10.1.18

O Nadal: déixao ir!



Entre os remates de decembro e os comezos de xaneiro, con tan só unha semana de diferenza, os catálogos dos hipermercados que anegan as nosas caixas de correo pasan da máis orxiástica invitación ao exceso e os triglicéridos (carnes, peixes e mariscos a prezo de ouro, doces, pasteis e delicatessen de toda caste, viños, cavas, licores e espirituosos sen conto) á exaltación do ascetismo alimentario, a vida cenobítica e o ramadán depurativo (terroríficas máquinas de ximnasia para baixar o bandullo, milagrosas augas minerais, infusións adelgazantes e libros de recetas purgantes). En fin. Que estamos tolos (ou, peor, que somos gilipollas) é algo do que eu xa levo moito tempo convencido. Pero en ningunha época como no Nadal (déixao ir!) a nosa gilipollez colectiva ten unha evidencia máis palmaria. Cando ves o 7 de xaneiro a 50 euros os zapatos polo que o 3 pagaches 80, se che pon unha cara de parvo que dá mágoa, porque o máis pavero do fenómeno é que non ten solución: un pode ir por libre, claro, e alegar que, nunha sociedade laica, celebrar o nacemento do representante divino dunha determinada confesión debera ter unha dimensión netamente relixiosa (para os membros desa confesión) e non converterse nunha convocatoria anual ao consumo paroxístico. Ora, o que xa é de nota é aceptar o kit navideño e pretender ‘tunealo’ ao gusto de cada quen. Que os magos de Oriente, portadores de ouro, incenso e mirra ao meniño divino, eran varóns de pelo en peito semella claramente documentado nos Evanxeos. Pretender ‘épater le bourgeois’ volvéndoos señoras, con ese invento das raíñas magas de non sei qué cidade (creo que Valencia), resulta, de tan absurdo, autenticamente grotesco. 'Épater le bourgeois': velaí o berro de guerra de poetas que atoparon no decadentismo unha forma sublime de cuspir a unha sociedade que odiaban. Alfred Jarry paseábase por París alboreando o século XX cunha lagosta atada a unha cadea de can. Iso era xenial. Máis de cen anos máis tarde, e como a sociedade evolucionou a formas da máis absurda ignorancia e artificiosa estupidez, a alguén se lle ocorre 'épater le bourgeois' convertendo os reis magos en raíñas magas. Iso non 'epata' a ninguén, nin é sublime, nin xenial, nin nada que non caia dentro do que en román paladino chamamos unha mamarrachada. Así nos vai. Polo demais, o ano comeza con signos evidentes da proximidade da Apocalipse. Puigdemont nun holograma e a desaparición de Interviú son dous deles. Non desaproveite vostede os últimos sete días!!

No hay comentarios: