5.9.12

Unha de politica exprés


A este vello crocodilo, que chora por tantas cousas, non lle gusta facelo por política. Non; este crocodilo, comprobando que, como dicía Daniel, a política será fea pero moitos tolean por ela, prefire chorar por outras moitas cousas da vida, porque, aínda que pareza incrible cada vez que un abre un xornal ou liga a caixa tonta para ver o parte, hai outro mundo para alén da política e do tsunami diario de analistas, opinadores, expertos, politólogos, comentaristas, eséxetas e interpretadores de toda laia. Porque se, en efecto, todos temos a sensación de que a xestión da cousa pública se profesionalizou ata extremos deplorables, non é menor, cando menos para min, a convición de que se precisa dunha especialización case erudita para esmiuzar as claves dun exercicio que, en tanto que alicerce do funcionamento social, resulta de feito moito máis simple, pois a xente non é parva. Na miña calidade, por tanto, de mero cidadán que apela (privilexios da independencia) ao seu dereito a interpretar o que lle pete, dentro do escrupoloso respecto ás persoas e dende a súa deleitosa áurea medianía, vou ensaiar unha visión exprés da situación política do país. 
Un elemento que me parece sublime é que, dende as máis variadas instancias, se apele á fin do goberno de Feijoo como condición sine qua non para solucionar todos os males do país, cando hai menos de catro anos Feijoo apareceu, con contundente obviedade, como a sorpresiva ―máis ca sorprendente― alternativa a un goberno bipartito de infame recordación, ao que unha enormidade de votantes nunca lle perdonará que, tendo por vez primeira a chave histórica dunha alternativa real ao goberno da dereita, se esforzase en facer bos os peores tópicos sobre a política nepotista, clientelar e chiringuiteira. Menos de tres anos despois, planea sobre un atónito electorado a sombra dunha nova edición daquela bochornosa entente, con algúns extras que, como o dobre de mozzarella na masa, fai unha pizza irrepetible: un candidato perfectamente coñecido na súa casa á hora de xantar e tan encantado coa perspectiva de subir á gestatoria de San Caetano que se fuma todo principio democrático na súa elección (¿?) e os residuos dunha coalición contra natura que resistiu como puido os embates intestinos da secesión ata que o atroz veredito das urnas esixiu cabezas e responsabilidades. No entanto, supoño que o espírito do inefable don Manuel seguirá, como a pantasma do Louvre, deambulando polos pasillos e salas de San Caetano, susurrando nos oídos de don Alberto que tire proveito mentres poida, pois, como en Dinamarca, tamén na verde terra de Breogán algo cheira a podre. 

No hay comentarios: