Neste verán
que xa remata, a, digamos, excesiva «exposición turística» de España estivo en
primeira liña, primeiro polas mamarrachadas dun grupo de descerebrados
cataláns, que resultaron non ser máis que o patético preludio dunha barbaridade
executada na cidade condal por outros descerebrados, estes de nación magrebí.
Descerebrados, fanáticos, todos eles, ao cabo, pero, por certo,
soprendentemente novos. Non sei vostede, pero eu pregúntome se esta xentiña,
con dezasete ou vintedous anos, non terá mellor cousa en que empregar unha
idade tan marabillosa, enamorándose, pasando de todo e vivindo a vida feliz da
mocidade no canto de andar vomitando odio, noxo e intolerancia. En fin.
Sexa como
for, o elemento de reflexión é indiscutible e boa parte da opinión pública do
país manifestou a súa preocupación acerca dun modelo de explotación turística
que semella, a todas luces, estar chegando a extremos insostibles (é insostible é un adxectivo especialmente
sensible cando a sostibilidade das
accións, sistemas e proxectos é actualmente un elemento case obsesivo). No caso
de Galicia, ignoro cales serán a medio prazo as consecuencias de sumarse sen
máis á oferta, xeralizada en España, de festa jolgorrio, praia, chiringuito,
comer e beber sen taxa, e, se queda tempo e o corpo resiste, visita a un
monumento, xa natural, xa artificial. É un turismo de masas no que o turista é
un depredador para quen visitar as fragas do Eume responde ao mesmo instinto de
consumo que papar unha mariscada nun restaurante do Grove ou tomar unhas cañas
con tapa de tortilla nunha terraza de Ribadeo.
Eu lembro
tempos, tampouco tan lonxanos, nos que en agosto podía un atopar dous ou tres
coches e catro ou seis visitantes no faro de cabo Touriñán. Alá estiven este
verán e aquilo xúrolle que era un vindeaver. Logo trasladeime a Fisterra, que
ás seis da tarde semellaba a verbena da Paloma, que barbaridade, había que
facer cola para ver o faro. Pensei: a isto ou se lle pon couto ou rebenta.
En troques,
hai marabillosos exemplos no país de turismo sostible, baseados na ecoloxía, no
esforzo físico e no pasmo diante dunha natureza extrema e impresionante: o
camiño dos Faros é un reto en oito etapas que, galgando monte, pisando toxo,
fentos e terra, discorre no borde dos cantís da Costa da Morte, entre Malpica e
Fisterra. Este si é o bo camiño. Eu, de
verdade, desconfío do outro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario