27.12.17

A servidume dixital



Debo boa parte das máis entrañables lembranzas da nenez ao feito de ser un meu tío o xerente do cine da Estrada, nun tempo (por boa ventura moi diferente do de hoxe) en que o parentesco era seguro pasaporte para prebendas e regalías. Non é só que meus curmáns e irmáns entráramos de matute no establecemento, o cal proporcionou a quen de nós quixo aproveitala unha vasta cultura cinematográfica; o máis engaiolante da privilexiada condición de afillado do xefe era poder visitar a sala de proxección. Recordo con viva emoción polo tempo ido o penetrante arrecendo a graxa de máquinas e desinfectante; as sacas de lona verde nas que viñan embutidos os rolos das películas, coidadosamente gardados en latas pratedadas co título do filme e o número de cinta grafados en grandes letras de molde. Impresionábame (tal vez por ser eu cativiño) o grandor das máquinas de proxección, marca Ossa, que mantiñan a luminosidade grazas a unhas barras de grafito, que o operador debía celar en substituír. Cando non o facía, a pantalla escurecía co conseguinte incomodo do respectable, que no cine da vila, sobre todo nas sesións vespertinas de sábados e domingos, era de pelaxe variada pero, en xeral, non en exceso refinada. Menudeaban, entón, en horrísona combinación, os berridos, orneos, apupos e mencións á proxenitora do operador, quen, de contado, procedía á substitución do demo das barritas e morra o conto.
Hai uns días, comodamente instalado na luxosa butaca da sala iSens dun cine dos nosos días, asaltoume unha pregunta (e disculpe vostede a miña ignorancia técnica ao respecto). Como funciona un cine dixital? Porque, para a cultura dixital, as máquinas de proxección son, claro, obxectos paleolíticos. Supoño que a distribuidora fará chegar ás salas autorizadas arquivos dixitais que, como nun ordenador, se visualizan directamente nun neste caso, xigantesco monitor.
Ademais de deixar pouco espazo ao romanticismo, internet e a hiperteconoloxía universalizaron novas formas de servidume. Na editorial universitaria, dispoñemos dende hai anos de incribles plataformas dixitais para a edición de libros e revistas que, para alén das súas obvias potencialdades e vantaxes, obrigan aos autores (profesores e/ou investigadores universitarios) a converterse pouco menos que en expertos informáticos no manexo destas novas ferramentas. O malo é que no novo escenario do século XXI semella que a bioloxía molecular ou a termodinámica estatística son coñecementos subxugados a qué facer con eles nun portal dixital, nunha rede social ou nunha lista de distribución. Porque quen non vive en Internet non existe. 

No hay comentarios: