A un bo e vello amigo, colega editor da minerva helmántica, alcumabamos
ironicamente co acrónimo das iniciais do seu nome e apelidos, JASP, pois, para
alén de que, en efecto, fose joven aunque
sobradamente preparado, chamábase José Antonio Sánchez Paso. Gran tipo e
editor de raza, un chisco temperamental, gardo de José Antonio unha
extraordinaria lembranza. Aquilo dos JASP troquelouse mediando os noventa (si, claro,
do pasado século), a imitación do acrónimo supremacista e máis siniestro WASP, White Anglo Saxon Protestant, para referirse á xeración máis e
mellor formada da historia de España, rapaces que, para alén de ostentaren máis
dunha licenciatura universitaria, falaban idiomas e eran uns virgueros no eido
das tecnoloxías da comunicación. A realidade, que é moi túzara e mesmo, por
veces, cruel, veu desmentir, con datos demoledores de abandono escolar,
limitacións idiomáticas e escaseza de habelencias académicas, o que, no fondo,
non era máis que unha lenda urbana, en boa medida alimentada polo exitoso spot televisivo dun coñecido utilitario
dirixido aos mozos, que, coa adquisición do cacharro en cuestión, testemuñaban,
claro está, o ben preparados que estaban.
Tampouco é que os jasp fosen,
por xeración, máis burros que os millennials
que viñeron despois porque, en fin, sobre pouco máis ou menos, tanto nunha
quinta como noutra hai quen vale máis para os polinomios que para os recados e
tamén ao revés: o que pasa sempre. En calquera caso, dende a instalación da democracia, da
ducha diaria e dos chalés acaroados, era a primeira vez que en España callaba o
mito da mocidade como marchamo inequívoco da valía persoal, do poderío e da
capacidade de papar o mundo. O cal, ben mirado, non estaba mal. Por idade, eu
milito na quinta do tardofranquismo, unha época na cal aínda os nenos eran a
excrecencia molesta das familias, de xeito que hala, fóra, a xogar sen facer ruído ou cando os maiores falan, os nenos calan eran coordenadas que
debuxaban ben a infancia dun neno nacido en 1960. A adolescencia e primeira
xuventude viñan, de costume, marcadas, ademais de polo acné e as urxencias sexuais,
polo enfrontamento cun mundo gris, átono e que fedía a sotanas e mexo seco. Así
que ti calas, na mesa non se fala de política ou a ti metíache en cintura eran mantras adoitos nos fogares de
remates dos sesenta (si, recoiro, do pasado século!). Moito viraron as tornas dende entón. Tras os jasp e a
xeración X, viñeron, en efecto, os millennials, unha caste de mozos domiciliados nun tobo
dourado dende a súa nacencia, rapaces cos que, como adultos, cambiamos o
sentido, converténdonos nos seus colegas, así de buen rollito, protexéndoos
como se foran parvos e intentando soslaiar por todos os medios a posibilidade
de dicirlles que non a nada, por non montala. Así é que, consonte a súa
incorporación ao mercado de traballo, foron perpetuando a interfaz cos adultos
á que estaban afeitos: o mérito da experiencia, o valor do esforzo, a sabedoría
da madurez, a dimensión dun consello ou suxerencia baseados nunha longa
traxectoria profesional… son (ou eran) elementos, máis ou menos estables, que
non funcionan con eles. Ollan o mundo por riba do ombreiro e senten que, para brillar na vida, ter por riba de corenta anos é un atranco intolerable. Chegou
a niñatocracia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario