25.7.16

O prezo do vento



O sociólogo norteamericano Jeremy Rifkin, convencido de que no futuro todos os medios de enerxía serán gratuítos, fai unha suxestiva reflexión: imaxinar que o vento ou o sol nos mandaran a factura. Respecto do astro rei, por certo, de tarifarse a súa luz consonte os criterios actuais das eléctricas, non nos ía chegar o soldo dun ano para pagarlle un segundo… Pero, indo ao rego, a reflexión é moi interesante, penso eu, pois induce a considerarmos o malísimo trato que prodigamos a unha natureza que nos dá tanto por tan pouco. Canto máis se profunda no coñecemento do universo (a recente aproximación da sonda Xuno a Xúpiter é algo simplemente impresionante), máis semella confirmarse que o noso planeta, no contexto dun sistema de calores abrasadores ou fríos glaciais, de mundos de rocha, area, escuridade e silencios eternos, é un verdadeiro milagro. Non sei vostede, pero eu, que son doada présa dos transportes do entusiasmo, non deixo de sentir como un privilexio o que de cotío ignoramos ou cremos insignificante. A paisaxe dun río, por exemplo, coa súa espontánea combinación de auga, pedra, terra e plantas arroupada pola fresca melodía dunha fervenza, pode resultar un prodixio de deseño se o mensuramos con termos humanos. Cantas veces, en efecto, é a natureza directa inspiradora do labor humano! Olle vostede unha mazá: para alén da súa beleza e harmónica perfección, o seu sabor parece pensado a mantenta para agradar, ata un punto imposible de acadar pola man do home, pois, como é perfectamente sabido, un iogur de mazá non sabe a mazá senón a iogur de mazá. 
Na incalculable soidade do cosmos, a exclusiva marabilla da vida ten levado o home a transcenderse a si propio e invocar, en toda cultura, época e xeografía, unha providencia divina capaz de dar forma a tanta asombrosa variedade e perfección. Confeso, persoalmente, que prefiro a explicación de Darwin e que nunca me fixo demasiada falta un deus, alá cada quen. De seu, a natureza é un agasallo organizado, como os coches de antes, para durar eternamente e ofrecer sen taxa a súa prodigalidade. Neste recanto de Galicia onde ao mundo lle chamaron con fermosísimo nome Amaía, o bosque, un lagarteiro no aire, o aroma da terra virada e o horizonte dunha congostra entre carballos lémbranme, en contraste, que a vileza, a crueldade, a ambición sen límites e o odio dos homes constitúen unha dolorosa, e inexplicable, contradición.

2 comentarios:

A profa dijo...

Esta entrada está duplicada. Saúdos.

juan l. blanco valdés dijo...

Obrigado, profa, entrada duplicada eliminada.