A vida é un lugar estraño. Cando escribín o primeiro post desta bitácora, os meus fillos tiñan once e sete anos e agora teñen dezaoito e catorce. Así, como os poetas, mensuro eu o tempo. Este recuncho, a mesma pantalla, o mesmo bastidor de texto no que tecleo estas verbas é a paisaxe coñecida, amada, ás veces anoxada, na que durante 841 momentos (este fará o número 842) fun sementando testemuños, opinións, ideas, argumentos, contos, poemas, experiencias... provocando en quen se achegaba a cada un, pois segundo que: risa, pena, saudade, coraxe, criterio, enfado ou solidariedade. Máis de 1000 comentarios. Tampouco son tantos, diredes, para tanto tempo, e é certo, pero para min representan un néctar, mel do Courel, a interacción intelectual con moita xente que me transmitiu unha morea de sensacións.
As cousas son así: todo empeza e todo remata. 842 non é un número significativo nin redondo, non simboliza nada. Que desapareza Fragmentos da Galaxia tampouco significa nada. Probablemente este post non provoque nin sequera un comentario porque é probable que ninguén o lea. Fragmentos da Galaxia, como a moza feuchiña do baile, foi ficando soa pouco e pouco, consonte as rapazas máis garridas da festa ían atopando galán. E eu sinto agora a súa soidade como a desa moza: unha soidade soa, un irse paseniño cara a unha despedida anónima e que a ninguén no fondo importa. Xa chorará na cama.
O razoamento final desta bitácora é o mesmo do seu primeiro post: sempre escribín para min, sen me importar prazos, liñas ideolóxicas, temas ou fidelidades, nin sequera con moito coidado de ser fiel a min mesmo. Finalmente, Fragmentos da Galaxia, como o vello álbum de cromos que un día foi o brillante protagonista das ilusións dun neno, xa maltreito e cos cantos dobrados. perderase no faiado da memoria.
Grazas.
13 comentarios:
¿que podo dicir para que quede? ¡vaia parvada sentir mágoa dirán! pero é o que sinto, soa vou quedar eu, cicacis como aquel día en Granada que a calor abafante me fixo pensar en facer un blog porque algo había que dicir, Galicia estaba a arder, como agora, e sentía a necesidad de falar, aínda que non sabía para quen...o esmorecemento dos blogs vense sumar a un silencio moi desacougante...cicais pódenos a carraxe dun entorno incomprensible onde non atopamos sentido a nosa propia voz, pero que lle conste que ocupa vostede un lugar que lle da prestancia a este choio, ¿e se fai unha paréntese e volve axiña? unha apertísima
Ana querida: mil grazas polo teu alento, a túa intelixencia e a túa cercanía. Dicía que o post probablemente non suscitaría nin un so comentario. Non pensara en ti. Mel do Courel. Pensareino, se ti mo pides.
Pois, amigo Xoán, vas ter, cando menos, un comentario máis. É certo que todo o que empeza debe rematar, pero a andaina foi de bo froito, malia que os comentarios escaseasen dun tempo a esta parte. Supoño que os blogs terán que ir deixando paso a outra maneira de nos atopar. Para min, tamén para os meus alumnos, foron moi útiles, moi produtivos. E o meu -o noso- Plácido, que tiña 15 no post número 1, segue a procuralos e a comentalos comigo por teléfono. Unha aperta de irmán. Esas bágoas do Correo deberían continuar, que algo é algo.
pensar si, pero en alto, SE CADRA TEMOS QUE PASÁRMONOS AS MAIÚSCULAS QUE SEICA SE LEN MELLOR, AÍNDA QUE NON NOS APETEZA MOITO, HAI QUE BERRAR, ANTES, DURANTE E DESPOIS DE QUE NOS MANDEN CALAR CUN REAL DECRETO NA MAN, A SEGUIR AMIGO!
Boa sorte e ata sempre.
¡que non vos despidades que vai seguirrrrrrrrrrr!
Non, se ao final Ana vai levar razón... Grazas polos azos e mil apertas a todos.
Don Juan, un fiel seguidor comprende a súa soedade e a súa decisión de deixalo, mais non pode non sentir mágoa por iso. Non sei cando nos veremos.
Únome aos que animan a que Fragmentos da Galaxia non desapareza. Síntome culpable por ter lido en silencio, sen aportar ningunha palabra miña a cambio das sempre interesantes reflexións que nos ofreces, Juan. Unha aperta.
A ver se coa axuda de Ana Bande lle imos dando a volta ao partido. Como non pode ser doutro xeito, eu tamén avogo pola continuidade deste blog e pola volta dos que, malia seren mágnificos, foron caendo para tristeza dos seus seguidores, e moi especialmente, xa que anda por aquí, o Arume dos Piñeiros. Así que vaian pensando que cambios se precisan para reflotar as naves e retomar a rota.
ahí estamos Diéguez, por fragmentor, arume e polos que tiñan pensado marchar e aínda non o fixeron...
Vale, vale, van facerme chorar e todo... Poucos pero selectos, qué carallo. Total, a cabesiña está todo o día traballando... Apertas sinceras e obrigadísimo polo afecto e a cercanía.
Pois eu sinto mágoa. Un blogo é como unha persoa ou un libro e se desaparece pérdese unha forma única de ver o mundo.
Pero se ten que ser que sexa.
Publicar un comentario