Malia estarmos afeitos a valorar a cantidade máis que a calidade (vaca grande, ande ou non ande), non é número senón a natureza e o potencial das cousas, independentemente de que abunden ou non, o que as fai meritorias e aínda imprescindibles. Tiña eu un compañeiro de carreira, da parte de Vea, defensor das teorías lingüísticas do formalista polaco Zawadowski, a quen por ser bazuncho e comedor alcumabamos Fabadowski, que, un día, coa fachenda dos orates, me dixo tras un exame de Lingua Española que escribira dezasete folios (eu redactei apenas catro). Cando fun ver as cualificacións, que dependuraban dunhas vitrinas no hall da vella facultade de Mazarelos, observei con asombro que o amigo Fabadowski recibira un ¡dous! Xuro a Vde. que aínda hoxe non son quen de imaxinar o que aquel home lle contaría ao profesor en dezasete folios…
Dous premios Nobel de literatura, ambos dous peninsulares, merecerían tal galardón aínda que tiveran escrito apenas dúas novelas (dentro dunha produción, polo demais, extensa): La familia de Pascual Duarte e La colmena abondan, ao meu xuízo, para xustificar de lonxe o Nóbel de CJC. Saramago, pola súa banda, deixou en Ensaio sobre a cegueira e As intermitências da morte o testemuño da máis sublime literatura, algo co que a Academia Sueca concordou en 1998. As dúas producións saramaguianas teñen, do meu punto de vista, algo en común coa gran novela de Defoe: Crusoe enfrontado á soidade e falta de recursos máis absolutas; unha soa persoa guiando a humanidade repentinamente cega; a morte que, tamén dun día para outro, perdoa os homes son excelsas tramas literarias que convidan, ou máis ben, obrigan, a reflexionar sobre as preguntas do millón de dólares: a vida, a morte, a dimensión das nosas prioridades, o amor, a amizade, as absurdaas necesidades creadas, os límites impostos, a capacidade de superación, o valor ou a miseria da nosa condición, a ledicia e a melancolía, a bondade e a maldade, o yin e o yan da existencia…
Xogar con metáforas imposibles (unha cegueira ecuménica ou o perdón da morte) crea un mundo que, malia conservar as notas que o fan recoñecible, é obxecto dunha mutación que o transforma cualitativamente. Lembra vostede o escondite; a churra; a billarda; os trompos, o peletre, as chapas, o guá e as canicas? Existe algo máis inocente e de grata lembranza que os xogos da nenez? Imaxine agora que o castigo por perder no xogo fose a morte, unha morte brutal. Todos os compoñentes dun recordo entrañable viran ao vermello do sangue e a mesta escuridade da noite eterna. Ignoro se detrás da serie O xogo do calamar (Squid Game, Corea do Sur, 2021), que o está petando en Netflix, hai unha gran novela ou simplemente o guión dun demente. Na mesma liña dos supostos imposibles, un conxunto de proscritos, despreciados polas convencións dunha sociedade obsesa do diñeiro, entréganse a unha serie de xogos violentos, pero sospeitosamente semellantes aos de cando nenos, nos que o premio para o gañador final é un pastizal inimaxinable. Conseguilo conduce a matar. Unha serie de novísima xeración, bizarra e brillante, na que nada humano resulta alleo. Hurra por Corea do Sur.
1 comentario:
SNICASINO
Publicar un comentario