin, que vivimos arrodeados de
permanentes paradoxos e contradicións; creo eu, ao cabo, que o tal ministro
metepatas non ía alá moi descamiñado. De por parte, dígolle unha cousa: non lle
vou xurar que non volva a comer unha costilleta pero asegúrolle que, cando o
faga, será con sincero acto de contrición e propósito da emenda.
8.1.22
Seres sentintes
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario