Ignatius Reilly, un dos máis engaiolantes, repelentes e bizarros personaxes nacidos da
universal literatura, tiña por emblema á monxa Roswitha e por obra de cabeceira
De consolatione philosophiae, de
Anicio Manlio Severino Boecio, un dos libros máis melancólicos xamais escritos.
Como rara avis que era e devoto da
Idade Media, Reilly cría firmemente na roda da fortuna, o mito medieval (logo incorporado
ao naipe tarot), segundo o cal a vida vai en ciclos, subindo e baixando do ben
ao mal, sen podermos controlar a sorte que, aleatoriamente, rexe o sentido no
que o eixo da roda xira.
Eu creo que, tras a caída do muro e as cruentas guerras balcánicas, a roda de Occidente
xirou ben para arriba coa unificacion política e monetaria de Europa, a
consolidación do estado do benestar e un clima xeralizado de optimismo. Pero,
como a ledicia é sempre efémera, chegaron 2008, Lehman Bros., o chamullo dos
mercados financeiros e a incómoda sensación de termos vivido un espellismo. E
dende entón, a roda non fai máis que ir cara a abaixo. O derrubamento dun hipercapitalismo
baseado na ilusión da fortaleza cando, no fondo, era oco como un anaco de
cortiza; a terrible vaga de desemprego esperable; a desesperación consecuente
de que non pode levar o pan á casa... o sentimento da fin dun ciclo. E, a partir
de aí, o corolario, ai!, tan pouco orixinal: populistas de extrema dereita e
populistas de extrema esquerda que, rendibilizando o desespero da xente, modulan
unha mensaxe mesiánica que contén a solución de todos os males; islamistas
fanáticos que aproveitan o río revolto para castigar definitivamente a maldade
dos infieis, causantes da depravación do mundi; lexións de desesperados africanos,
sirios… que foxen dalgo, da fame, da guerra, da dor; un fantoche multimillonario
convertido en jaque da xeopolítica; países ricos, que, como medida preventiva,
zarrapechan as súas fronteiras; vellos sentimentos nacionalistas, ata agora
atemperados co bálsamo da prosperidade pero nun repente reanimados con
violencia decimonónica…
Os
británicos creron que o mellor xeito de combater a peste é,
como no conto de Poe, encerrarse dentro do castelo e pechar hermeticamente as
portas. Os cataláns, animados por esa estratexia, fixeron ecuménica a súa
desconfianza e cifran a súa felicidade futura en reafirmar a súa condición
fronte a quen non pertenza á «comunidade popular».
Como unha
pantasma, retornada dun pasado bretemoso e en branco e negro, España sangra. Que
siga xirando a roda.
No hay comentarios:
Publicar un comentario