24.5.12

Loureiros literarios


Cando escribir era un oficio serio e, como en todos os oficios serios,  a excelencia acadábase como resultado da perseverancia e o esforzo, troquelouse o tópico de que «a novela é xénero de madurez». Hai uns días, xirando visita  a un amigo a la sazón membro do xurado de certo premio municipal de novela convocado anualmente en cordial entente cunha editorial patria, reparei nunha pobre silla ateigada de fotocopias encadernadas en canutillo que obraba no seu despacho. O meu home, con xesto resignado, indicoume que eran os orixinais candidatos ao premio en cuestión.  Mudando silla por parede, lembrei o grafito de Pompeia: Admiror paries, te non cecidisse ruinis qui tot scriptorum taedia sustineas. É sempre de apreciar o cultivo das letras, pero entre o estímulo razoable á creación literaria de calidade e alentar con diñeiros públicos a grafomanía compulsiva sitúase a delgada liña vermella que separa unha novela construída con criterio da ramplonaría militante, que, mesmo, hai que ameritar igual por non deixar deserto o galardón. Non sei quen dixo que «eu nunca me presento a premios literarios para non correr o risco de que non mos concedan». Coquetéase dese xeito coa posibilidade nunca desmentida ―claro― de que un non ten máis premios polo simple feito de que non se presenta a eles, que se non… Ese é probablemente o convencemento de moito grafómano que por aí respira para suxestionarse do amiguismo e arbitrariedade da maior parte dos galardóns cando, en realidade, devecería polo momento de gloria dun premio xa non grande grande, senón o dun concello por aí, que dera o pase para unha plana con foto nos xornais con algún editor «oficial»  e un talonciño ao portador de catro cifras. Fun xurado dun premio moi consolidado no país e podo asegurar que ao lado dun par de cousas, digamos, dignas, o resto (sobre dez ou doce orixinais, previamente peneirados) farían xustísimo inquilinato no corbe dos papeis. O malo destas cousas é que ao final non se sabe se vai primeiro o ovo ou a galiña, ou sexa se é o circuíto anual de premios o que consolida unha oferta de orixinais permanentemente sobredimensionada  ou aqueles responden con ponderación ás demandas de recoñecemento social que toda creación estética de calidade precisa. Que, noutros tempos, o premio Nadal correspondeu historicamente a esta última categoría é indubidable. Que a maior parte dos actuais premios literarios galegos encaixan na primeira é tamén, ou a min mo parece, indudidable. Pero, en fin, mentres se manteña acesa a chama sagrada…  de gustibus non disputandum. As vías polas que creación literaria se canoniza son, coma os camiños do Señor, inescrutables. O día menos pensado danme un premio a min, que xa é dicir.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Podo asinar o que vostede di, sen risco a cometer imprudentes comentarios sobre o nivel ese do que vostede fala. Vostede dará observado que moitos deses aos que vostede lle recomenda inquilinato noutro lugar, saen publicados despois. E gañan premios noutro lugar. Que xa manda. Pero xa digo, excesiva imprudencia?
Manuel Ángel Candelas

juan l. blanco valdés dijo...

O artigo saíu onte no Correo Gallego e un comentarista (co alias de Pelotari, ou sexa que calcule Vde., don Manuel) tidoume de "pagado de min mesmo", eu que non me presentei xamais a un premio convencido da escasa calidade de todo o que fago! En fin, sempre parece que hai un remusmús de envexa ou malestar. Bueno, agora que reitero case diatiamente o ximnasio, estou pensando en candidatarme a Míster Músculo Veterano... Apertas a moreas delas, amigo.