Non sei se o adxectivo rururbano
se aplica noutras latitudes pero, de ser así, non creo que teña a, digamos, semántica específica que adquire en
Galicia. No seu pregón do Apóstol de 2015, a futbolista Vero Boquete recolleu
(non sei se consciente ou inconscientemente) un pensamento de Pedrayo acerca da
capital: Santiago é a aldea máis grande Galicia. Nada máis lonxe da
miña vontade que sacralizar a filorruralia
(o neoloxismo é de propria minerva) dos
vellos galeguistas, que, no café do casino e nas tertulias da rebotica, moldearon
o concepto de labrego asoballado que,
polas mostras, lles molaba un pegote pois, como bos burgueses, se consagraron
ao designio de redimilo. Con todo, tras, supoño, setenta ou oitenta anos de ter
perpetrado ese argumento, coincido co venerable petrucio de Trasalba: Santiago
(e outras cidades de Galicia) son, dalgún xeito, grandes aldeas. E isto, ao meu
xuízo, porque a inmensa achega rural que, ao longo dos anos, foi contribuíndo
ao desenvolvemento de Vigo, Ourense, Coruña… nunca se amigou de todo con xeitos
de vida (urbanos) que lle eran por completo alleos. Compostela ten rúas e
barrios enteiros que son a xeito de
extensións ou satélites de Touro ou Val do Dubra. O cal tivo, creo eu, unha
consecuencia mala: boa parte dese continxente demográfico movido ás cidades dende
os eidos nativos desertou de modos de relación seculares, baseados na sabedoría
derivada dunha estreita relación coa natureza, e se abriu a moitas das peores
trapisondas dunha existencia desnaturalizada en polígonos e barrios. Unha
excrecencia de todo isto foi, precisamente, a emerexencia dun nova magnitude: o
rururbano, un anárquico conglomerado
ou perversa mixtificación de terreos rurais, dignos de mellor sorte, sobre os
que se plantificaron destilados urbanísticos delirantes. Só en Galicia é
posible contemplar un abominable bloque de catro plantas chantado de par dunha
estrada comarcal no medio da nada e cun horrendo eucaliptal detrás.
En fin, ao que ía, que, ben vostede sabe, eu prendo nunha silva. Outro
xeito de entender o adxectivo rurubano é a, en boa medida irrespectuosa,
penetración da vida urbana no medio rural. Si, acertou vostede. Estou pensando
na proliferación de urbanizacións (bloques de pisos, chalés pareados ou
acaroados) e tamén vivendas unifamiliares, que, coa chegada da ducha diaria e o
estado do benestar, comezaron a orlar os concellos rurais do país. Comentábame
un amigo, usuario da máis intelixente retranca, que un seu veciño, médico
na cidade, construíu no medio da aldea un casoplón, que protexeu de non se sabe
que cun muro circundante de rexa cachotaría e tres metros de altura, práctica
ignota nun medio humano, a aldea galega, que, en canto comunidade pechada pero
aberta (non sei se me explico), probablemente sexa un dos mellores inventos de
Occidente.
Isto das urbanizacións na periferia rural das cidades, das que este menda é
practicante, serviu (algo bo habían de ter), para os urbanitas de pura raza podérmonos
achegar a marabillas virxilianas doutro xeito vedadas. Redescubrir as
estacións; ver outonar os liquidámbares e bidueiros; aspirar o arrecendo do
fume, branquísimo, espeso, aromático, do rastrollo nos solpores de outubro; a
luz dourada, as volutas esquivas da brétema ornando o mato… Haberá que aceptar
sen traumas sermos rururbanitas, invasores de luva branca.
No hay comentarios:
Publicar un comentario