Non é doado
facer o retrato de certas persoas. Isto pode ser por varias causas. Ao mellor
céganos o afecto que por elas profesamos e, como resultado, o retrato sáenos desenfocado,
así como miope. Pode ser tamén, en troques, que tras un trato continuado de
moitos anos, a rutina (que é sempre moi mala conselleira) enferruxe os metais nobres desa persoa, que o costume estorba apreciar. Resulta, en fin, difícil pintar con trazo
limpo a quen non para de moverse, por ser posuidor dunha personalidade
efervescente, facetada e rica de matices.
Calquera destes tres motivos (ou unha combinación dos tres) está na orixe das dificultades que atopo para glosar a figura dun grande amigo, colaborador e excepcional tipo humano. A José Piñeiro Mourelle, que nos deixou hai uns días na súa idade de 78 anos, ninguén, que eu saiba, lle chamaba José nin Pepe. Era Piñeiro. E Piñeiro era, para a universidade compostelá na que por moitos anos dirixiu a Imprenta, unha institución andante, un profesional consciente da enorme resposabilidade de imprentar os libros dunha casa cinco veces centenaria, un compañeiro que descoñecía as negativas, sempre respectuoso, afable, próximo.
Gastaba Piñeiro bigote, ollos azuis e un permanente sorriso de pícaro que era síntoma da súa franquía e humanidade fundamental. Piñeiro encaixaba no tipo do impresor de oficio, que naceu oíndo a maquinal cadencia dunha Minerva e aprendeu a profesión por vía parental. Ás veces rememoraba seu pai, impresor coma el, e entón dicía, para distinguir, o vello Piñeiro. Eu tomáballe o pelo dicindolle que, na pía bautismal, a José Piñeiro Mourelle alguén lle trocara a auga bendita por tinta de imprentar. Dotado dunha habelencia case xenética, Piñeiro contoume que, de neno, cando viñan os circos a Compostela, conseguía unha entrada, imitaba o molde na imprenta do pai e logo regalaba ou vendía, segundo lle acomodara, as localidades impresas de matute. Cando o pai se enteirou, polo visto, armoulle unha boa!
Ao xeito dos vellos, dos nobres impresores humanistas, Piñeiro amaba o seu oficio. Para ponderar a textura do papel entre os seus dedos, pechaba os ollos e logo decidía sobre o que conviña para un determinado libro.
Conste que nunca fun amigo da necrofilia tan característica dun país no que semella non existir maior mérito ca morrer para que a alguén se lle recoñezan méritos, que, por ignota razón, se lle ignoraban en vida. Pero, agora que nos falta, sentía eu a necesidade de contar quen foi para min Piñeiro. Coñecéndoo, estou certo de que non lle ha parecer mal.

No hay comentarios:
Publicar un comentario