30.5.12

Eloxio da discrepancia


Poucos termos debe haber tan complexos de definir e, non obstante, tan perceptibles e «todoterreo» como cultura. No seo dunha sociedade globalizada onde andamos todos uniformados como na China de Mao ―o que son as cousas―, cultura sobardou as nobres lindes máis ou menos estables do produto antropolóxico, xa individual (é un tipo de moita cultura), xa colectivo (a cultura galega), para, recuperando o seu valor neto de cultivo, invadir territorios máis prosaicos: a cultura do lecer, a cultura do consumo, a cultura do viño son expresións perfectamente contemporáneas. Sobre este suposto, vou permitirme ensaiar un argumento: en España non temos cultura da discrepancia e, dende a miña modesta experiencia vital e profesional, traduzo desta eiva un pesado lastre colectivo que dimana nun ambiente colectivo permanentemente electrizado. A escena goiesca de dous tipos aporreándose a conciencia é a imaxe icónica dun país condenado a non entenderse e dunha sociedade onde a discrepancia se suxeita normalmente a tres parámetros: a) levar razón é signo inequívoco de maior autoridade e, polo tanto, do ínfimo valor do discrepante; b) todo vale (berrar máis, ser máis agresivo, máis chulo, máis pretendidamente enxeñoso…) para forzar o discrepante a renderse; c) chegado un punto, resulta moito máis importante a humillación do contrario ca o propio valor dos argumentos. Para mostra, lembre vostede calquera das súas últimas visitas ao zoolóxico político do país. Como editor, responsable polo tanto de procesos complexos que atinxen a moitas persoas e sensibilidades de cara a un único resultado final ―o libro―, levo aprendido moito na magnífica escola que é a discrepancia. Discrepar implica perfilar os argumentos a prol ou en contra, establecendo necesariamente un torneo dialéctico extremadamente rendible en termos de eficiencia e calidade nos procedementos. Lembro con afecto, e se el me le tamén a lembrará, a cordial discrepancia que mantivemos certo autor e mais eu recentemente sobre a estética e deseño da cuberta do seu libro. Nunca lle discutín por querer levar a razón senón por crer honestamente na validez dos meus criterios. Ao final, chegamos a unha solución de compromiso que conduciu a unha fermosa cuberta e, o que é mellor, a incrementar un emocionante sentimento de afecto mutuo. O mundo non é unha arcadia, vale, pero tampouco, malia empeñármonos, o escenario dunha guerra sen fin.

No hay comentarios: