25.12.21

Perdón pola maiúscula

 moldes de letras grandes para imprimir recortar | Letter stencils  printables, Printable letters, Coloring pages to print 

Nunha das mellores novelas da literatura española, publicada nos estertores do pasado século (Las máscaras del héroe, 1996), o autor, Juan Manuel de Prada, cada vez que se refire a esa adusta señora que tantas cousas ensina a quen quere aprendelas, pide perdón pola maiúscula, verbi gratia: a Historia (perdón pola maiúscula). Máis que pola maiúscula (que tamén, pois a historia ten as máis das veces ben pouco de nobre e sublime que xustifique tal preminencia na escrita), á historia deberiamos pedirlle perdón cada vez que a prostituímos (perdón pola procacidade) endosándolle feitos, actos ou acontecementos máis ben prosaicos. Isto ocorre cando o locutor dunha radio municipal afirma que o equipo da localidade, que ascendeu de terceira autonómica a segunda, viviu unha xornada histórica.  Home, histórica… Diriamos, «intrahistórica», tirando de palabro unamuniano, pois que dúbida cabe que para a historia (perdón pola minúscula) íntima e persoal do porteiro ou o defensa central do tal equipo, a xornada revistiría os ouropeis da exclusividade e o brillo da chincheta de ouro coa que marcar o día no calendario. Para a nosa paisana do Ferrol, ministra e vicepresidenta do goberno, acadar coa patronal e os sindicatos un acordo para a reforma laboral é, por suposto, un feito histórico. Yolandiña: transcendental, importantísimo, moi salientable… vale, pero, histórico? Histórica foi a pestilencia de 1347-50, histórico foi o bombardeo de Pearl Harbor. Se pactar unha reforma ministerial é un feito histórico, como cualificar a defenestración de Praga ou o contacto da bota de Armstrong coa fría superficie lunar? Non é isto ofender a Historia (a historia?). Imaxina Vde. un neno de 2070 estudando no seu manual de historia (perdón, de Historia) a reforma laboral de remates de 2021? En fin, que os políticos son por liña xeral uns esaxerados e todo se lles vai en poñer unha pica en Flandres (ou en intentalo, claro), se con isto rabuñan algún puntiño no tracking do día. Ultimamente recorrese tamén á sufrida historia para reforzar o permanente pleonasmo do prezo da luz. Á parte dunha matraca informativa insufrible, o prezo do megavat serve para enfrontar a humanidade de 2021 co insondable abismo do tempo: O prezo do megavat é hoxe o máis caro da historia, di o telexornal. Home, supoño que no Neolítico ou en tempos de Carlomagno o megavat era moito máis barato. Seica certa tese de doutoramento estableceu con toda certeza a factura mensual de don Felipe II no Escorial, que ascendía, como vostede pode imaxinar, a un pastizal, claro, imaxine a de bombillas… Curiosa ou paradoxalmente, hai outra cousa que se disparou ultimamente como o prezo da luz, pero talvez esta si, probablemente, de máis peso en termos históricos: a taxa de contaxios no Vello Mundo por Sars-Cov2. Fronte á crenza xeralizada de que viviamos no mellor (e máis protexido) dos mundos), resulta que é, precisamente, a opulencia o noso talón de Aquiles. Ignoro se o prezo da luz en 2022 callará algunha vez nun fito memorable para a posteridade. Pero non me cabe dúbida de que a pandemia que naceu en 2020 pasará, con todo merecemento, á Historia (perdón pola maiúscula).

No hay comentarios: