
A migración do
rural ao urbano e a difícil convivencia entre as fortísimas inercias da
tradición e as suxestivas luces da modernidade amósanse en Galicia cheas de traumáticas mestizaxes e producen contrastes contundentes entre dúas
velocidades de desenvolvemento socio-cultural. Íncola dunha urbanización de
acaroados na volta de Compostela, teño para min que, en moitos respectos, vivo,
razono e funciono a anos-luz de cidadáns que habitan a escasos douscentos
metros do meu domicilio. Non fago valoracións éticas sobre estas condicións nin
vou recorrer (estou certo de que o prezado lector non ofendería a miña escasa
intelixencia supoñéndoo) á deprecación do rural, por subdesenvolvido, fronte ao
urbano, por moderno e guai. Ben en troques, a miña fuxida da cidade ao campo
(como a de tantos cidadáns occidentais) respondeu a unha revaloración vital da
natureza, da súa beleza, da súa sabedoría, fronte aos agobios e falsías da
cidade. Pero, precisamente, no contexto dun medio natural soberbio, as
mestizaxes rururbanas ás que antes me refería impuxeron no país o cobro dunha
peaxe insoportable: o feísmo.
Para min, o feísmo representa un verdadeiro problema
vital, que levo, debo dicir, moi mal, pois, enamorado como son da nosa paisaxe atlántica, do
engado céltico dos nosos bosques, da luz incomparable desta esquina nórdica e
verde, o impacto visual do horror urbanísitico e maltrato do medio é brutal e
irremediable. Agora que semos europeos e
os nosos fogares e ambientes réxense por altos criterios de estética, calidade
e deseño (con obvios beneficios para Ikea), vivir arrodeado de palafitos, salpicón
urbanístico, aberracións de ladrillo e cemento, uralita, lixo e aluminio é simplemente un
pesadelo: un dos grandes patrimonios de Galicia debidos, por certo,
exclusivamente aos galegos
No hay comentarios:
Publicar un comentario