En 1999
adicóuselle o Día das Letras Galegas ao cidadán Roberto Blanco Torres,
xornalista, pensador, político e escritor. Nese mesmo ano a miña universidade e
o Concello de Cuntis, grazas a unha iniciativa do meu colega editor e amigo
Víctor Freixanes, profesor da nosa Facultade de Ciencias da Comunicación, axiña
acollida con entusiasmo polo daquela reitor Darío Villanueva, estatuíron o
Premio anual 'Roberto Blanco Torres' de Xornalismo de Opinión, que durante anos
publicamos nas prensas universitarias. O primeiro galardón foi para outro
benquerido amigo, Xesús Alonso Montero, pola súa columna de fermoso título Beatus qui legit. Fora determinante o
empeño de Xesús para que, non sen resistencias iniciais, a Academia decidise
nomear a Roberto, en realidade autor só de dous libros editados, o autor das
Letras no 99. Lembro a voz, luminosa, ridente, de Xesús no outro lado da liña
telefónica, dándome a boa nova, pois el sabía de tempo atrás da querencia de
meu pai e da miña propia na restitución da memoria civil de «tío Roberto».
En 2003 o
premio Blanco Torres concedeuse postumamente ao cidadán Carlos Casares Mouriño,
xornalista, pensador, político e escritor, pola súa columna Á marxe, a última das cales na nosa edición, ao igual que no xornal onde se publicaba,
deixamos baleira polo seu prematuro pasamento, tan absurdamente inxusto.
Casares naceu en Ourense en 1941, a mesma
cidade de cuxo cárcere cinco anos antes fora sacado Roberto para un «paseo»,
que rematou en terras arraianas do Entrimo, cun certificado de defunción, gris
, implacable e frío como os anos que se aveciñaban, no que a causa da morte era
«traumática hemorragia interna». Casares, que contaba 34 anos cando palmou Su
Excelencia, debeu sufrir a terrible vixilia de toda a súa xeración durante tan
longa noite, tan de pedra. Non lles envexo aqueles tempos.
A Academia, presidida hoxe por Xesús, quen, por certo, se xa peitea canas, anda tan rufo
como un rillote, decidiu, con xeral aplauso, adicar o Día das Letras Galegas de 2017 a Carlos
Casares Mouriño, a quen eu, en memoria do meu parente e do propio autor, editei
con todo o mimo do que fun capaz en 2003.
Eu creo que, galgando por riba do tempo, unindo nomes e vontades, volvendo ideas en accións, hai bucles que semellan pecharse dun xeito extraordinariamente elegante, case como se nalgures estivese escrito con zume de limón que eses nomes e vontades, esas ideas e accións, tarde ou cedo habían de cruzarse. Pero, ao mellor, doulle de máis á cabesiña, non digo que non.
Eu creo que, galgando por riba do tempo, unindo nomes e vontades, volvendo ideas en accións, hai bucles que semellan pecharse dun xeito extraordinariamente elegante, case como se nalgures estivese escrito con zume de limón que eses nomes e vontades, esas ideas e accións, tarde ou cedo habían de cruzarse. Pero, ao mellor, doulle de máis á cabesiña, non digo que non.
1 comentario:
Alédome.
Ben o merece.
Publicar un comentario