3.7.17

Da convivencia



Que nun mesmo informativo da caixa tonta convivan noticias de talante radicalmente oposto dá fe, ao meu modo de ver, do fondamente contraditoria, e aínda paradoxal, que é a sociedade na que nos tocou vivir. Durante varios minutos, o telexornal detense no pormenor do World Pride, celebrado multitudinariamente en Madrid. Pouco despois, as imaxes reflicten a liorta que se organizou nunha piscina pública do país, creo que en Ourense, porque a unhas señoras se lles ocorreu quitar a parte de arriba do biquini. A primeira das novas testemuña ata qué punto condicións sociais non hai moito consideradas mesmo delictuosas (ser homosexual masculino no franquismo era legalmente un perigo social equiparable ao que  supoñían os vagos e maleantes), son hoxe materia común da que non se sorprende ninguén (a non ser que se viva na caverna, que de todo hai). Paradoxalmente, a segunda noticia evidencia que non todo o camiño está andado e que aínda pervive algo do sabucho reprimido e represor que, en punto á sexualidade, caracterizou a sociedade española durante décadas. 
Como cidadán, nesta como en tantas outras ramas da vida, sigo unha regra de ouro, unha desas máximas que debían ter copyright e cobrarse de cada vez que son usadas, de tan rendibles e produtivas que resultan: o meu dereito remata onde comeza o do outro. Persoalmente, estimo un chisco esaxerado que, para reivindicar a normalidade social das relacións homosexuais masculinas, un señor teña que ir a unha mani vestido de señora, con rimmel, peluca, medias e taconazo, e non porque a min me moleste (que non) senón pola estridencia en testemuñar unha condición, calquera que sexa, pois, no fondo, toda estridencia é superflua e, probablemente innecesaria. Pero ata aquí o meu dereito a que este comportamento se me alcance estridente. Onde remata o meu dereito, comeza o deste señor a facer o que lle pete, sempre, naturalmente, dentro do respecto ás persoas e a súa integridade. 
A indignación derivada de que unhas señoras descubran os seus peitos en público alicerza, sen dúbida ningunha, no machismo dunha sociedade patriarcal, que converteu tan nobilísima parte do corpo feminino nunha diana do desexo sexual. Ou é que alguén se ofende cando unha nai publicamente dá o seo ao seu meniño para alimentalo? Pero, máis que nisto, esa indignacion deriva de que ao principio da tolerancia, base de toda convivencia, lle falta un fervor no noso país, substituído torpemente en moitos casos pola pretensión da imposición. E así nos vai.

No hay comentarios: